Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 21:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A vila máis ecolóxica do Estado

A Fundación Biodiversidad declara San Sadurniño como municipio "verde": os veciños utilizan placas solares coas que logran un aforro dun 60% en auga quente, teñen unha horta con froiteiras autóctonas e apostan pola compostaxe para tratar os residuos

PATRICIA HERMIDA   | 21.03.2011 
A- A+

Kiko Delgado
Manuel Varela, esquerda, e Ignacio Fernández nos xardíns do Pazo da Marquesa, recuperados para o gozo dos habitantes de San Sadurniño
FOTO: Kiko Delgado

O rato de cidade soña con converterse en rato de campo. Sobre todo se pode substituír o mundanal ruído polo locus amoenus de San Sadurniño. Bombeiros, escultores e empresarios optan por asentarse ás beiras dos ríos Castro e Xubia. O enganche verde tamén seduciu a Fundación Biodiversidad, que converte este municipio de Ferrolterra no máis ecolóxico de España. Na guía 35 Ideas para conservar a biodiversidade do seu municipio, San Sadurniño destaca polas súas hortas de froiteiras autóctonas, os seus xardíns botánicos e o auxe de cooperativas con afán ambiental. Ata os seus veciños empezan a autoabastecerse de enerxía con placas solares. Atención urbanitas: a cidade morreu, longa vida ó campo!

A Fundación Biodiversidad agradece "a produción ecolóxica do municipio: non ten propiedades rústicas propias pero buscou parcelas privadas e logrou un acordo para o asentamento da cooperativa de consumo ecolóxico A Xoaniña". A administración local tamén lle cedeu unha leira á Asociación Galega de Froita Autóctona do Eume, onde se plantaron 250 variedades de froiteiras en perigo de ­desaparición: Cereixas negras do San Cristovo, ameixas collón de frade negro, pexegos Maniños, peras rabudas de cedo, mazás coiro de sapo. Semellantes lambetadas de nomes escatolóxicos buscarán a súa multiplicación pola vila, como no milagre dos pans e os peixes.

A horta experimental ten unha finalidade divulgativa e tamén produtiva, os veciños usarán o viveiro para realizar enxertos nas súas propias leiras. Cen persoas xa participaron en cursos de poda. "E nos supermercados non atopas estas mazás e ameixas", recalca Ignacio Fernández, axente de desenvolvemento local e redactor do proxecto premiado.

Segundo o alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal (BNG), "a Fundación Biodiversidad recoñece as nosa boas prácticas e xa temos un proxecto europeo con municipios de Italia, Alemaña e Suecia". Entre a horta autóctona e o río Grande de Xubia álzase o Arboreto: un xardín botánico dedicado á protección e cultivo de especies leñosas. Como indica o Concello, "aquí podemos atopar unha carballeira, un souto, un teixedal, un bosque de ribeira, un faial, un sobreiral e unha fraga". Na ribeira álzase unha escultura de Carlos García, un pensativo camiñante trazado a golpe de motoserra. Xunto ás sendas froiteiras, a partir de abril burbullearán as colmeas. Segundo Manuel Varela, primeiro tenente de alcalde, "terán unha función didáctica, utilidade para os apicultores e mesmo unha lóxica ambiental, xa que as abellas son imprescindibles para a polinización, coa produción de froitos e ou rendemento das colleitas... ademais, en Galicia estamos sufrindo a desaparición dos enxames".

Esta vila de 3.119 habitantes conserva os muros e fachadas antigas para o refuxio da fauna, promove a xestión racional do monte con acordos entre os propietarios, celebra feiras de plantacións con demostracións de cociñas solares e reparte unidades de compostaxe entre os veciños. Chama a atención o masivo uso da enerxía solar a domicilio. O colexio ten en funcionamento placas fotovoltaicas e vende a enerxía a Gas Natural Fenosa, con placas térmicas consegue auga quente. O sistema lévase agora a instalacións deportivas e locais sociais. E os veciños usan desde hai tempo placas solares para a auga quente, cun 60% de aforro en consumo e grazas a descontos do 20% propiciados pola administración. Moitas das iniciativas impulsáronse grazas ós orzamentos participativos e o Consello Municipal de Participación Cidadá, "os primeiros regulamentados de Galicia e en marcha dende 2008".

Última parada ambiental nos xardíns do Pazo da Marquesa, aristócrata que cando faleceu no ano 1953 aínda era dona de boa parte do municipio (casas de labradores incluídas). Tanto estas zonas verdes como os edificios do marquesado pertencen agora ó Concello de San Sadurniño, que conta con 500.000 euros dos Orzamentos Xerais do Estado e 150.000 da Deputación Provincial da Coruña para a súa rehabilitación. Xunto ó palacete do século XIX recuperouse un xardín botánico, por onde corricou de neno o rei Alfonso XIII como afillado da marquesa. Agora pasean por el os propios veciños, tras máis de 100 anos pechado ó público. Ata alí achéganse antigos traballadores da marquesa. Como un recollepelotas ó que a aristócrata esixía que "usase unha luva para entregarlle as pelotas de tenis". Quizais para evitar a perigosa mestura de clases. Cousas dos antigos potentados.

O DATO

Galardón a Agareso e Amigos da Terra

A Fundación Biodiversidad tamén premiou o documental Golfo de Fonseca: A loita por un futuro sostible realizado pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e Amigos da Terra, gañou o segundo premio na modalidade de comunicación e creación. Amigos da Terra e Agareso comezaron no ano 2009 un proxecto de sensibilización para dar a coñecer o traballo que Amigos da Terra leva a cabo no Golfo de Fonseca en temas de pesca artesanal sostible. O documental é froito da visita da reporteira audiovisual, Laura López; o operador de cámara, Cristóbal Martín; o fotógrafo, Carlos Puga e as xornalistas, Estrella López e Eva Alonso a Nicaragua, O Salvador e Honduras. Os galardóns entregaranse o vindeiro 2 de xuño no Ministerio de Medio Ambiente.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS