Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A Xunta avalía 55 proxectos empresariais para conseguir equipos de protección sanitarios

SANTIAGO. EP  | 07.04.2020 
A- A+

O comité de fabricación de equipos sanitarios e para a prevención de materia de saúde laboral da Xunta mantivo este martes a súa primeira reunión, na que participou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e avaliou un total de 55 proxectos empresariais.

En declaracións aos medios tras o encontro telemático deste órgano, no que tamén participan as consellerías de Sanidade e Política Social, Conde indicou que o propósito é "dar unha resposta ás necesidades" que expón a actual crise sanitaria do coronavirus non só na sanidade, senón nos servizos sociais e na industria.

Así, a intención do comité, en palabras do conselleiro, é "identificar" esas necesidades e buscar a "colaboración" do tecido produtivo galego para obter o material co que os sectores en funcionamento poidan desenvolver o seu traballo de forma segura.

En concreto, son equipos de protección individual --os chamados EPI--, luvas, máscaras, produtos desinfectantes e mesmo pezas para respiradores. Neste contexto, Francisco Conde avanzou que xa hai identificados 55 proxectos cos que a Xunta traballa. Deles, destacou os EPI doados por Ceaga, así como as batas xestionadas polo clúster téxtil Cointega, entre outros.

Ante o número de empresas que pon a súa infraestrutura ao servizo da pandemia, o conselleiro agradeceu a súa colaboración e destacou a "solidariedade" e "responsabilidade" do tecido industrial galego. Segundo explica a Xunta, "todas esas propostas recibidas están a canalizarse a través da plataforma 'Marketplace'".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS