Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

noticias cotiás

Viños que namoran…

RUTH FERNÁNDEZ  | 04.04.2013 
A- A+

Con motivo da recepción do 2º Premio no X Certame de Cartas de Amor Vila de Quiroga, por un texto titulado ‘O azul da miña existencia’, achegueime a este recuncho da provincia de Lugo para recoller o galardón e participar dunha feira do viño á que nunca antes asistira, celebrada a pasada fin de semana (30 e 31 de marzo), a diferencia de eventos como a Festa do Albariño de Cambados (cita obrigada a comezos de agosto) e a do Rosal ou a do Ribeiro en Rivadavia. Outras visitas a feiras do viño como a de Chantada quedan na memoria lonxe da fastuosidade das Rías Baixas, lugar idílico para quen asina estas liñas.

Houbo moita xente e dise que as ventas acadaron marcas de éxito para o que supón o evento quirogués, cun total de 3000 botellas (de 13 colleiteiros, falando de viño artesanal feito na casa) nos dous días, nunha festa na que o reclamo da xornada inaugural viña dado pola lectura do pregón a cargo do actor Mariano Peña, Mauricio Colmenero na serie televisiva de A3, Aída, quen aludiu a que o viño quirogués era un dos máis vendidos no ficticio ‘Bar Reinolds’. Ao rematar citou un coñecido dito, que reza: ‘El que bebe se emborracha. El que se emborracha duerme. El que duerme, no peca. El que no peca, va al cielo. Y puesto que al cielo vamos, queridos quirogueses, bebamos’. Nese contexto, escoitáronse distintas coplas que tiñan como protagonista a bebida ensalzada na festa, á vez que viñan á lembranza as palabras de Cicerón (‘Los hombres son como los vinos: la edad agria los malos y mejora los buenos) ou de Dante (‘El vino siembra poesía en los corazones’).

O mel, os licores e o aceite de Quiroga tamén estiveron presentes, así como doces típicos e distintos postos de artesanía, que persoalmente me fascinan, como saben os meus lectores. Igual que na pasada Feira Medieval celebrada en Lugo a comezos da Semana Santa. Unha perdición! Era difícil non caer na tentación… e, así, axiña me vin mercando varias pulseiras de coiro, pendentes artesáns…

Á de Quiroga non fora antes desta edición, e xa vai pola XXXI, como tampouco á de Monterrei, enclave xeográfico onde descubrín hai anos que se atopan algúns dos mellores caldos de Galicia. Si. É certo. Eu, amante do albariño (Terras Gauda, Fefiñáns, Martín Códax,…) e máis especialmente dende que probei o viño feito na casa por unha familia que vende parte das súas uvas a Terras Gauda, descubrín un mundo de posibilidades para a gastronomía con Terra do Gargalo, o viño embotellado polo arquicoñecido deseñador Roberto Verino. Foi da súa man como me acheguei á denominación de orixe de Monterrei.

Máis tarde, hai un par de anos, probei o produto doutras adegas, tales como Ladairo e Terras do Cigarrón, ata que o azar puxo diante dos meus beizos un viño sen igual na zona de Monterrei. Falo de Crego e Monaguillo. Incomparable. Sublime. Dende logo, e sen ánimo de desprestixiar a ningunha das adegas da zona, se teño que elixir… sen dúbida eu quedo co Crego.

Neste momento, aproveito, pois, para convidar os meus lectores a que descorchen unha botella deste viño, branco ou tinto, segundo as súas preferencias (son boísimos os dous), e que brinden polo día de hoxe. Sen máis. Que logo de deixalo osixenar vertan o zume das uvas en copas de fino vidro e que brinden con este viño nas ocasións especiais… Así o fago eu. Por certo, trátase dunha adega que no vindeiro mes de maio cumpre 10 anos, polo que está de aniversario. Outro motivo máis para celebrar. E, segundo teño oído, van facelo por todo o alto. Non é para menos. Seica ata van contar con dúas orquestras de renome: Panorama e París de Noia.

Trátase dun viño que namora, que engaiola os sentidos. Afroitado e cheo de máxicos matices, é un elixir que fai que se debuxe un sorriso nos labios e que todo cambie de cor… transmitindo ledicia. Cunha copa de bo viño decatámonos do fantástico que é saber desfrutar das pequenas cousas da vida, dos praceres cotiás, para sermos felices.

Chegou xa a primavera, malia o frío que nos segue a acompañar nestas xornadas. Logo virá o verán e os días longos, con tempo para os sorrisos que non se esgotan, sen minutos para o aburrimento nin a tristura.Trátase de apreixar cada momento coma se fose o primeiro vivido, desfrutando da súa esencia coma un neno que está a aprender cada sabor ou se deixa engaiolar por algunha canción para durmir. Trátase de mergullarnos no que soñamos para facelo real, vivindo os propios desexos.

Pensar nunha noite preto do mar, sentido a brisa agarimando a nosa pel mentres desfrutamos dunha copa fría do viño que nos gusta, é tan saboroso coma comer o primeiro xeado da tempada, é vivir máis alá do inmediato. É soñar. Sentir. Namorar.

Neste punto, e xa para concluír, quixera rescatar da memoria algunhas citas, atribuídas ao cineasta Federico Fellini ‘Un buen vino es como una buena película: dura un instante y te deja en la boca un sabor a gloria; es nuevo en cada sorbo y, como ocurre con las películas, nace y renace en cada saboreador’ e ao pintor Salvador Dalí, ‘El que sabe degustar no bebe demasiado vino, pero disfruta sus suaves secretos’, respectivamente. E que me din, queridos lectores, das palabras de Eurípides cando apuntaba que ‘Donde no hay vino no hay amor’?

Imaxinanemos que a primavera abre novas etapas, reconduce distintas historias, abre as portas a momentos inesquecibles. Pechemos os ollos e perdámonos na viaxe a ningures, sentindo a cálida brisa que deixa escapar a noite. Todo é silencio. A única música vén do noso interior, mentres a ledicia se mestura co sabor do ouro líquido que temos na copa, entre as nosas mans. Brindemos polos nosos soños e fagamos que a felicidade non sexa unha meta, senón un estilo de vida...

Ruth Fernández
 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS