Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Volve a normalidade

XOSÉ A. GACIÑO  | 05.09.2017 
A- A+

Enterrados os mortos con toda a dignidade que foi posíbel –e posibelmente non toda a que merecían–, os vivos seguen ao seu. En realidade, nunca deixaron de ir ao seu, de xeito máis ou menos explícito, nin sequera nos momentos máis dramaticamente inmediatos á matanza. E, despois de todo, é o que se soe dicir nestes casos, que a vida segue, que a resposta aos crimes terroristas debe ser a de manter a normalidade cidadá, a normalidade dunha sociedade democrática, e xa se sabe que a normalidade nunha sociedade democrática –coa liberdade de expresión convertida por algúns en liberdade de manipulación– consiste ás veces en participar en rituais de unidade fronte aos inimigos da democracia mentres se intercambian cambadelas dialécticas e asubían os puñais metafóricos polas costas.

Parece que en España non se remata de compoñer unha xestión da resposta ao terrorismo na que a lóxica reacción de xuntarse a compartir a dor e a rabia non se sinta sabotada polas manobras partidistas. E non será por falta de oportunidades para intentalo, desde aqueles enterros de vítimas do terrorismo etarra na transición, nas que os ministros de UCD eran apupados polos franquistas (que non o fixeran cando as mortes se producían en pleno franquismo), ate as graves acusacións de traizón ás vítimas lanzadas contra Rodríguez Zapatero por Rajoy desde a oposición, cando o presidente de goberno socialista tentaba abrir unha vía de diálogo semellante ás que practicaran os seus antecesores no cargo, incluído Aznar (co que, polo menos, os ministros de Interior deixaron de ser apupados nos enterros, práctica que a extrema dereita mantivera, naturalmente, contra os ministros socialistas), pasando pola impresentábel actuación do goberno do PP nos atentados do 11-M, os máis graves da historia de España.

Agora, tras o atentado de Barcelona, parecía en principio que xa se tiña aprendido a lección, pero, antes de que murchasen as flores coas que a xente simbolizou espontaneamente a súa solidariedade nas Ramblas nas primeiras horas, empezaron a notarse as fisuras dunha unidade só aparente e dunha coordinación máis formal que efectiva, ate chegar a unha manifestación oficial, como de trámite, na que volveron a aparecer os apupos, esta vez desde unha extrema esquerda que trata de facer a súa revolución da man dalgúns políticos aos que noutro tempo tamén apupaba como sospeitosos de corrupción. Mal podía escenificarse a unidade co panorama de fondo dunha proposta de separación.

Enterrados os mortos e visitados os feridos, volve a normalidade. Volve a particular normalidade dun goberno catalán camiño de ningunha parte e dun goberno español víndoas vir.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS