Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Xuízos con sordina e xogos políticos de farol

XOSÉ A. GACIÑO  | 06.10.2016 
A- A+

Comezaron dous dos grandes xuízos pola corrupción xerada desde o Partido Popular con certa sordina mediática, grazas á semana tráxica do PSOE (se os amotinados conseguían maioría no comité federal, como se demostrou na votación final do sábado 1 de outubro, por que montaron o chapuceiro golpe de dimisións do mércores 28 de setembro sen terse lido a fondo os regulamentos?) e ás súas secuelas desconcertantes (tanta ansiedade por cargarse a Sánchez primeiro e, despois, tanta parsimoniosa cautela, por non dicir covardía, antes de decidirse a proclamar a abstención: pedirán agora voto secreto no comité federal para que ninguén saiba quen é partidario de permitir gobernar a Rajoy?). Sendo suspicaz, parecería como que a ralentización marcada polos novos irresponsábeis da dirección socialista estivese dirixida a restar protagonismo mediático ao desfile xudicial de tarxeteiros black e de coleguiñas e amiguiños da alma do saqueo Gurtel.

O caso é que, no PSOE, da mesma maneira que o golpe dos dimisionarios saíu mal e provocou case unha semana de enfrontamentos abertos e unha caótica e esperpéntica reunión do comité federal, o derrocamento de Sánchez para cambiar o sentido do voto nunha nova sesión de investidura pode saírlles igualmente mal, no caso de que o PP finalmente decidise pasar dunha nova sesión de investidura se os socialistas non lle ofrecen algo máis que abstención, conscientes de que, agora si, despois do espectáculo da semana tráxica, as posibilidades do PSOE nunhas terceiras eleccións quedarían moi reducidas.

A todo isto, o PP acolle con tranquilidade o xubileo dos presuntos corruptos ante os tribunais. Estes primeiros xuízos polas trapalladas de Bankia e pola trama de Gurtel deberían pór en primeiro plano os niveis de corrupción desenvolvidos polo PP (e, no caso de Bankia, con algunhas complicidades colaterais doutros partidos, dalgúns sindicatos e das patronais), pero os populares reaccionan como se non fose con eles. Ningún dos procesados está xa no partido e as repercusións electorais quedaron amortizadas nos comicios xerais do 20 de decembro do 2015 (cando o PP baixou de 186 a 123 escanos), mesmo podería entenderse que empezan a superalo cos resultados das eleccións do 26 de xuño deste ano, nas que pasaron a 137 escanos. Esa é a análise que se fan os conservadores españois e pode que teñan razón. Haberá ocasión de comprobalo se hai terceiras eleccións, a ver se todo o lixo que se vai remover nestes xuízos ten algunha repercusión no número de votos da dereita.

Pero, neste xogo de intereses, que algúns pretenden pasar como alta política e que ven desenvolvéndose desde hai dez meses, van sucedéndose os erros duns e doutros. Primeiro, Rajoy declinou a primeira investidura e estivo a punto de deixarlle o campo a Sánchez: salvoulle a marcaxe estreita de Rivera e o erro de cálculo de Iglesias máis as presións dos baróns socialistas para que o seu candidato non soñase con gobernos utópicos. Agora, con ese amago de pór condicións especiais para aceptar a abstención socialista, confiado en que, se non as aceptan, as terceiras eleccións poden ampliar a súa maioría, Rajoy pode arriscarse a desperdiciar unha ocasión clara de manterse no goberno (e se non amplía a maioría?), da mesma maneira que as esquerdas e o centro rexeneracionista desperdiciaron a oportunidade de desaloxar o goberno da dereita.

Nas sucesivas confusións e crispacións entre estes xogadores políticos sen cintura, algúns mesturaron a concentración do xadrez coa astucia do póker e a arrogancia do mus e remataron dando xaque mate de farol sen ases e con órdagos falidos. Ao fondo, os xuízos da corrupción deberían servir, polo menos, para recordar o efémero de tanta pompa e vaidade.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS