Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

secretario xeral de Galiza Nova

Xosé E. Vicente Caneda: "Gustaríame volver á militancia de base e vivir como un mozo normal"

O máximo responsable da organización xuvenil do BNG non pode evitar ver o mundo dende a política, pero di que preferiría non ter tanta responsabilidade e estar máis próximo ós problemas da cidadanía

A. LOSADA . SANTIAGO   | 20.08.2006 
A- A+

GH
Xosé Emilio Vicente Caneda, secretario xeral de Galiza Nova
FOTO: GH

¿Como se lle ocorreu a idea de meterse en política?

Pois, foi unha decisión persoal moi complexa. Aínda que non proveño dun contorno afín , tiña inquedanzas sobre a esquerda e o nacionalismo, que viñan máis de lecturas que de experiencias propias. Ó chegar á universidade, puiden pasar do teórico ó práctico, nos CAF e en Galiza Nova e, a partir de aí fun aquirindo máis responsabilidades co paso do tempo. É o proceso habitual.

 

Entón, ¿non se fala galego na súa casa?

Non, nin siquera teñen moita simpatía polo nacionalismo... O meu caso foi... complicado, pero, obviamente, respéctanse as diferenzas de opinión. Agora xa non me poñen problemas, pero a eles gustaríalle que levara outro tipo de vida e outro tipo de militancia.

 

¿Que tipo de militancia?

Unha dende posicións de base, que me permita ter unha vida e un traballo normal. Agora dedícome en exclusiva a Galiza Nova, pero xa lles dixen que espero que sexa unha situación de paso. A min tamén me gustaría ter menos responsabilidade.

 

¿Preferiría ter un traballo de xornalista en vez de estar nunha secretaría xeral?

Si, dende logo. É a miña aspiración e creo que sería moi importante, para min, por suposto, pero tamén para o BNG, porque os membros dunha forza política deberían de poder conxeniar a súa actividade cunha vida profesional normal, para entender de preto problemas como o da precariedade. Non é que desexe sufrilos, pero se non o fixese non podería entender como é vida dun mozo deste país. Por iso quero volver militar de base no nacionalismo, que é o que fan a inmensa maioría dos afiliados ó Bloque ou a Galiza Nova. Non quero ter que falar dos problemas en abstracto.

 

¿E por que acabou aquí?

Porque nunca foi unha decisión miña consciente. Eu simplemente fun asumindo responsabilidades segundo me foron necesitando, e nada máis.

 

¿Cales son, exactamente, as súas responsabilidades?

Representar publicamente a Galiza Nova e coordinar a dirección e a comisión permanente. Pero, obviamente, nas organizacións políticas o importante é ter un grupo de traballo e evitar que as responsabilidades recaian nunha soa persoa. No noso caso, a toma de decisións é sempre colexiada, e o meu papel nelas, para ben ou para mal, é discreto.

 

Dito así non se ve tan duro...

Ben, hai que ter en conta que Galiza Nova ten ramificacións en todas as comarcas do país, así que estou nun posto moi visible. Ademais, non nos limitamos a traballar dentro do BNG, senón que funcionamos como unha organización da mocidade, tanto polas reivindicacións que facemos como polas actividades que organizamos. Temos un labor de mobilización e de concienciación da sociedade, e iso require un nivel de traballo moi alto.

 

Entón, ¿buscará a renovación na vindeira Asemblea?

Se dependese só de min, non o faría. Pero non sei se poderei marchar tan cedo.

 

¿Cal foi a súa pelexa coa Unión da Mocidade Galega (UMG)?

Ese tema xa o explicamos no seu momento. Agora estou a falar como representante de Galiza Nova, organización á que tamén pertence a UMG, e non quero afondar no tema. Nós somos unha organización aberta, na que todas as sensibilidades se poden debatér, incluída a miña. Pero tamén entendo que o traslado do debate ós medios de comunicación debe ser matizado e reflexionado.

 

Dende que está no cargo non puido pronunciar un discurso no Día da Patria ¿Ten esperanza de facelo algún ano?

Non sei se haberá ocasión xa. Non quero polemizar sobre ese tema, pero creo que sería positivo que falase na Quintana o secretario xeral da organización xuvenil do BNG. Sinto ser evasivo, pero talvez poida falar máis claro sobre estes temas cando deixe o cargo.

 

¿Pódese dicir que ten a súa propia facción dentro de Galiza Nova?

Home, non sei se é a mellor expresión. As ideas que eu teño están representadas en Galiza Nova e no conxunto do nacionalismo, e son tan lexítimas como calquera. O BNG é unha fronte patriótica na que estamos todos xuntos, pero na que conviven distintos matices ideolóxicos. Non sei porque o meu caso ten que ser distinto ó doutro militante.

 

Pois porque ten un cargo...

Si, si, pero iso pasa en todo o BNG, onde hai xente con responsabilidades que pertence a todo o espectro político da fronte. Parece que o meu caso chamou a atención porque foi algo novidoso e, polo tanto, de interese para os medios, pero, insisto, é normal que nunha organización aberta se produzan debates, pero deben ser nos organismos e nas asambleas, non en público.

 

¿Por que?

Porque poden aproveitarse diso para dar unha imaxe do BNG como unha forza desunida e en conflito, cando non é así. Hai que entender o grande impacto que os medios teñen na sociedade. Non soamente transmiten información, senón que inculcan unha serie de valores, condutas e actitudes.

 

¿Está a pensar no manifesto crítico con Quintana que publicaron Camilo Nogueira, Rodríguez Feixóo e outros militantes?

Non me estaba a referir a eles. Supoño que expresan a súa sensibilidade dende o respecto ó proxecto común do BNG.

 

Ademais da política, ¿ten algún pasatempo confesable?

Aínda que pareza típico, gústame ler.... Fóra diso, nada.

 

¿É certo que estudou nun colexio de curas?

Si, durante algún tempo, pero foi unha decisión de meus pais, cando eu era menor de idade e, ben... agora están perdoados (ri).

O PERFIL

Xosé Emilio Vicente Caneda naceu en Santiago de Compostela, no ano 1980. A súa militancia comezou cos seus estudos de Xornalismo, onde se afiliou ós Comités Abertos de Facultade (CAF) e, posteriormente, a Galiza Nova. En 2004 foi nomeado secretario xeral da organización xuvenil do BNG en substitución de Rubén Cela. O ano pasado, liderou un grupo de 18 mozos que se escindiron da UMG, rama xuvenil da UPG.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS