Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 19.08.2017 Actualizado 16:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Villares critica o "horario de oficina" do servizo de hemodinámica do Hula

Táchao de discriminación a Lugo

LUGO. EP  | 09.08.2017 
A- A+

O portavoz de En Marea, Luís Villares, comparou que a unidade de hemodinámica no HULA de Lugo funcione en "horario de oficina", de oito a tres e non todo o día, coa xestión que fixo a Xunta, "con varios mortos", na administración das vacinas da hepatite C.

En declaracións a Europa Press, ironizou que "ao PP", único partido en Lugo que non está a reclamar a totalidade do servizo as 24 horas, "faille falta unha revisión médica".

Baixo esa premisa acusou aos populares de "estar xordos completamente, e están xordos porque non escoitan á sociedade, nin aos profesionais que están a reivindicar as necesidades deste sistema de hemodinámica as 24 horas".

"Non pode ser que dispondo dos medios como dispón o HULA non se faga esa actuación. Sabemos que ao non facelo todo o día, o índice de supervivencia e recuperación integral das persoas infartadas é menor por unha decisión administrativa e non médica", afeou.

Esta situación levoulle a comparala "co que ocorreu cos enfermos de hepatites C, que morreron por falta de medicamentos e non por decisións médicas senón administrativas".

"Isto é intolerable, é unha discriminación de cara a Lugo e de dotacións do HULA que consideramos inadmisible", censura.

CRÍTICAS AOS CAMBIOS NA LEI DE SAÚDE

Villares tamén aproveitou para desvirtuar o anteproxecto de lei que modifica a Lei de Saúde de Galicia e que vai afectar " de forma moi grave á provincia de Lugo, porque se van equiparar as áreas sanitarias" (en Lugo hai tres, a da cidade co HULA, a de Monforte e Burela) "coas áreas de xestión integrada e iso significará que toda a provincia vai quedar incluída nunha soa área sanitaria".

Alerta que "iso vai producir como efecto secundario a marxinación da atención primaria" e advirte que se poderían producir "unha serie de problemas que xa existían que se converterán en endémicos como son os permisos por vacacións, máis recortes no verán como ocorre no Courel, Foz ou na Milagrosa (na cidade de Lugo), ou recortes en atención pediátrica na montaña e en Chantada".

A xuízo de Villares, "isto vai significar a perda de xestión dos hospitais comarcais (Monforte e Burela) e perda de servizos. Esta é unha reforma moi daniña para a provincia de Lugo", avisa finalmente.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS