Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Venres 18.04.2014  | Actualizado 11.24

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Xa chegou o AVE

JOAQUIM VENTURA  | 08.12.2011 
A- A+

Ben está o que ben remata aínda que sexa a medias. O AVE xa circula por Galicia. Ou polo menos algúns trens circularán por vías de alta velocidade. En obras desta envergadura a cidadanía sempre quere que as obras rematen nos prazos previstos pero xa sabemos que isto non é Alemaña, nin por formalidade ni por investimentos. E menos nos tempos nos que andamos.

Desde a mentalidade centralista –as autonomías son a coartada para que siga a existir dun xeito máis disimulado- os intereses e as prioridades non son os da periferia senón sempre os do centro, é dicir Madrid. E ben o demostrou o profesor Germà Bel, de quen xa falei neste racuncho.

Mais postos nunha actitude pragmática, mellor é algo que nada. E niso os barceloneses sabemos o que é esperar. Primeiro foi o AVE que uniu Madrid con Sevilla, coa escusa da Expo, a maneira de compensación polos Xogos Olímpicos. Despois foi o comezo da liña férrea desde Madrid ata Lleida e non en sentido contrario desde Barcelona. Máis tarde foi ampliada a Tarragona (unha desas estacións inútiles, alonxadas do centro urbano, que invalidan o enlace) e só hai apenas catro anos que comezou o traxecto directo entre Barcelona e Madrid.

Que agora sexa só entre Ourense e A Coruña non é demasiado pero algo é. Xa veremos cando enlaza coa liña procedente de Madrid e cando queda rematada a variante de Vigo. Pero visto o visto, máis tardaron en rematar a liña que por Ourense e Zamora comunica a Galicia en ancho ibérico.

Con todo, o AVE non vai ser a solución porque se en xeral non artella territorio, en Galicia vai deixar moitas zonas en plena escuridade ferroviaria. Mal que ben, o trazado de ancho ibérico permitía viaxar a ou desde a liña Miño-Sil, pola faciana atlántica ou pola Terra Chá entre A Coruña e Monforte. Coa chegada do AVE estas liñas están condenadas á morte. Non terán apenas investimentos. Xa o están a avisar os sindicatos ferroviarios respecto a Monforte: os servizos de media distancia non combinan coa remodelación horaria que provocou o AVE.

As cousas son como son e Galicia está onde está e é como é. E cómpre lembrar que a orografía non axudou, se ben polo que parece os atrancos foron ben resoltos polos enxeñeiros.

Pero a visión radial do trazado do AVE vai obrigar a pasar por Madrid para ir a Barcelona ou Zaragoza (ou por Valladolid para ir ao País Vasco). A conexión pola corredoira que sigue o Camiño de Santiago por Castela vai ser imposible. Monforte vai quedar illado. O avión seguirá a ser máis rápido e máis barato. Iso chámase intelixencia.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS