Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.11.2019 Actualizado 20:43
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Volver ao punto de partida

XOSÉ A. GACIÑO  | 24.09.2019 
A- A+

Finalmente, parece que non había farsa nin paripé nas confrontacións entre PSOE e Unidas Podemos, nin entre eles e os independentistas: resultou certo que eran incapaces de chegar a un acordo. Parece que a banda -a sutil ocorrencia de Ciudadanos nas súas profundas análises políticas destes días- non pasou de tocar o pasodobre fugaz da moción de censura (xa sei que o partido laranxa non falaba de banda de música, pero creo que lles fago un favor disimulando o seu exabrupto).

Precisamente parece que Ciudadanos se convenceu a última hora de que realmente non había negociacións entre as esquerdas e moito menos cos independentistas e lanzou a súa última ocorrencia de apoio indirecto -ocorrencia envelenada con esixencias de abxurar de conspiracións inexistentes-, como para compoñer unha imaxe de dialogante de última hora coa que xustificar un relato de forza política responsábel que quixo converter aos socialistas ao constitucionalismo (como se Gregorio Peces-Barba tivese estado de ouvinte na elaboración do texto constitucional referendado no 1978).

Segue a campaña electoral permanente que se vive en España polo menos desde o outono do 2015, cando se convocaron as eleccións xerais que se celebraron o 20 de decembro daquel ano, pero que, en realidade, podería contabilizarse desde as eleccións europeas de maio do 2014 (as da eclosión das novas forzas emerxentes, Podemos e Ciudadanos), seguidas no 2015 polas eleccións andaluzas (en marzo), as eleccións locais e autonómicas en trece comunidades (en maio) e as eleccións catalás (en setembro), a repetición das eleccións xerais en xuño do 2016 e as eleccións autonómicas en Euskadi e Galicia, que coincidiron en setembro do 16. O ciclo electoral volve comezar en decembro do 2017 en Cataluña (cunhas eleccións autonómicas convocadas desde o goberno central, que interviñera o goberno catalán despois do referendo ilegal do 1 de outubro e da declaración unilateral de independencia), e, tras unha moción de censura triunfante en xuño do 2018, continúa coas eleccións andaluzas en decembro do 2018 e, no 2019, con novas eleccións xerais (abril), e locais, autonómicas e europeas (maio). E agora, o próximo 10 de novembro.

Demasiada tensión para o nivel de liderado (manifestamente mellorábel) que se leva ultimamente na política española. Por ambicións apresuradas, por erros de cálculo ou por pasarse de listos, por falta de audacia ou directamente por medo a non ser capaz de navegar nas diverxencias, ou quen sabe se por ocultos plans de reavivar o bipartidismo -como insinúan os afeccionados ás teorías da conspiración-, volvemos ao punto de partida, pero coas relacións políticas máis deterioradas e cos electores máis desconcertados. Polo menos, perdóannos unha semana de campaña.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS