Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

noticias cotiás

Vivindo a maxia

Ruth Fernández con René Lavand --
Ruth Fernández con René Lavand --

RUTH FERNÁNDEZ  | 15.05.2013 
A- A+

Non hai nada peor que as despedidas. Asoman as bágoas… o corazón sinte o silencio… sufrimos polo que perdemos… a alma énchese de dor… Así acontece cada vez que alguén di adeus… Así o vivín estes días cando, despois dunha magnífica gala, o ilusionista René Lavand se despedía dun público entregado, para o que puxera en escena o seu espectáculo ‘Juegos para mis elegidos’, cun traballo no que busca ofrecer a beleza do sinxelo. Convida a desfrutar do misterio, a ver os xogos cos ollos da alma, sen intentar descubrir o que hai agochado. E segue impartindo cátedra alá onde vai. Ten afirmacións que chaman á reflexión, tales como que os ilusionistas e os poetas sempre teñen a última carta para xogar. Cando todo está escuro, eles prenden a luz. Para René, igual que para Picasso, a única misión do artista é convencer ao mundo da verdade da súa mentira. Espléndido!

René Lavand presentando Juegos para mis elegidos --

Na memoria queda a súa emotiva despedida gravada a lume. Aínda sinto as lágrimas esvarando polo meu rostro atónito. O mítico René Lavand despedíndose do seu público, dando as grazas pola nosa entrega e dándose conta de que o tempo se lle escapa, malia ás fermosas palabras adicadas á súa muller con ese ‘el tiempo no ha pasado, lo hemos vencido’. Igual que sempre será lembrado o seu lema ‘No se puede hacer más lento’, co que nos cautiva unha e outra vez e o que lle permite poder chamarse ‘lentidixitador’, termo acuñado por el mesmo e que se opón á imaxe que todos temos do prestidixitador, aquel que move os dedos rápido (‘presto’). Ademais dese peculiar selo, hai que lembrar a literatura que acompaña a Lavand en cada espectáculo. Dende a cadencia porteña mencionando ao poeta Li Li Bai, tamén coñecido como Li Po, ata pasar por un gran contacontos, gran mago, o mellor. Único! Que xogo o das tres migas! Incrible. Lembremos cando di ‘me acompaña la luna, me sigue mi sombra y siempre somos tres’. Cando mete unha e dúas migas no pocillo do café e se desfai da terceira para quedar sempre dentro do recipiente o total de tres migas un queda abraiado. Repite o xogo unha e outra vez e chega a dicir que lle resulta indignante, irritante… É boísimo!

Jaime Figueroa e Nuel --

Mentres agardaba cola para conseguir un posto nas filas máis próximas ao mago, escoitei por boca doutros apaixonados da maxia que acababa de facerse un filme (El gran simulador) sobre o mítico ilusionista, de 85 anos, aquel arxentino que con só 9 anos perdeu a súa man dereita nun accidente automobilístico. Asegura que foi froito da casualidade o feito de que antes dese revés aprendera un xogo de cartas que lle ensinaran os seus pais. O demais foi producto de moito traballo e perseverancia, sendo en todo caso autodidacta, posto que, como se sabe, todos os libros e técnicas son para magos con dúas mans. O documental foi dirixido por Néstor Frenkel. Terei que velo!

Outro dos espectáculos que me fixeron soñar a pasada fin de semana, que me fixeron brillar máis que unha estrela, foi a ‘Gran Gala’ do sábado, na que actuaron o mago Murphy, Sun, Nuel, Jaime Figueroa (‘el gran Fetuchini’), Serjo e Sos and Victoria, con quen os asistentes nos puidemos fotografar ao rematar o espectáculo. Despois de vivir o xoves unha noite máxica coa Gala ‘René Lavand, La Leyenda’, máximo experto en cartomaxia, e ter contado con Mag Lari en Lugo, o sábado pasaron polo Auditorio Gustavo Freire expertos en transformación, teatro, humor, manipulación (facendo aparecer e desaparecer CD,s ), comicidade, quick change, grandes espectáculos e maxia de preto, todos eles baixo a dirección artística de Juan Mayoral. Dende Asturias chegaba o mago Murphy, presentador da gala e a quen coñecín sobre o escenario ao sacarme como axudante para un xogo de maxia, nun espectáculo que tiña un forte componente humorístico. Como nos fixo rir!

Serjo con Sos and Victoria --

Pero neste texto non quixera esquecerme nin do mago Antón (que se deixou caer en distintos locais da cidade para sorprender con xogos particulares en cada sitio) nin do mago Kayto (que abriu a X Semana Internacional da Maxia de Lugo cunha Gala infantil), como tampouco dos magos que traballaron debuxando sorrisos no Magomóbil e no Autobús Máxico, así como no Mesón do Forno, arroupados pola man amiga de Suso, ou nos centros de ensino, hospitais, espazos de ocio e mesmo na rúa: os magos Rafa, Teto, David Méndez, Sasha, Manuel Lamas, Carlos Adriano, Raúl Camaguey, Charly, Christian Miró, Roberto Lolo, e Juan Luis Rubiales. Agardo non olvidar a ninguén! Foi maravilloso este Lugomáxico 2013. Só queda esperar un ano máis para gozar de algo semellante. Non. Que non se asomen as bágoas… as despedidas… son tan duras… Que sempre teñamos debuxado un sorriso nos beizos, que a ilusión nos aloumiñe o corazón para ver o mundo cos ollos da alma, facendo das pequenas cousas da vida os grandes praceres da nosa existencia.

Ruth Fernández


CITAS
“Yo traigo un par de juegos para ustedes; en ellos pondré lo mejor de mi técnica y en ustedes, señoras y señores, todo mi corazón de artista” (René Lavand)

"Parecen cartones pintados
 con palos de ensueño,
de engaño y de amor.   
La vida es un mazo marcado.
Baraja las cartas la mano de Dios"
(René Lavand)

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS