Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 12.12.2018 Actualizado 13:26
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A Xunta activa o sistema para obter a nova autorización de acceso ás Illas Cíes en Semana Santa

Haberá controladores entre o 19 de marzo e o 2 de abril para evitar que embarquen visitantes sen permiso, após a polémica do verán pasado

SANTIAGO. EP  | 13.03.2018 
A- A+

A Xunta anunciou este martes a activación da plataforma dixital para poder obter a nova autorización de acceso ás Illas Cíes para todas aquelas persoas que desexen visitar este Parque Nacional en Semana Santa.

Nun comunicado, o Goberno galego apuntou que esta autorización, de carácter "persoal e intransferible", pode demandarse a través da web autorizacionillasatlanticas.xunta.gal, habilitada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Así, sinalou que para acceder ás illas será "obrigatoria" a obtención do documento, polo que as empresas que se encargan do transporte marítimo ás illas "só poderán emitir billetes a aqueles pasaxeiros que dispoñan da preceptiva autorización de acceso" e "para ese día en concreto".

Ademais, a Xunta explicou que o persoal da Dirección Xeral de Patrimonio Natural exercerá a función de "controlador-informador" nos portos de saída cara ás Cíes, como son Vigo, Baiona e Cangas. Por iso, asegurou que "haberá un en cada porto" e "identificado con chalecos de cor laranxa".

Así mesmo, o Executivo dirixido por Alberto Núñez Feijóo indicou que estes efectivos contarán con "dispositivos de lectura dos códigos 'QR" para "comprobar a validez das autorizacións", así como cun expositor próximo aos despachos de billetes no que haberá folletos informativos a disposición dos viaxeiros que expliquen as novidades introducidas.

O obxectivo dos controladores, que se manterán "de forma continuada" entre o luns 19 de marzo e o luns 2 de abril, é "evitar que embarquen cara á illa visitantes sen a correspondente autorización administrativa".

COMO SOLICITAR O PERMISO
Durante a solicitude do permiso, será necesario rexistrar nome, apelidos, documento de identidade, sexo e ano de nacemento. As autorizacións enviaranse por correo electrónico ao solicitante e poderán descargarse desde a propia páxina web.

Unha vez que o visitante dispoña xa da súa autorización, de carácter persoal e intransferible, dotada de códigos de control 'QR', número de autorización e nome e apelidos, poderá elixir a barca coa que quere desprazarse até as Cíes.

Concretamente, a Xunta anunciou que esta semana Santa as empresas Mar de Ons, Nabia e Rías Galegas son as que levarán a cabo as travesías, autorizadas pola Dirección Xeral de Mobilidade e pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, responsable do control dos accesos ao espazo natural.

POLÉMICA POR EXCESO DE VISITAS
En agosto de 2017, o Parque Nacional presentou senllas denuncias contra catro navieras que conectan as localidades de Vigo, Baiona e Cangas coas Illas Cíes, por supostamente trasladar ao arquipélago durante dúas xornadas a máis persoas das permitidas.

Xa en xaneiro deste ano, a Consellería de Medio Ambiente impuxo sancións por un total de 930.000 euros ao catro navieras, pola comisión de infraccións graves por "incumprir as cotas autorizadas" de visitantes, co que confirmou a súa proposta inicial de sancións e desestimou os recursos das compañías.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS