Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 30.04.2017 Actualizado 18:10
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

PAVILLÓN DE REPOUSO

Xosé Cobas, trinta anos de ilustración

PABLO VAAMONDE  | 24.12.2016 
A- A+

Xosé Cobas[1] é unha das figuras máis importantes no mundo da ilustración gráfica do Estado. Desde o 15 de decembro ata o 12 de febreiro de 2017 presenta, no Kiosco Alfonso da Coruña, unha exposición na que se pode ver boa parte da súa obra gráfica, na que se observa a progresión realizada polo artista nos últimos trinta anos, desde os debuxos iniciais con textos infantís -luminosos e coloristas- ata os traballos máis complexos dos seus últimos libros, como os de  “Cadros dunha exposición” (Kalandraka).

Cobas naceu en Logrosa-Negreira (1953) hai pouco máis de sesenta anos. Aquel neno da aldea, atento e observador, que miraba o mundo darredor con enorme curiosidade mentres aprendía a pintar cos lápices de colores, sempre tivo capacidade para a observación e habilidade para o debuxo; deseguida amosou unha decidida vocación artística. Soubo, desde moi cedo, que a súa vida ía estar relacionada co mundo da imaxe e da pintura.

Despois de pasar pola Escola de Artes de Santiago iníciase no mundo da pintura. Comeza a ilustrar de maneira profesional no ano 1988 e desde 1991 é deseñador gráfico da Deputación da Coruña. A súa fonda implicación coa ilustración[2] comeza por azar, como tantas cousas na vida. Coñeceu, en 1989, ao seu gran amigo Xabier Docampo que lle propuxo ilustrar un libro seu (“A nena de auga e o príncipe de lume”). Aí comezou un camiño compartido que os levou a publicar moitos libros xuntos, ata chegar ao marabilloso “Libro das viaxes imaxinarias” (Xerais, 2008) onde escritor e ilustrador fan unha exhibición de auténtica mestría. A colaboración continúa e aínda dará, con certeza, moitos froitos.

Na actualidade Xosé Cobas é un ilustrador de referencia no panorama nacional. É recoñecido pola profesión e polo mundo editorial. Ten ilustrado centos de libros cos máis importantes escritores  e editoriais da nosa contorna, e no seu traballo como deseñador gráfico na Deputación da Coruña ten feito de todo: carteis, almanaques, marcapáxinas, portadas. Toda esa obra, que agora se pode ver na exposición, ten xa un selo de identidade, pois Cobas foi construíndo un estilo propio, creou un mundo persoal, sutil e delicado, por veces onírico e surrealista, que o fai recoñecible a pesar da evolución experimentada ao longo dos anos.  Cobas ten unha existencia tranquila e ordenada. Despois do traballo matinal na imprenta da Deputación dedica as tardes e as noites á ilustración na súa casa de Cambre. Esta exposición é unha excelente mostra de tantos anos (tantisimas horas) de traballo, inspiración e talento. Estamos ante un artista consciente que traballa con rigor e intelixencia, e que conta cunha sensibilidade propia, unha mirada orixinal sobre o mundo, e unha gran perseveranza.

Ten feito numerosas exposicións individuais e colectivas; viaxou polo mundo por motivos relacionados coa súa obra; recibiu numerosos premios na súa terra e no extranxeiro; o noso pintor agora non da feito, non é quen de dar resposta ás numerosas propostas de escritores e editoriais que reclaman a súa colaboración. Mais, con todo iso, aínda ten ánimo e creatividade para iniciar outros camiños. Está agora entusiasmado cun traballo propio: un libro sen texto, só con ilustracións, no que pretende facer unha reflexión poética sobre a luz e o tempo. Na exposición hai algúns cadros dese proxecto tan inusual. A luz e as sombras debuxan espazos cheos de misterio e suxestión: cada cadro é, en sí mesmo, un relato. Recórdanme esas pinturas de Edward Hooper, con interiores en penumbra e persoas solitarias (aínda que aquí Cobas prescinde tamén da figura humana). Niso anda o noso autor, tentando capturar a luz. Como dicía o citado Hooper, “o meu desexo é pintar a luz do sol na parede dunha casa”. Pois iso.

Non deixedes de ver a exposición.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS