Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 19.02.2018 Actualizado 18:06
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Xornadas de loita: atrevemento e visión estratéxica

MANUEL MERA  | 01.02.2018 
A- A+

O pasado 27 de xaneiro cumpríronse 40 anos da primeira Xornada de Loita que convocaron o sindicato nacionalista ING (Intersindical Nacional Galega) e as CC.LL. (Comisiós Labregas-SLG), co apoio da organización estudantil ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos) e da AN-PG (Asemblea Nacional-Popular Galega). Esta xornada de loita e a que se realizou o 27 de xuño do mesmo ano, tiveron como finalidade opoñerse aos acordos dos Pactos da Moncloa e á política económica e social do goberno da UCD, presidido por Adolfo Suárez. Os Pactos da Moncloa, asinados polos partidos políticos (UCD, AP, PSOE, PSP, PNV, CiU e PCE), co escusa da elevada inflación, permitiron a rebaixa dos salarios e o despedimento sen unha tramitación especial de ate o 5% do cadro de persoal das empresas. O medre dos salarios pactado para 1978 sería do 22% cando o IPC de 1977 superaba moito esta cifra. O acordo era moi regresivo, tanto no aspecto laboral como no político, xa que implicaba un paso atrás para o movemento obreiro que aínda tiña a iniciativa nese intre. Mesmo centrais sindicais como CC.OO. e UGT, cunha clara vinculación con algunhas das forzas asinantes, tardaron algunhas semanas en aceptar o pacto a nivel local. E foron moitos os cadros sindicais de empresas, especialmente en CC.OO., que deron o debate interno por este tema. Os Pactos significaban que a correlación de forzas volvía ser favorábel ás clases dominantes. Foi un proceso irreversíbel, xa que a política de pactos sociais (tamén chamada de concertación) consolidouse nestas dúas centrais sindicais, relegando a mobilización a un segundo plano. Evidentemente, un dos aspectos que se utilizaba polo Goberno era a posibilidade dun levantamento do exército, e a necesidade de competir no exterior, pensando na integración no Mercado Común.

Neste contexto, que para uns era de cordura e para outros de traizón, o nacionalismo galego foi quen de tomar a iniciativa e confrontar coas políticas de pacto social que hipotecaban o futuro das clases populares. Porén, para conseguir o éxito, non abondaba con que a conxuntura e o estado de ánimo fosen os axeitados. Cumpría asemade contar co suxeito capaz de capitalizar esta situación. E o movemento nacional popular galego, como daquela se lle chamaba, xa tiña a esta altura unha experiencia de varios anos na loita, contra o franquismo primeiro, e na mobilización social, tanto no eido laboral, como agrario, estudantil e ecoloxista, durante a transición. Era un movemento formado por xente moza xurdida entre as clases populares, que adoptou unha disciplina leninista, e disposta a confrontar co sistema, tanto no debate das propostas e da folla de ruta, como na conquista da hexemonía na rúa mediante a mobilización. A vontade e a coherencia dos militantes eran un valor fundamental, así como ser un exemplo, como preconizaba Mao Zedong nos seus escritos. Todo ten un custo.

As xornadas de loita non pretendían ser só unha resposta aos Pactos da Moncloa. Xa se sabia que era moi difícil evitar que se aplicasen, dada a actitude da esquerda estatal, e o cambio na correlación de forzas que isto implicou no movemento obreiro. O obxectivo que se fixou o nacionalismo era duplo. Por unha banda, conseguir superar o pacto en moitas empresas e sectores. E pola outra, gañar un maior peso na sociedade, acumulando para o cambio estratéxico. Entendíase que o estado de ánimo que se xeraba, de anoxo nos cadros e activistas sindicais, daba azos á unha maior combatividade, o que alentaba o debate sindical e político (sistema, soberanía) e a mobilización. Por esta razón, as xornadas formaban parte de campañas estendidas no tempo, con actividades diversas. Tratábase de chegar ao máximo de persoas, de axitar, e sobre todo convencer.

A respecto do seguimento que tiveron as xornadas de loita de 1978, o Eixo, voceiro da ING, do mes de febreiro, salientaba que o 27 de xaneiro pararan na Coruña dous mil obreiros da construción e que foran retidas pola policía trinta persoas. Na comarca de Vigo fixeron folga empresas como Corfi, Vidrios La Florida, contratas de Vulcano, Regojo, e outras. Os paros parciais, mobilizacións e asembleas estendéronse a todas as cidades galegas e ás vilas máis importantes; por exemplo nas conserveiras de Rianxo e da Proba. Os xornais destacaron a detención de 15 persoas na Coruña, Ourense, Chantada, Monforte e Compostela. O 27 de xuño de 1978 realizouse unha segunda Xornada de Loita, enfocada contra a crise económica e o desmantelamento industrial, convocada pola ING e apoiada polas CC.LL., AN-PG, UMG e UPG. No Eixo de xullo, facíase mención á grave situación de empresas como Ascon, Corfi, Regojo, Bein, Menaco, San Remo, Unión Cradytor, Barros Chavín, Castro Caride, Unicar, entre outras. Ademais destacábase que 50.000 traballadores e traballadoras participaran dos paros, asembleas e mobilizacións convocadas pola ING. Esta xornada tamén tivo unha importante repercusión nos medios.

Sen dúbida as xornadas de loita foron unha contribución ao movemento obreiro. Evitaron que se perdese o avance organizativo e político acumulado durante a conflitividade laboral que dende 1976 se alargou practicamente a todos os convenios sectoriais, xa que foi un paso adiante nesta dinámica. As xornadas superaban o marco da empresa e de sector, dándolle á clase traballadora a posibilidade de ter un papel directo, sen intermediarios, no ámbito político. Ate ese intre só nas folgas de Ferrol e Vigo no ano 1972 se fixera algo semellante, mais no ámbito comarcal. Tamén permitía que as pequenas empresas, e alí onde os asalariados/as non estaban organizados, participasen na defensa dos seus intereses, fortalecendo a converxencia e a socialización de experiencias.

Polo tanto, aquelas xornadas de loita, para alén do seu éxito, da importante repercusión mediática e social que tiveron tendo en conta a forza do sindicalismo nacionalista daquel intre, hai que entendelas como un pulo cualitativo que se ía transformar co tempo en cuantitativo (en beneficio do sindicalismo nacionalista galego). No aspecto ideolóxico, recolleu as inquedanzas anti-pacto social dunha parte importante do movemento obreiro, mantendo deste xeito a liña ideolóxica de confrontación nacida durante a etapa franquista. E sobre todo, puxo as bases para que o 12 de febreiro de 1984 a INTG (sucesora da ING) convocase en solitario unha folga nacional galega, co apoio do SLG e de ERGA. O sindicato nacionalista alargaba así un paro unitario no sector naval en Ferrol e Vigo (nesta última cidade estendido á comarca) a todos os sectores e a toda a nación. Tamén neste caso, conseguiuse que a folga tivese unha repercusión moi superior á esperada polas demais centrais sindicais, polo Goberno e a patronal. E, o máis importante, demostrábase que había condicións para un paro destas dimensións, que a clase traballadora galega estaba por diante dalgúns sindicatos en combatividade. Ese mesmo ano, realizaríanse dúas folgas galegas máis, convocadas pola INTG e CC.OO., que rectificaba. Serían as primeiras das 14 folgas xerais que se fixeron na Galiza, a última delas en 2012. Xornadas de loita e folgas xerais, naceron das condicións obxectivas e subxectivas do momento, mais tamén do atrevemento, da coherencia.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS