Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Villares vese "absolutamente" apoiado por Beiras

Esgrime que este só secundou un documento "político, non orgánico" // Rexeita que se trate de "recuperar a figura dos liberados" e defende render contas ante os inscritos no plenario

SANTIAGO. EP  | 12.07.2017 
A- A+

O portavoz de En Marea, Luís Villares, segue véndose "absolutamente" apoiado polo histórico nacionalista e fundador de Anova, Xosé Manuel Beiras, e esgrimiu que este limitouse a expresar en redes sociais o seu apoio a un documento "político". "Nin organizativo, nin orgánico, nin doutro tipo", aseverou, en declaracións aos medios nos corredores do Pazo do Hórreo.

Manifestouno un día despois de que Beiras secundase unha emenda do sector agrupado baixo o lema 'Recuperar En Marea' en contra da "moderación do discurso" e de converter a formación rupturista nun "partido clásico". "En Marea só se pode entender como un suxeito en rebeldía permanente que non se somete á normalización política nin á homologación coas forzas do réxime", sosteñen os críticos.

Preguntado acerca de se Beiras cambiou de postura e achégase aos críticos con Villares, o portavoz de En Marea negouno e insistiu en que este prestou o seu apoio a un documento "político" que, en todo caso, haberá que debater no plenario do sábado, que é onde a forza rupturista "debate as cousas".

"Hai partidos que non teñen debate político interno e non teñen que facer plenarios; nós sí. Imos confrontar ideas que moitas veces acaban sendo complementarias e farémolo neste gran espazo, xa que a soberanía reside en todas as persoas inscritas e son elas as que establecen a posición política final", aseverou.

Dito isto, rexeitou considerar o documento dos críticos como unha emenda á totalidade. "Hai moitas cuestións que non deberían ser consideradas como unha emenda á totalidade, senón como un complemento á tese política enunciada polo Consello. Haberá unha parte do documento que se poderá sintetizar cos documentos actuais e, se en algo non é posible facelo, serán os inscritos os que decidan", avanzou.

"FALEI CON BEIRAS PERO NON HOUBO CAMBIO DE POSTURA"

Ante a insistencia dos xornalistas sobre o posicionamento de Beiras e, se sente apoiado por el, Villares respondeu de forma tallante. "Falei con Beiras, pero non houbo ningún cambio de postura porque el se refire a unha cuestión estritamente política", remarcou, antes de subliñar que "sí" sente "absolutamente" avalado polo histórico dirixente "no tema persoal".

"Falamos dunha cuestión reducida a unha tese política", contrapuxo, para insistir, a continuación, en que moitas cuestións se axustarán como "complemento" á tese oficial. Para o portavoz de En Marea, "a única emenda á totalidade que hai" é a que a forza rupturista fai "ao PP e ás súas políticas".

"NON" AOS LIBERADOS

Nas súas declaracións aos medios, mostrouse convencido de que o debate que se vai a dar no plenario será "moi esclarecedor" sobre o "que En Marea" busca. "E digo isto porque hai outras emendas que falan ou se refiren a outros documentos relativos ao tipo de organización e espazo político que queremos", subliñou.

En concreto, indicou que hai algunha emenda que "vai na liña de recuperar a figura dos liberados". "Unha figura que nós queremos desterrar de En Marea. Con recuperar os liberados clásicos nós non estamos de acordo, e aí haberá debate sen ningunha dúbida", augurou.

Non en balde, defendeu que a súa postura é que "as persoas que teñan que traballar" para En Marea o fagan "con criterios única e exclusivamente de persoal de apoio ao traballo orgnaizativo e que non dependan das maiorías ou minorías políticas que, en cada momento, dirixan a organización".

RENDER CONTAS ANTE OS INSCRITOS

Outro dos debates, augurou, virará ao redor da rendición de contas por parte dos cargos con responsabilidades. Respecto diso, sinalou que, nestes días nos que "se fala tanto sobre os textos de Vigo e o que supón recuperar iso", o que "establecen" é que os inscritos son "os que máis ordenan" e, por tanto, ante eles toca render contas.

"Dicían claramente que todos os que temos responsabilidades temos que render contas ante todas as persoas inscritas e o lugar para facelo é o plenario", aseverou.

Sobre as queixas dos deputados do Congreso, quen afirman que non tiveron tempo para preparar a rendición porque a Coordinadora leva meses sen contactar con eles, sinalou que os parlamentarios estatais recibiron a notificación de que formaba parte da orde do día "ao mesmo tempo" que os deputados galegos e os membros do Consello das Mareas.

"Despois, quen quere, busca motivos. Non creo que houbese nin vaia a haber ningún problema en explicar cal foi a acción institucional e render contas sobre ela. É unha cuestión de vontade política e de ter claro que quen manda no espazo político son as persoas inscritas e nada máis", concluíu.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS