Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 25.02.2017 Actualizado 11:37
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Xogando co medo branco

XOSÉ A. GACIÑO  | 03.02.2017 
A- A+

Seu avó paterno emigrou desde Alemaña. A súa nai, desde Escocia. A súa actual muller, desde Eslovenia. Non se pode atopar un estadounidense totalmente autóctono que non sexa dos nativos americanos (os “peles vermellas” das películas do Oeste) e aínda estes descenden dos primeiros poboadores que chegaron desde Siberia polo estreito de Bering, hai entre 14.000 e 35.000 anos, a un continente entón deshabitado. Pode que moitos dos que agora chegan desde o sur –eses aos que o novo presidente de Estados Unidos quere cortar o paso coa prolongación do muro na fronteira con México– sexan tamén descendentes daqueles primeiros poboadores que foron estendéndose do norte ao sur e teñan, por tanto, máis raíces no continente que os descendentes das ondadas de colonizadores e inmigrantes europeos que se sucederon desde a viaxe de Colón. 

Donald Trump, neto dun alemán, fillo dunha escocesa e marido dunha eslovena, ten, entre as súas prioridades de goberno, a limitación drástica da inmigración procedente da súa fronteira no sur e de países de maioría musulmá. Máis que política migratoria parece unha política de discriminación racial e relixiosa, con certas doses de medo a perder a hexemonía dos brancos anglosaxóns e protestantes. Os “brancos non hispanos” (unha das denominacións da complexa clasificación racial do censo estadounidense) aínda constitúen máis do sesenta por cento da poboación, pero as previsións auguran que, no 2044, estarán por debaixo do cincuenta por cento. De feito, desde o 2011, máis do cincuenta por cento dos bebés que nacen en Estados Unidos pertencen ao conxunto das minorías raciais non brancas.

A xulgar polos seus rexeitamentos expresos contra a inmigración latinoamericana (con especial xenreira contra os veciños mexicanos) e contra os nacidos en países de maioría musulmá (aínda que teñan permiso de residencia ou mesmo nacionalidade estadounidense), parece que Trump considera depositaria das esencias nacionais de Estados Unidos a esa maioría branca en declive. Parece desprezar a ampla diversidade étnica que foi configurando a paisaxe humana daquel país, que aínda hoxe é a primeira potencia mundial, condición en cuxa consecución non foi allea a súa capacidade de atracción de traballadores e profesionais de moi diversos países e culturas.

Na súa toma de posesión, Trump afirmou solemnemente que ese día, o 20 de xaneiro do 2017, sería recordado como o día no que o pobo volvía converterse no gobernante da nación. Aparte da súa dubidosa exactitude (representaba a case tres millóns menos de votantes que a candidata demócrata), a frase soaba a sarcasmo á vista dos multimillonarios (brancos, por suposto) que forman parte do seu goberno. Presumindo de desaloxar de Washington ás elites profesionais e intelectuais, colle o relevo coas elites do poder económico e financeiro, que, en realidade, sempre exerceron o seu poder desde a sombra.

Parece que as enquisas reflexan que case a metade dos cidadáns estadounidenses (brancos?) apoian o decreto contra a entrada de refuxiados e inmigrantes de países de maioría musulmá. Quizais pensan que eliminan competencia á hora de acceder ás migallas que vai deixar ás clases medias e traballadoras a nova era de especulación financeira desregulada. Quizais algún día comprendan que estes xogos discriminatorios sempre benefician ás elites de sempre, esas que seguen controlando o verdadeiro poder.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS