Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Martes 23.09.2014  | Actualizado 20.42

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CARTAS BOCA ARRIBA

Xornais placebo

DIANA VARELA PUÑAL  | 29.08.2011 
A- A+

Días atrás, nunha homenaxe a Santiago Rey Fernández Latorre, editor de La Voz de Galicia, o presidente da Xunta asegurou aprender todos os días da prensa e que asemade distingue a prensa placebo da comprometida. Fagamos unha pequena análise de tan retranqueira declaración.

Como soe acontencer que o inconsciente abroia avanzado o discurso, cando emisor e receptor están xa anestesiados polo fervor das primeiras frases, comecemos pola última. O presidente distingue entre a prensa placebo e a comprometida. Primeira conclusión: existen xornais pensados para producir un efecto placebo nos lectores. Definición de efecto placebo aplicado ó xornalismo: facer crer ó lector que está lendo un xornal, cando o certo é que non o é. De que estraños xaropes estará composto entón o placebo?, sabéndoo quizais poderíamos achegar a segunda conclusión.

Lonxe de seleccionar noticias, acontecementos, obxectividades verificables, os xornais placebo compóñense básicamente dunha ristra de ocurrencias de diverso cariz, case sempre disfrazadas baixo un pretendido ton humorístico, varias páxinas adicadas á crónica rosa e á deportiva, e por último, entrevistas de dous tipos, ou ben a personaxes afíns á ideoloxía do xornal en cuestión, ou tipo culturillas, por suposto completamente inócuas. A tenor do exposto, a segunda conclusión aparece soa: a prensa placebo non é xornalismo.

Como denominar entón este compendio de páxinas tintadas que vemos en cafeterías e quioscos? A resposta darános a terceira conclusión. É fundamental distinguir entre os xornais placebo e os comprometidos; unha vez peneirada a disquisición, desfacerse o antes posible dos segundos, e engraxar ben ós primeiros, que por todos é sabido que só unha campaña diaria move ás masas nun ou noutro sentido.

E falando de literatura sen efecto placebo, recoméndolles o último libro da colección Fume de Leña, da editorial Trifolium, “Cando partín unha mañá de verán”, de Laurie Lee, traducido directamente do inglés por MªFe González Fernández. No atropelado panorama dos anos trinta, un xoven poeta inglés marcha da súa casa na aldea e decide percorrer a pé España. Tras unha breve estancia en Londres, pón rumbo á península levando consigo un violín co que gañará o necesario para comer e durmir, chegado o caso, a resgardo. As máis das veces pasa a noite ó relente e come e bebe o que a xente lle dá en troco ás melodías que toca en prazas e tabernas. Tras desembarcar en Vigo, o escritor dá conta das moitas vilas e cidades que vai coñecendo, da miseria, da fame e das esperanzas que se viron truncadas polo estalido da Guerra Civil. A el cólleo en Almuñécar, onde un providencial buque inglés o retorna ó seu país de orixe. Ó cabo duns meses volta a España e únese á causa da República. Unha fermosa mestura entre o libro de viaxes e a testemuña clarividente dun rapaz estranxeiro relatando a convulsión da época. Interesante alternativa a todos os placebos que abafan a nosa paciencia.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS