Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Martes 22.05.2012  | Actualizado 12.06

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

CARTAS BOCA ARRIBA

Os xastres pacientes

02.01.2012 

3.7/5 [30 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

DIANA VARELA PUÑAL

Dúas conclusións podemos sacar en limpo sobre a trama de corrupción que saltou ós medios grazas á afección dos implicados polos traxes ben cortados: a feliz revalorización da roupa feita a medida, e os estraños efectos que o paso pola susodita xastrería provocaba na inxenua clientela. Era poñer un pé naquel lugar e os victim fashion saían cunhas ansias de corrupción que non tiñan volta atrás. Puis agora non pago os traxes, saltaba ó maxín do corruptible coma un carracho, e polo si ou polo non, así comezaba todo. Até desfalcar o que lles puxesen por diante.

Outra das cousas que me chamou a atención, a min, defensora dos xastres e das modistas e que procuro non mercar trapiños alí onde contribúa a engordar aínda máis as xa de por si graxentas nádegas de quen todos sabemos, é o bo gusto no vestir dos presuntos corruptos valencianos. Non hai traxe mercado nunha tenda que se poida comparar ó mimo e á precisión dunha peza feita por unha boa modista. ¿Esa devolución era porque rexeitaba o agasallo?, preguntou o letrado dos socialistas Virxilio Latorre ó xastre José Tomás. Foi porque non lle sentaban ben. Chamoume e díxome: Ois, a min esto non me leiquea. O terceiro botón está altísimo. O señor Camps díxome que xamáis poñía unha prenda se non estaba exactamente como a el lle gustaba, desde o primeiro detalle ó último. Vexan que non esaxeraba cando me refería á exquisitez do político. Chámalle parvo.

De vello é coñecida a afección dalgúns mandamáis pola roupa. Basta con botarlle unha ollada ás revistas e últimamente incluso ós xornais, para decatarse de que case á mesma altura de noticias de tema político ou económico, fican os modeliños que gastan as señoras de, ou as políticas mesmas, e as tendencias que deberiamos acatar para ir á ultima. Dentro de pouco conducirannos ás tendas a golpe de látego, veña ti, hai quince días que non entras en Zara, a mercar!, non, este xersei non, hai unha semana que pasou de moda!. O estilo das pepeiras frente ó estilo das socialistas, os zapatos da princesa ou a actriz mellor vestida. Até o punto de que parello ó B.O.E. debera dárselle carácter oficial ó papel cuché e ós extras de moda dos xornais. De feito, os pormenores do caso Urdangarín e a actitude da Casa Real, o nadal máis triste, a raíña exerce de nai, o rei mantense firme…, ímolas coñecendo, case como as telenovelas que aínda se poden ver nalgúns quioscos, grazas á prensa do corazón. O discurso de Noiteboa foi un simple trámite burocrático ó lado de tan rigorosas e transcendentes reportaxes para o decurso do país. Institucionalizada a frivolidade, non nos rachemos os traxes polos traxes de Camps. Unha menudencia ó lado, sen ir máis lonxe, do traxe aquel do Emperador. Ou ó xastre medio tolo que aseguraba que matara sete dun golpe.

 Vemos, pois, que o paso por unha boa xastrería nunca nos deixa indiferentes. Se dan cunha modista que lles faga a roupa talmente como un a quer, na Coruña hai unhas cantas fadiñas: MªCarmen Puñal, Beatriz, Mª Xosé…, xa nunca máis lle atoparán graza á roupa sin alma dos comercios. Claro que polo que se vé, tamén hai outras xastrerías que teñen un perigoso e contraproducente efecto secundario, como entrar na cova de Alí Ba Ba e os coarenta ladróns, ás que non é recomendable acudir. Un entra puro e inocente e sae feito un corrupto avarento. Non é o caso das modistas coruñesas. Xa o di miña avoa, quen atopa unha boa modista, atopa un tesouro.


Diana Varela Puñal

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS