Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 16.08.2018
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A Xunta avalía xa como "recuperar o tempo perdido" pola folga de xustiza de acordo con TSXG e Fiscalía

Feijóo critica aos tres sindicatos que rexeitaron o preacordo coa Xunta e cre que, se volvese empezar, o conflito "duraría pouco tempo"

SANTIAGO. EP  | 09.05.2018 
A- A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicou este mércores que a Administración autonómica xa traballa de acordo con xuíces e fiscais en "como recuperar o tempo perdido" pola folga da xustiza que durou tres meses de forma indefinida, aínda que os xulgados xa retomaron a normalidade.

E é que, un día despois de que o comité de folga (no que só participan xa activamente SPJ-USO, AXG-CUT, STAJ e CIG) acordase por maioría interromper o paro (CIG defendeu posteriormente que se opuxo), o seguimento ratifica que de facto xa non hai folga, dado que, segundo a Xunta, secundárona un 3,46% dos traballadores (porcentaxe moi similar ao deste martes, tamén inferior ao 4%).

O Goberno galego concreta que seguiron o paro 96 persoas. No cálculo destes datos, compútase que 181 funcionarios non acudiron ao traballo por ausencia justificada e 775 participaron nos servizos mínimos (que seguen activos tendo en conta que a Xunta non ten ningunha comunicación oficial da suspensión do paro).

Nesta conxuntura, Feijóo apostou por pasar páxina e tratar de recuperar o traballo aprazado, tendo en conta que os sindicatos sitúan nuns 25.000 os xuízos suspendidos, aos que habería que sumar miles de trámites xurídicos. O prazo de recuperación podería superar o ano.

"Estudaremos que cousas se poden facer para ser útiles para os cidadáns, os avogados e os procuradores e que cousas podemos rescatar como consecuencia do impacto", manifestou a preguntas dos medios na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que se celebrou en mércores debido ao festivo local na capital galega.

Iso si, reiterou que o plan de recuperación de traballo no ámbito da xustiza, que non pode entrar en funcionamento se non se pecha o acordo cos sindicatos e ponse fin á folga formalmente, implica a "todos" os traballadores que queiran realizar as horas extra de forma voluntaria, e non unicamente aqueles que secundaron a folga como foi pedido polos sindicatos.

Neste sentido, Feijóo non descartou que haxa que pedir reforzo de xuíces, pero insistiu en que o proxecto levará a cabo de acordo co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Fiscalía. "Que é no que xustamente estamos", engadiu.

O mandatario autonómico evidenciou que "non se poden celebrar xuízos sen xuíces" e ratificou a "vontade" da Xunta de que "todos os traballadores da Xunta poidan ter algunha xornada adicional". "Todos", aseverou Feijóo, quen indicou que a Consellería de Presidencia xa traballa para buscar un plan de traballo que recupere os atrasos.

"APRENDER" E "MEDITAR" SOBRE O CONFLITO
Feijóo mostrouse moi crítico cos "tres sindicatos" (en referencia a Alternativas na Xustiza-CUT, STAJ e CIG) que "levan tres meses ocultándolle a verdade" aos traballadores co fin de beneficiarse sindicalmente e pediu "aprender e meditar" sobre o que "ocorreu" neste conflito.

O dirixente autonómico defendeu a actuación da Xunta, que capitaneou o conselleiro de Presidencia e vicepresidente, Alfonso Rueda, e esgrimiu que a Administración autonómica actuou "de forma flexible" cunha proposta máxima de "case o 14 por cento salarial" e "sendo leais". Non en balde, quixo salientar, "catro sindicatos" apoiaron a proposta.

TRES SINDICATOS "OCULTARON A VERDADE"
No entanto, denunciou que "tres sindicatos levan meses ocultándolles a verdade aos traballadores, dicindo que podían recuperar o salario" que perderon polas mobilizacións. "Isto é falso e é ilegal", advertiu Feijóo, quen destacou que os funcionarios optaron por "incorporarse e deixar sen efecto" a folga.

"Se volvese empezar o conflito, despois de coñecer a actitude dos tres sindicatos, duraría pouco tempo", augurou Feijóo, quen viu detrás "intereses ideolóxicos" e por "conseguir maior cobertura sindical" nas tres centrais que "usaron como reféns" aos traballadores.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS