Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A Xunta aproba a lei de impulso demográfico e axudará a empresas a ter servizo de conciliación

SANTIAGO. EP  | 24.01.2020 
A- A+

A futura lei de impulso demográfico recibiu este xoves luz verde do Goberno autonómico, que asumiu "o 83 por cento" das recomendacións do Consello Económico e Social (CES), o que supuxo a incorporación de novidades, como a ampliación dos recursos públicos de conciliación para fose dos horarios estritamente lectivos.

Así mesmo, o Executivo autonómico, que traballa para adecuar os horarios das escolas infantís "ás necesidades" dos pais, tamén prevé "nas próximas semanas" activar unha orde con axudas para animar ás empresas privadas a implantar servizos de conciliación. En concreto, exponse financiar a contratación de profesionais que se ocupen do servizo nun espazo que terán que habilitar as empresas.

Os detalles da nova norma, que será agora remitida ao Pazo do Hórreo para a súa tramitación parlamentaria, concretáronos ao termo da reunión semanal do Executivo o presidente, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Política Social, Fabiola García.

Feijóo incidiu no carácter pioneiro da lei en España e subliñou que "ordena e dá coherencia" ás medidas de impulso demográfico adoptadas polo Goberno autonómico. Así mesmo, remarcou que concreta un investimento anual "entre todos os departamentos", con "impacto directo" nas políticas demográficas da Xunta, duns 800 millóns de euros.

"É unha lei de país, non de goberno", salientou a conselleira, quen remarcou que a Xunta parte dunha base "adecuada" --o asesoramento do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica-- para "evitar decepcións" e "expectativas irreais".

Non en balde, advertiu que "ninguén vai decidir ter fillos porque o seu Goberno llo pida" e remarcou que o obxectivo non é "aumentar o número de nacementos, que oxalá", senón apoiar ás familias que "libremente" elixan ter descendencia.

Ao tempo, tras subliñar o elevado número de alegacións aceptadas após a exposición pública e o ditame do CES, tanto a conselleira como Feijóo manifestaron o seu desexo de que o "consenso" que acompañou á norma no seu deseño poida reproducirse na tramitación parlamentaria.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS