Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 14:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A Xunta alerta de que o Goberno "non ten intención de pagar os 700 millóns euros que lle debe a Galicia"

Valeriano Martínez informa de que Facenda contesta por carta que non vai pagar a metade do debido e non sabe "cando" abonará o resto

Valeriano Martínez - FOTO: EUROPA PRESS
Valeriano Martínez - FOTO: EUROPA PRESS

SANTIAGO. EP  | 17.09.2019 
A- A+

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, alerta de que "o Goberno do señor Pedro Sánchez non ten intención de pagar os 700 millóns euros que lle debe a Galicia", segundo lle trasladou o Ministerio de Facenda á Xunta nunha carta recibida a pasada fin de semana en relación co financiamento autonómico.

En rolda de prensa este luns en Santiago, o conselleiro denuncia que Facenda "recoñece dúas cousas moi graves: non quere pagar máis da metade da débeda que ten con Galicia (relativa ao desempeño fiscal e o IVE) e non sabe nin como nin cando pagará a outra metade (as entregas a conta)".

Após iniciar a súa intervención coa "repulsa" do Goberno galego ao crime machista de Valga, Martínez expuxo que o Executivo central "non ten previsto pagar os 170 millóns de euros como consecuencia do desempeño fiscal dos anos 2017 e 2018", pois "non recoñece" esa débeda. "Dunha maneira moi clara dicir que non imos recibir eses 170 millóns de euros", sostén.

Remarca que a disposición adicional dos orzamentos vixentes recoñece que as comunidades autónomas que presenten ese desempeño fiscal "teñen dereito a un volume de incentivos".

Ademais, "tampouco vai pagar os 200 millóns da mensualidade do IVE de 2017", dado que "tampouco recoñecen" esta partida, nunha afectación de máis de 2.500 millóns entre todas as comunidades, segundo cifra.

ESTUDA "ALTERNATIVAS" PARA AS ENTREGAS A CONTA
Así, mentres o Goberno "non ten previsto" pagar a metade dos 700 millóns, sobre os 330 millóns das entregas a conta, "tampouco garante o seu pago", "e o único que di é que están a estudar alternativas".

Preguntado pola prensa acerca de se dan por perdido a metade desa débeda que o Goberno descarta abonar, asegura que "nesta vida non hai nada perdido", mentres Galicia "seguirá presionando" co "conxunto de comunidades", porque é diñeiro que "lexitimamente" lles corresponde, xa que está recadados polo Estado, "pero non son seus", senón das autonomías.

"XA ESTÁ BEN DE CHANTAXES"
"Estamos a mediados de setembro e xa pasou o tempo das escusas. Xa está ben de xogar cos recursos de todos os galegos e, sobre todo, xa está ben de chantaxes", deixou claro. "O Goberno central ten a obrigación de dialogar, non de chantaxear", apostila.

Lembra que os Orzamentos Xerais do Estado foron rexeitados en febreiro, polo que se pregunta "por que non fixo nada durante este sete meses" para "terminar con esta situación de bloqueo".

Neste sentido, asegura que "a Xunta non se vai a render" e seguirá traballando coa "máxima serenidade" e "lealdade" para que se pague a débeda "existente con todos os galegos". "As débedas hai que pagalas", sentenza.

INCUMPRIMENTO DO DÉFICIT
Por todo iso, lamenta que se vive unha situación "sen precedentes" na que Galicia non pode dispor de 700 millóns, 530 dos cales "están contemplados nos orzamentos vixentes" de 2019.

A pasada semana, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a posibilidade de que Galicia incumprirá o déficit se hai "colapso" das facendas autonómicas, mentres garantiu que non vai "recortar".

Sobre esta cuestión, Valeriano Martínez incidiu: "Para nós o déficit non é máis que un resultado". Defende que "o máis importante" para as comunidades autónomas "é prestar" os servizos. "Non imos facer ningún tipo de recorte, e o resultado numérico será o que sexa", engade.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS