Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

Vivir con medo

RUTH FERNÁNDEZ  | 09.04.2020 
A- A+

Vivín con angustia dende que souben da existencia do que hoxe nos preocupa a todos. Dende que se comezou a falar do que acontecía en Wuhan, capital da provincia de Hubei (China), empecei a sufrir. Si. Estaba lonxe, o problema estaba afastado, pero era algo que estaba a causar dor, sufrimento, morte, aínda que fose no país asiático. Algúns parece que non ven os problemas ata que os teñen ó seu carón. Non foi así no meu caso. Empecei a preocuparme moito antes de que chegase a España. Vivín con medo dende aquela. Porque outros, semellantes a nós, estaban a vivir un inferno. Agora estamos confinados, dende o pasado 14 de marzo. Non sabemos o que durará isto, sentímonos mesmo enganados polos nosos dirixentes. Porque somos conscientes de que non coñecemos toda a verdade, porque intuimos que se nos esconden datos. Que tarde se actuou aquí, despois de ter a experiencia italiana como referente!

Os números oficiais chinos seguro que se afastan da realidade, igual que aquí hai datos que se disfrazan. O día 8 de abril remataban a súa corentena en China, cumpríndose nada menos que dez semanas dende que o 23 de xaneiro as autoridades locais impuxeran esa medida na cidade de Wuhan, toda unha sorpresa nun momento no que falaban de 17 falecidos e 444 casos. Parece ser, ademais, que en Internet (información de Caixin), se ofrecen datos que chocan cos oficiais. E así, no país asiático, observouse que ó abrir de novo as funerarias o alto número de urnas con cinsas que se estaban a entregar ós familiares... podía achegarse á cifra dos 40.000. Cifras que dan medo e que distan moito do comunicado no seu día. Cifras que dan medo.

Dende que hai constancia de que un paciente con febre moi alta foi a urxencias no Hospital Central de Wuhan, todo se disparou… Con aquel home non funcionaron os medicamentos e díxose moito despois que amosaba uns pulmóns con danos graves, segundo The New York Times. Dos doutores chinos que quixeron alertar do problema… un morto e outra desaparecida. Máis medo ante a situación. Temos que remontarnos a mediados do mes de novembro, cando aparece o primeiro infectado en China nun mercado de peixe, un home de 55 anos. Dende aquela o virus tivo case catro meses para moverse prácticamente sen fronteiras.

Por que se ocultou a información ata tanto tempo despois? A existencia dese novo tipo de neumonía, que amosaba semellanzas co SARS, tiña que ser comunicada a Pekín, pero non o fixeron, senón que o ocultaron. Agora sabemos que a finais de decembro, cando desfrutábamos das festas do Nadal nos nosos fogares, en Wuhan xa se sabía de varios casos coma este en diferentes centros sanitarios. E a nosa tranquilidade duraría pouco…

Parece ser que os hospitais só avisaron ás autoridades de Wuhan, que decidiron ocultar o grave da situación sen comunicar o que estaba a pasar. O centro chino de enfermidades infecciosas tivo as primeiras noticias cando en xaneiro xurdiron algúns rumores a través de internet. Foi entón cando o Goberno trasladou alí a 40.000 médicos e enfermeiras dende distintos lugares do país. Pero o máis triste é que xa estaba fóra de control a epidemia. En xaneiro pecharíase Wuhan, despois de que Pekín fixese un pronóstico sobre o que acababa de descubrir. O pesimismo invadiunos a todos os que seguimos as noticias de China dende cerca, vendo como construían macrohospitais en poucos días e como as rúas da cidade quedaban desertas. Non imaxinábamos para nós un escenario semellante. Nin de lonxe…

Despois de declarase a pandemia, outra sorpresa para todos: China aparece como exemplo da eficacia do seu sistema sanitario. Vemos médicos valentes, que se enfrontan a todo (tamén aquí se xogan a vida sen os EPIS necesarios, nun país no que ‘presumíamos’ de sanidade). O grave problema salta a Italia. E non se poñen medios para frenalo. Os voos seguen levando e traendo xente ó noso país, entre outros. Agora o medo é un máis de nós, que se senta á nosa mesa, que se deita na nosa cama. Está presente a meirande parte do tempo. Omnipresente ó longo das 24 horas que ten cada día. Xa pasamos dos 20 días de corentena… Xa pesan os días sen sol agarimándonos a faciana, sen sentir a brisa do mar ou a pureza do campo na nosa pel. Encerrados na casa. Por un ben común. Xa empezamos a non poder máis… e o que queda…

España xa hai moitos días que superou a China en número de mortos (segundo os datos oficiais) e cando facemos unha comparativa a desconfianza na información facilitada por Pekín parece aumentar. Os primeiros días seguía as noticias, comparaba a información que se daba nas distintas canles e redes sociais. Hoxe intento desconectar un pouco deses datos, especialmente dende que as cifras, nada alentadoras, ían en aumento.

Ata o pasado 31 de decembro a Organización Mundial da Saúde non constatou a aparición de casos de neumonía de causa descoñecida en Wuhan, facendo público o informe o 5 de xaneiro de 2020. Sábese que algúns enfermos traballaban nun mercado de peixe, aínda que non había evidencia de transmisión entre humanos. Tampouco se daba daquela ninguna medida específica ós viaxeiros. ‘En caso de síntomas de enfermidade respiratoria durante ou despois da viaxe (a Wuhan), os viaxeiros deben buscar atención médica e compartir o seu historial de viaxe cos sanitarios". Esas eran as únicas indicacións. O mercado pechouse o 1 de xaneiro (lembremos que o primeiro enfermo aparece en novembro). As primeiras mortes que se rexistran sitúanse entre o 9 e o 16 de xaneiro, confirmándose o día 20 a transmisión entre humanos. Aínda é o 23 de xaneiro cando se pecha a provincia de Hubei.

É o día 13 de marzo de 2020, último día de clases en Galicia, cando o  South China Morning Post publicou que o paciente número 1, aquel home de 55 anos, se infectara o 19 de novembro na provincia de Hubei, confirmando ademais que o 20 de decembro había uns 60 casos e que os síntomas eran coincidentes ós do covid. O paciente cero, o que contraería a enfermidade entrando en contacto con algún animal, aínda non apareceu…

Sabemos que Italia rexistrou o primeiro caso importado de coronavirus o 30 de xaneiro. En Roma dous turistas chinos, procedentes de Wuhan, amosaron síntomas nun hotel, entón saltaron as alarmas e tomáronse todas as medidas de contención, sendo confinados os pacientes e clausurando o hotel para desinfectalo. Empezamos a prestar maior atención a todo o que tiña que ver co Covid-19. Aqueles turistas aterrizaron en Milán o 23 de xaneiro e pasaron por Verona e Parma antes de chegar a Roma. Ás 10 da mañá do día 31, o Goberno italiano declarou un estado de emerxencia por seis meses e bloqueou os voos con China. Rusia facía o propio pechando fronteiras con China. Entón o Reino Unido confirmaba dous casos... É nese momento cando a OMS declara a emerxencia sanitaria global. O problema faise así máis real, máis próximo. O medo empeza a invadir a máis xente. É tamén o 31 de xaneiro cando se rexistra o primeiro caso en España. Ubícase nas Canarias, na illa da Gomera e trátase dun turista alemán. O segundo caso sería un turista británico nas Illas Baleares, en Palma de Mallorca, o 10 de febreiro. Dous días despois cancélase o Mobile World Congress en Barcelona. Medran as alarmas…

No país veciño, Italia, o 14 de febreiro sábese dun home de 38 anos que vai ó médico e cuxos síntomas levan a pensar a que ten unha gripe. Volve ó hospital dous días despois e non se toma ningunha medida. É o día 19 cando a súa dona informa de que tivo contacto cun amigo que viñera de China. Ó día seguinte hai outros tres novos casos de neumonía. O día 21 de febreiro hai 15 contaxiados. Ó día seguinte, 76. Chegan a Tenerife, procedentes de Lombardía, un médico e a súa muller. Dan positivo. O hotel queda aillado con 700 persoas dentro. En pleno Carnaval. Queremos máis datos?

Sevilla rexistra o primeiro caso local o 26 de febreiro, un home que non saíu de España, pero presentaba síntomas dende o día 12. Se seguimos cos datos, hai que ter en conta que o 19 de febreiro o Valencia CF foi a Milán para xogar co Atalanta. Dende Bérgamo trasládanse a Milán uns corenta mil siareiros e tamén se desprazan centos de valencianos. Este acontecemento resulta clave na expansión do virus dentro de Italia, segundo a OMS. O 9 de marzo xa son 999 os casos rexistrados en España. Cancélanse as clases en Madrid, Vitoria y Labastida. Nos días seguintes aprázanse as Fallas, as celebracións de Semana Santa… Aínda é nesa data cando se pechan os voos entre España e Italia. O día 12 confínase á población catalana de Igualada, suspéndense as clases en España e a Liga de fútbol. O venres 13 de marzo anúnciase o estado de alarma e comeza a convivencia co medo, que nos acompaña dende que nos erguemos da cama ata que nos deitamos. Xa empeza a espertarnos de madrugada, a infiltrarse nos nosos soños…

Emocionámonos cando escoitamos e tatareamos ‘Resistiré’. Solidarizámonos saíndo ós balcóns a aplaudir ós sanitarios cada día. Como unha cita obrigada abrimos as fiestras ás oito da tarde e dámoslles un minuto de gloria, lembrándonos de todos aqueles que están en primeira liña, combatindo nesta guerra na que os cidadáns temos que ser heroes dende a casa. O lema de ‘Queda na casa’ é o que nos guía estes días. Moitos facemos a compra por internet para non ir ó supermercado, saímos da casa se temos que ir á farmacia ou para tirar o lixo. Nada máis. Non todos aproveitamos a mascota para saír vinte veces á rúa sen motivo. Eu fago meu o lema de ‘Non teño un can’. Certo. Non teño can que baixar á rúa. E a xente que o ten debería ser máis responsable e non aproveitarse do animal para estar na rúa cando lles peta. Responsabilidade.

De Alemaña e Inglaterra parece que chegaron ó noso país os primeiros infectados. Sábese ademais que España ten tres grandes empresas con sede en Wuhan, unha delas Inditex, outra a aérea IAG e tamén a automovilística CIE Automotive. Seguramente foron moitos os que viaxaron entre Wuhan e España a comezos de 2020. Moitos directivos desas empresas. Hoxe máis que buscar culpables (para iso xa haberá tempo) hai que buscar solucións.

Desexos e prioridades: hai que apostar pola investigación (sempre en segundo plano no noso país), oxalá chegue pronto unha vacina. Que poidamos combatir este virus, que a curva de contaxios se invirta e que pouco a pouco todo volva ser coma antes. Esta situación de confinamento que vivimos cambiaranos para sempre. Iso está máis que claro. Mudará o noso xeito de relacionarnos como cidadáns en sociedade. Aprendemos a distanciarnos, deixaremos de bicar como facíamos antes. Ata regularizaremos accións coma o uso de luvas e ata mascarillas, se isto se prolonga…

Agora falta material para os sanitarios e para os pacientes. Non hai EPIS para os médicos, faltan respiradores para os pacientes (parecía que sobraban e mandábanse fóra). E que pasaba coas mascarillas? Non se recomendaba o seu uso, eran inexistentes para a poboación (facerse con algunha mascarilla nas farmacias era un luxo, parecía que se adquirían de contrabando… e viñan de China). Agora semella que o seu uso será obrigatorio… e teremos que facelas na casa. Imos coser! Outra actividade máis para pasar as horas nestes días de corentena. Máis alá do teletraballo (toda unha experiencia cando non estamos preparados para isto), do pracer da lectura, da cociña de MasterChef (canto comemos e canta repostería practicamos!), das series de Netflix… chega unha nova entrega de Maestros da costura, deseñando as nosas propias mascarillas. Os memes e os vídeos de todo tipo que estes días invaden os grupos de Whatsapp tamén deixaron espazo ás indicacións de cómo facer unha mascarilla a partir dun sostén. Rimos coa ocurrencia. Pero ata a imos poñer en práctica! Levamos máis de tres semanas de confinamento, máis de 22 días encerrados e o aburrimento empeza a enfrontarse á cordura. Estamos xa a piques de caer nun estado de ansiedade.

Chafadas as viaxes programadas para esta Semana Santa (ai, esa viaxe programada a Marrocos…) coa cancelación dos voos tras a expansión do virus, toca quedar na casa. Xogar á baralla, ó parchís, compartir momentos coa familia ou pasar o aillamento en soidade. Unha serie detrás doutra. Netflix está que arde. E grazas a estrenos como a cuarta tempada de ‘La casa de papel’ vaise levando a situación… Hai momentos para a creatividade, para a pintura, para a escritura…

E á ‘volta’ da Semana Santa? Seguiremos teletraballando nunhas circunstancias nas que se fan máis palpables as diferenzas, as desigualdades sociais. Hai alumnos que non teñen ordenador na casa e hai casas nas que non existe a conexión a Internet que todos os políticos dan por feita. Todo o que poden facer algúns estudantes é conectarse co teléfono móbil para mandar as tarefas mediante fotografías dos traballos feitos a man. Vive o alumnado en igualdade de condicións? En Italia fálase de dar aprobado xeral se non se volve ás aulas. España reúnese hoxe para estudar como se afrontará a situación. Con todo, é un problema menor, cando o país sufre unha pandemia e o único obxectivo, como me dicía un alumno o último día de clase, é SOBREVIVIR.

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS