Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O Xardín da Casa de Rosalía

POR M. DE BRAN  | 16.05.2017 
A- A+

Con este benvido título, “O Xardín da Casa de Rosalía”, acaba de publicar o recoñecido botánico Carlos Rodríguez Dacal, autor de numerosos libros sobre os xardíns e árbores monumentais galegos así como de artigos en revistas e xornais sobre a Galicia verde.

O libro, editado a todo luxo en galego e en castelán pola Fundación Rosalía de Castro, presentouno o 11 de maio o autor acompañado polo presidente da Fundación Anxo Angueira, pola vicepresidenta da Deputación da Coruña Goretti Sanmartín e polo alcalde de Padrón Antonio Fernández, na Casa do lugar da Matanza, da parroquia de Santa María de Iria Flavia de Padrón, coñecida polos nomes de Casa da Matanza, Casa Museo de Rosalía ou, simplemente, por Casa de Rosalía, na que a insigne poetisa viviu os tres últimos anos da súa curta pero fecunda vida literaria (1837-1885).

Ten 240 páxinas de texto, nun formato de 215x200 mm. E está organizado en 16 epígrafes ou capítulos. Comeza co da presentación do presidente da Fundación e remata co da extensa documentación e bibliografía recollidos polo autor durante décadas en diversos medios e en conversas cos habitantes do lugar, pero maiormente no arquivo da Fundación.

Nos 14 capítulos restantes o autor desenvolve o seu amplo e minucioso traballo, de natureza interdisciplinar entre o mundo das ciencias e o das letras e das artes, sobre os diversos aspectos relacionados coa Casa de Rosalía ademais do Xardín. E para contextualizalo emprende a busca dos elementos necesarios mergullándose no insondable mundo espiritual da obra da xenial poetisa do noso pobo. E buscando e rebuscando neles atópase coa cantora por excelencia da Galicia verde que tamén el ama, e cunha verdadeira promotora do ecoloxismo na nosa terra.

Con este libro, os milleiros de persoas que visitan todos os anos a Casa de Rosalía poden dispoñer dunha explicación exhaustiva de todo o relacionado con esta antiga casa de labranza, comezando pola detallada historia da mesma: adquisición dela en 1946 despois de varios intentos infrutuosos e estando alugada por unha empresa madeireira, creación do Padroado de Rosalía en 1947 que se fai cargo da casa libre da dita carga no 1952, apertura da Casa Museo ó público en 1972, declaración dela Monumento Histórico Nacional no 1974, compra do terreo de ó lado en 1994 para ampliar o Xardín e construír o actual Centro de Estudos Rosalianos, etc.

O libro contén a relación das 52 especies florísticas catalogadas do Xardín, entre as que sobresaen as camelias. Así como unha relación fotográfica das plantas aromáticas del: a herba luísa, a salvia, o tomiño e a ruda. Das ditas especies, o autor destaca as que polo seu simbolismo rosaliano poden contribuír máis á conservar a memoria da poetisa: a figueira, o loureiro dos poetas, etc. Ou por seren representativas dalgún acontecemento emblemático, como os catro exemplares traídos en 1971 pola Casa de Galicia en Bos Aires (un ombú, unha eritrina, un pau borracho e un xacarandá) bautizados cos nomes das catro fillas de Rosalía e que levou terra do Xardín para Arxentina, a plantación do carballo fillo do de Gernika por mediación do galeguista Avelino Pousa Antelo, etc.

Ademais, os lectores dispoñen no libro de magníficos planos explicativos do Xardín e do complexo arquitectónico da Casa de Rosalía, así como de numerosas fotos excelentes ilustrativas do texto. Entre elas, a foto histórica de Rosalía, tomada en 1884 co seu home e coas cinco fillos do matrimonio, as catro fillas e mailo fillo, pousando todos eles felices en familia no Xardín, debaixo do chamado loureiro dos poetas. E tamén dispoñen das fotos de numerosas personalidades galeguistas históricas fotografadas participando en diversos actos memorables relacionados coa Casa de Rosalía, incluída a da gran e recordada coidadora infatigable da mesma, Maruxa Villanueva, falecida en 1998 quen, na súa intimidade lle poñía, todos os días durante a época da floración, unha camelia/rosa do Xardín a Rosalía na cama onde durmira.

Con este traballo interdisciplinar, o autor contribúe a que a Casa Museo de Rosalía resalte máis e mellor co seu Xardín o nobre obxectivo de conservar a memoria da ilustre poetisa, ata entón menos explícito ou pouco explicado.

Neste ano de 2017 déronse a coñecer dúas obras máis de Carlos Rodríguez Dacal sobre a Galicia verde, que por seren tamén de interese imos citar brevemente. A intitulada “La magnolia de Valle-Inclán y el pazo del Cuadrante”, de 160 páxinas, cun formato de 175x240 mm, editada en castelán pola Deputación de Pontevedra. Neste pazo de Vilanova de Arousa criouse o escritor galego universal Ramón María del Valle-Inclán, por ser dos avós maternos del. E que na súa obra aparece literalizado co nome de “Xardín umbrío”, é dicir, sombrío. A magnolia do título do libro é a árbore emblemática do pazo, á que se subía Valle-Inclán cando era un rapaz. E con esta outra obra, tamén interdisciplinar, o autor contribúe a un mellor coñecemento deste insigne escritor.

A outra obra publicada este ano por Carlos Rodríguez Dacal, en colaboración coa súa filla María Rodríguez García-Garabal e Tomás Casal Pita, é a intitulada A magnolia de Santa Rita e a cultura verde de Narón, de 296 páxinas, cun formato de 210x300 mm, editada en galego pola Deputación da Coruña e o concello de Narón. Esta magnolia grandiflora bicentenaria da Terra de Trasancos ten un toro con máis de seis metros de perímetro. E é a representante da súa especie máis importante do Rexistro de Árbores Monumentais de Galicia.

Por último, desexarlle saúde, ánimo e tempo a este prolífico autor para seguir traballando pola Galicia verde que tanto ama, como a amou Rosalía e ama o pobo galego, da alma do que forma unha parte indeleble.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS