Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 16.08.2018 Actualizado 20:22
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

PAVILLÓN DE REPOUSO

A vida exemplar de Janusz Korczak

PABLO VAAMONDE  | 17.01.2018 
A- A+

Janusz Korczak é un personaxe de gran relevancia internacional que, sen embargo, é pouco coñecido neste país. O meu amigo Antonio Pombo Sánchez, pediatra compostelán, ven de publicar un fermoso libro (La derrota de la razón, Xoroi Edicións, 2017), co que tenta recuperar para a memoria colectiva a figura deste educador e médico que tivo, durante a súa traxectoria vital, unha conducta rigorosamente exemplar entregada á atención da infancia desprotexida.

Cando xa era un pediatra prestixioso abandonou o seu traballo no hospital e a atención aos fillos das clases altas de Varsovia para dedicarse plenamente a atender aos nenos desamparados. Fundou e dirixiu dous orfanatos (Dom Sierot en 1912 e Nasz Dom en 1919), que acolleron a centenares de nenos xudeus e polacos, rescatados dunha vida de abandono e mendicidade. A esta tarefa dedicou a vida enteira ata a súa morte en 1942.

O momento final da súa vida1 foi un acto de gran heroísmo, reflexado na literatura ('El pianista', de Wladyslaw Szpilman2), no cine ("Korczak", de Andrzej Wajda3), e no teatro ("Último tren a Treblinka", dirixido por Mireia Gabilondo4). O 5 de agosto de 1942 os nazis (que invadiron Polonia no 1939 e crearon o gueto de Varsovia ao ano seguinte) obrigaron aos douscentos nenos que quedaban no orfanato a subir a un tren que os levaría á morte no campo de exterminio de Treblinka (“tren de morte, anden de morte” escribiu o poeta Jaime Vándor). Korczak, coa saúde xa moi deteriorada naqueles momentos, non abandonou aos seus protexidos: púxose á fronte da comitiva e acompañou aos nenos (que pensaban que ían de excursión) a unha viaxe que el xa sabía que os levaba camiño da morte.

Este acto final é a conclusión lóxica dunha vida de coherencia implacable gobernada por un severo compromiso ético. Betty J. Lifton (The King of Children: A Biography of Janusz Korczak, 1988) escribiu a este respecto: “A decisión de abandonar a medicina para ocuparse dos orfos pobres, a decisión de vivir no gueto con eles, a de ir a Treblinka cos nenos: estaba na súa natureza. Korczak era así”. É moi destacable esta decisión final da súa vida; non abandonar aos nenos e acompañalos ao terrible destino ten un elevado valor simbólico e moral. Pero, aínda así, o máis relevante é a coherencia irredutible dunha vida enteira. El mesmo escribiu, de xeito premonitorio: “O máis fácil é morrer por unha idea (...). O peito furado polas balas, un regueiro de sangue...e un cadaleito cheo de flores. O máis difícil é vivir por unha idea, día tras día, ano tras ano”.

Naqueles tempos de Holocausto, barbarie e desolación, a vida de Korczak é unha presenza luminosa que debemos lembrar. Para iso sirve o libro de Antonio Pombo: para non esquecer que o Mal está sempre presente na historia da Humanidade, e cómpre ter referentes aos que seguir para facerlle fronte. Os campos de refuxiados que acollen a millóns de persoas fuxitivas dos seus países de orixe teñen unha enorme semellanza cos campos de concentración. En pleno século XXI5 son os países occidentais os que poñen barreiras, converten a vida de tanta xente nun horizonte sen saída e miran para outro lado. Hai que estar alerta, porque as desgracias do pasado poden volver a repetirse, e non o debemos consentir.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

(1)

https://vimeo.com/29634762

(2)

https://es.wikipedia.org/wiki/W%C5%82adys%C5%82aw_Szpilman

(3)

http://www.culturalmenteincorrecto.com/2012/08/por-javier-mitchell-trailer-font.html

(4)

https://vimeo.com/197201262

(5)

https://elpais.com/elpais/2017/02/09/planeta_futuro/1486637052_546171.html

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS