Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

PAVILLÓN DE REPOUSO

Xosé González, un dos imprescindibles

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

PABLO VAAMONDE  | 29.03.2017 
A- A+

Xosé González Martínez é unha figura importante na historia recente deste país. Nos seus anos mozos, na militancia clandestina, cando participou na creación da Unión do Pobo Galego (UPG), era coñecido como Pepiño de Teis, pois foi nese barrio vigués onde naceu hai sesenta e seis anos. Os que o coñecemos máis tarde chamámoslle Pepe de Redondela, pola súa longa vinculación laboral con ese concello do sur de Galicia. Agora que lle chega o momento da xubilación cómpre facer un recoñecemento público dos seus méritos e do seu traballo.

Non podo falar do papel que xogou nos anos clandestinos, cando foi un protagonista importante do renacemento político do nacionalismo galego, pois descoñezo os detalles. El tampouco conta moito dese tempo aínda que teño a certeza que podería escribir unha memorias con moita substancia. El verá cando se pon á tarefa, se así o considera. Mais nas últimas décadas fixo unha labor de gran trascendencia para “galeguizar Galicia”, en defensa da cultura e da lingua propia.

É o impulsor principal dun enramado de organizacións que aglutinan a centos de persoas arredor do compromiso con Galicia e co galego. Desde a creación da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística en 1984 (que acollerá posteriormente a Irmandade Xurídica e a Irmandade Sanitaria), foron xurdindo iniciativas: a Fundación Lois Peña Novo, a Asociación Álvaro das Casas, o Foro Enrique Peinador, a Asociación de Amigos do Couto Mixto... É o máis parecido a un holding empresarial como o de Rumasa, que montou Ruíz Mateos para facerse multimillonario. Pero Pepe, en lugar de facer cartos, dedicou todo o seu esforzo a facer país, a potenciar a cultura e o idioma propio. Nestes últimos anos dedicou moito tempo e enerxía a potenciar o etiquetado de produtos en galego –como un elemento de identificación e prestixio-, a procurar a galeguización das numerosas orquestras que existen en Galicia -que arrastran tanto público polas romarías-, e a promover o uso do galego nos actos funerarios e nas lápidas dos cemiterios, pois resulta sorprendente a absoluta desgaleguización dos rituais que se realizan arredor da morte.

Xosé González fixo nestas últimas décadas, e continúa a facer, un traballo de extraordinaria importancia para o país. Desde un segundo plano, sempre sen buscar o protagonismo, está detrás de numerosas iniciativas sociais, culturais e políticas de gran relevancia. Hai unha idea, que comparto totalmente e que el recorda con reiteración: o porvir do país e do idioma non está na poesía, non está na literatura. Ou conseguimos que a lingua estea viva nos xulgados, nos hospitais, nas empresas, na rúa e nos patios de xogo, ou non terá futuro. A lingua ten que estar na vida cotiá e non ser só un elemento ritual dos actos políticos e dos xogos florais.

Comecei a ter contacto máis intenso e frecuente con Pepe de Redondela en 2005, cando tiven a honra de recibir o premio Lois Peña Novo. Desde 2010 puxemos en marcha, con outros compañeiros, a Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), que pretende promover a utilización do galego no ámbito sanitario. Neste intre ISAGA conta con máis de trescentos irmandiños, persoas que se comprometen a usar o galego na vida e no exercicio da profesión.

Hai dúas características que definen a personalidade de Pepe de Redondela: a coherencia e a perseveranza. Nos seus anos mozos asumiu un compromiso con Galicia que non abandonou en todo o seu periplo vital; con erros e acertos, que de todo haberá, a súa fidelidade foi sempre inquebrantable. E da súa perseveranza dan testemuña os numerosos proxectos que foi quen de impulsar e soster, nestes tempos tan difíciles. Dos seus anos de actividade clandestina quedoulle unha actitude de seriedade e distancia afectiva que non é real. Pepe é, ademais de todo o dito, un home afectuoso e sentimental, que vive con paixón o seu compromiso; un home leal e con elevado sentido da amizade. Recordando a Bertolt Brecht, podemos dicir que é un dos imprescindibles.

“Hai homes que loitan un día e son bos. Hai outros que loitan un ano e son mellores. Están os que loitan moitos anos, e son moi bos. Pero hainos que loitan toda a vida: eses son os imprescindibles”. (Bertolt Brecht)

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

PD: Pepe de Redondela vai recibir unha homenaxe o 31 de marzo no Castelo de Soutomaior.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS