Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 18.06.2019 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Villares desacredita a auditoría sobre as primarias de Podemos

Acusa a Gómez-Reino e Iglesias de ter "mal perder" // Insta os críticos a asumir o resultado e cre que Gómez-Reino está "enfadado" porque "non cumpriu" o encargo de Pablo Iglesias

Villares, no plenario de En Marea
 - FOTO: EN MAREA - Archivo
Villares, no plenario de En Marea - FOTO: EN MAREA - Archivo

SANTIAGO. EP  | 10.01.2019 
A- A+

O portavoz de En Marea, Luís Villares, desacreditou o informe pericial encargado por Podemos Galicia sobre as primarias do partido instrumental que outorgaron a vitoria á lista encabezada polo maxistrado lucense, quen insta o sector crítico a asumir o resultado das votacións.

Nunha entrevista concedida este martes á TVG, Luís Villares asegurou que a auditoría encargada polo partido morado achega "afirmacións falaces" porque "se fixo, como quen di, por teléfono". Fronte a iso, lembra que a coordinadora de En Marea encargou "unha auditoría adicional" a un perito do Colexio de Informáticos de Galicia que tivo acceso á totalidade do sistema e que constatará, segundo Villares, que "todo estivo en orde".

"O que di a auditoría (de Podemos) son dúas cousas: en primeiro lugar, que ningún sistema de votación é seguro no mundo, e iso Ángela Merkel sábeo perfectamente porque esta fin de semana lle 'hackearon' os datos persoais; e o segundo que di é que non se constataron irregularidades no proceso de votación, o cal a nós nos satisfai", aseverou.

En concreto, o informe pericial contratado polo partido morado di que "non se pode garantir a integridade dos resultados do proceso electoral acontecido nas votacións do 22 e 23 de decembro", e que a empresa que desenvolveu a plataforma "non ten experiencia suficiente nin cualificación para levar a cabo un desenvolvemento cunhas garantías de seguridade adecuadas". No entanto, o perito recoñece que non puido constatar irregularidades ou fraude nas votacións ao non ter acceso á totalidade da plataforma.

Para Villares, estas afirmacións son "falaces" e enmárcaas nun contexto de "mal perder" por parte do partido que en Galicia encabeza o deputado Antón Gómez-Reino, quen, segundo o portavoz de En Marea, está "desgustado" por non cumprir co "encargo" do seu líder de filas, Pablo Iglesias, de que a organización morada se fixese co control do partido instrumental.

CARGA CONTRA GÓMEZ-REINO E PABLO IGLESIAS
"Ese discurso que lanza Podemos onte pola tarde, concretamente Gómez-Reino, haberá que encadralo dentro dunha situación; e é que Gómez-Reino tiña o encargo de gañar En Marea para Podemos e non o consegue, por tanto está enfadado, está desgustado porque non cumpre o encargo que lle fai Pablo Iglesias e non queda outro remedio que tirar contra a propia organización", asegurou Villares.

O maxistrado fai referencia ao anuncio efectuado o luns pola dirección de Podemos Galicia, que un comunicado ofrecía aos seus socios no sector crítico --Anova, EU e algunhas das mareas locais-- iniciar un "diálogo" fóra de En Marea para articular un novo proxecto a nivel autonómico sen contar con Luís Villares e os seus afíns.

"Iso é unha irresponsabilidade", di o portavoz, que remarca que "unha auditoría por teléfono non ten ningún tipo de valor" e, por tanto, non pode servir para "justificar o inxustificable, que é unha ruptura do espazo político". "Sería unha irresponsabilidade que Gómez-Reino e Pablo Iglesias tentasen romper o espazo político de En Marea. Non están os tempos, nin en Galicia nin no Estado español, para andar xogando con rupturas", incidiu.

INSTA A ASUMIR Os RESULTADOS

Así as cousas, insiste en que Podemos e os críticos deben asumir o resultado das bases, que son "quen máis ordena" en En Marea e que "se pronunciaron moi maioritariamente a favor dunha forma de entender este proxecto político".

"O que non parece entendible é que o que perdeu diga: 'ben, como perdín vou convocar un novo proceso de unidade popular simplemente con aqueles cos que ía eu na candidatura'. Xa temos mecanismos internos en que se poden formular as discrepancias, e por tanto, ese é o lugar para facelo", apostilou, en referencia ao Consello das Mareas, que nestes momentos ten 14 postos baleiros porque os electos pola lista crítica non recoñecen o resultado das primarias.

CANDIDATURAS NAS MUNICIPAIS
Así as cousas, ante a posibilidade de que, como parece seguro que ocorrerá en Lugo e en Ferrol, existan nun mesmo concello varias candidaturas da contorna da chamada 'unidade popular' nas próximas eleccións locais; Villares censura que existan "intentos de desestabilizar" as mareas municipais, algo que, di, non fará a dirección que el encabeza.

"É censurable calquera intento de desestabilizar as mareas municipais, nós non o imos a facer de ningunha maneira. As mareas municipais son autónomas", asegurou Villares que criticou a Podemos por reclamar á Marea Atlántica "postos de saída" nas listas para as municipais de maio. "Pero isto que é?", preguntouse.

Cuestionado sobre se a dirección de En Marea alentará a presentación de candidaturas en Santiago e A Coruña --onde as mareas se aliñan co sector crítico con Villares--; o portavoz asegura que "de ningunha maneira" farano. "Nin en Santiago nin na Coruña nin en ningún outro sitio", resolveu.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS