Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 17.04.2019 Actualizado 13:30
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Xaneiro de 1994: agro e clase obreira na rúa

MANUEL MERA  | 28.01.2019 
A- A+

Sempre convén lembrar a historia, encetando por aquela máis achegada no tempo, e por aqueles feitos que abranguen grandes sectores do povo, xa que nos permiten tirar ensinanzas sociais e políticas. Ou sexa, valorar a evolución da correlación de forzas, do grao de politización, e do estado de animo, se este período foi positivo ou regresivo prás maiorías sociais, e tirar conclusións sobre acertos e erros, pra fortalecer os métodos de traballo nuns aspectos e rectificalos a fondo noutros. Neste caso concreto quero facer referencia a dous acontecementos de hai 25 anos, concretamente: a manifestación de gandeiros na cidade da Coruña do 19 de xaneiro de 1994, e á folga xeral no Estado español (EE) do 27 de xaneiro do mesmo ano. Lembremos que naquela altura o presidente do EE era Felipe González do PSOE.

A mobilización agraria foi convocada pola Mesa en Defensa do Sector Lácteo Galego, na que estaban integrados os sindicatos agrarios, e contou co apoio da industria do sector. A participación foi masiva, unhas dez mil persoas que acudiron de todos os recunchos de Galiza. Entre as demandas que facían os gandeiros a principal era a ampliación da cota láctea que era insuficiente, non cubría a demanda interna do EE, afectando ao sector na Galiza que era un produtor e exportador neto, e ademais tratábase a actividade rural máis importante.

Dábanse datos clarificadores. No reparto realizado pola Unión Europea, ao Estado español correspondíanlle 5,2 millóns de toneladas de leite e a Francia 25 millóns, cando esta tiña un consumo de 12 millóns. A limitación na produción, que aseguraba con fortes multas sobre o “excedente”, impedía a rendibilidade das explotacións galegas. Este atranco solucionouse coa desaparición das granxas máis pequenas. Cando se eliminaron as cotas (abril 2015) o efecto negativo estaba consolidado, o sector debilitado e hipotecado, e poucas explotaciónspuideron competir en igualdade de condicións no mercado. Casualidade, proceso calculado? For como fose, as políticas agrarias da UE foron unha lousa pra o rural galego. 

Todos os medios recoñeceron o éxito da folga xeral do 27 de xaneiro no noso país e a falta de incidentes destacábeis. Aínda que en Vigo houbo 12 persoas detidas e 4 na Coruña, e que 9 pasaron a disposición xudicial. Agora ben, a diferenza da folga xeral de 1988, o paro de xaneiro de 1994 non fixo recuar o Governo, que contaba co apoio da patronal e dos partidos de dereita, polo que seguiu adiante cunha contrarreforma que afectaba de cheo ao conxunto das relacións laborais, coa escusa da crise económica. Entre outras, estas medidas facilitaban e abarataban o despedimento, precarizaban a contratación de aprendices, recortaban o aceso e a contía económica das prestacións por desemprego, reducían a revalorización das pensións e dos salarios dos empregados públicos, abrían as portas á privatización de servizos, etc.

O paro de 1994 deixaba en evidencia o fracaso dos pactos sociais e que a folga xeral non podía ser unha resposta final, que debería manterse no tempo e combinarse con outro tipo de mobilizacións, até que o Governo cedese en todos ou a maior parte das reclamacións. Aprendendo do éxito da estratexia utilizada nos conflitos de empresa e sector. Mais, despois da folga xeral as centrais sindicais estatais decidiron dar un paso atrás, coa escusa de conseguir a reversión dalgunhas das contrarreformas na negociación colectiva. Algo imposíbel de lograr porque deste xeito fracturábase a resposta. O sindicalismo nacionalista non coincidía con esta estratexia, mais a ruptura da unidade restaba eficacia á mobilización despois do paro xeral. Todo indica que esta dinámica sindical e métodos de traballo non se superaron totalmente nestes 25 anos... O pasado é unha gran escola.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS