Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 27.04.2017 Actualizado 18:48
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O xuíz decreta o sobresemento provisional da causa da desaparición de Diana Quer

Di que "non existen indicios de criminalidade fronte a persoa algunha" e recoñece que a investigación "queda pendente de resolver"

SANTIAGO. EP  | 19.04.2017 
A- A+

O titular do Xulgado de Instrución número 1 de Ribeira (A Coruña) decretou o sobresemento provisional e o levantamento do segredo de sumario en relación á causa que se segue pola desaparición da moza madrileña Diana Quer, da que se perdeu a pista o 22 de agosto do ano pasado nas festas da Pobra do Caramiñal.

Segundo informaron desde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o xuíz tomou esta decisión dado que, polo momento, "non existen indicios" para dirixir o caso "fronte a algunha persoa determinada" e co obxectivo de non dilatar os prazos de investigación.

Con todo, destacou que "existen indicios da desaparición non voluntaria" de Diana Quer e aclarou que "é necesaria a continuación da investigación" sobre o caso.

Os pais de Diana Quer acudiron este mércores persoalmente aos xulgados de Ribeira para reunirse co maxistrado, que lles explicou os motivos desta decisión, así como a súa intención de levantar o segredo de sumario que ata agora pesaba sobre as actuacións.

Á entrada do edificio xudicial, a nai da nova desaparecida, Diana López-Pinel, mostrouse contraria ao levantamento do segredo das actuacións, dado que "non beneficia a ninguén". Á súa saída, visiblemente afectada, non quixo facer declaracións aos medios.

ACTUACIÓN "PENDENTE DE RESOLVER"

No auto, datado este 19 de abril, o maxistrado do Xulgado de Instrución número 1 de Ribeira, Félix Isaac Alonso, interesa o "cesamento do segredo das actuacións" en relación a este caso, dado que "no momento actual non existen indicios de criminalidade fronte a persoa algunha", e recoñece que a investigación "queda pendente de resolver".

Neste sentido, o xuíz admite que "existen indicios da desaparición non voluntaria" de Diana Quer, así como da posibilidade de que tivesen "lugar outros ilícitos graves fronte a ela", pero asegura que "non existen motivos suficientes para acusar a determinada ou determinadas persoas como autores, cómplices ou encubridores" dos feitos.

"No momento actual non existen indicios para dirixir as actuacións fronte a persoa algunha determinada, non existindo indicios de criminalidade ou descartándose sobre as persoas policialmente sospeitosas", recolle o auto, que non considera "pertinente", "adecuado" nin "oportuno" a toma de declaración en sede xudicial de testemuñas que xa prestaron declaración ante a Policía, tendo en conta, ademais, que "podería producirse unha vulneración de dereitos en caso de variar a súa condición e resultar finalmente investigados".

Félix Isaac Alonso apunta que "se atopan abertas varias liñas de investigación policial", sen que "en ningunha delas conste no momento actual a existencia de indicios superiores ás meras sospeitas fronte a persoas determinadas".

Do mesmo xeito, lembra a "complexidade da investigación policial", que inclúe "a análise de gran cantidade de datos de tratamento telefónico obtidos con autorización xudicial" e que fai "prever que a mesma se estenda temporalmente". Co obxectivo de non incrementar "inxustificadamente" os tempos e prazos da instrución, acorda o sobresemento provisional das actuacións.

Paralelamente, o xuíz acordou levantar o segredo de sumario sobre a causa, que estaba activo desde o mes de agosto do ano pasado para preservar a investigación. En concreto, considera que, dada a situación actual do caso, a falta dunha persoa contra a que levar a investigación, a incorporación de "gravacións orais" e a espera dos resultados do cotexo e análise de datos telefónicos, "o mantemento" deste segredo "resulta desproporcionado".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS