Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 16.08.2018
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A Xunta amplía as axudas económicas a vítimas de violencia de xénero

SANTIAGO. EP  | 08.08.2018 
A- A+

A Xunta ampliou en 958.927 euros a dotación orzamentaria asignada para a concesión de axudas económicas de carácter periódico de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero ante o número de solicitudes presentadas.

Este incremento, publicado este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG), súmase aos 3 millóns xa consignados para esta axuda nos orzamentos iniciais da Secretaría Xeral de Igualdade.

En concreto, segundo explicou a Xunta, estes apoios buscan garantir ás vítimas deste tipo de violencia unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do seu agresor, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación na que corren perigo.

A contía das axudas, que poden percibirse por un período máximo de 12 mensualidades, oscila entre os 300 e os 800 euros ao mes, en función dos ingresos da beneficiaria, dos seus fillos menores a cargo ou de circunstancias de discapacidade, entre outros factores.

Os requisitos para optar a estes apoios son ser muller maior de idade ou emancipada vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia; cesar esta convivencia co agresor dentro dos 12 meses anteriores á data de prestación da solicitude; percibir uns ingresos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o Iprem vixente; estar empadroada e residir en Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia.

Dado o volume de solicitudes presentadas, o Executivo autonómico decidiu aumentar a partida para atender a este colectivo. Desta forma, a Xunta destacou que reafirma o seu compromiso coas vítimas da violencia de xénero, ás que lles ofrece os recursos necesarios para favorecer a súa saída do ciclo da violencia.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS