Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.09.2018 Actualizado 20:39
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A Xunta corrixirá o procedemento da axuda de 100 euros ao mes por fillo para favorecer ás familias adoptantes

A valedora do Pobo asegura que Política Social terá en conta a data de resolución da adopción e non a de nacemento

SANTIAGO. EP  | 13.03.2018 
A- A+

A Consellería de Política Social corrixirá o procedemento para conceder a 'Tarxeta Benvida' --a axuda mensual de 100 euros ao mes por bebé-- no caso das familias adoptantes, de forma que dependerá da data de resolución xudicial de adopción do menor e non da do seu nacemento, como sucedía até o momento.

Nun comunicado, a institución do Valedor do Pobo, que dirixe Milagros Otero, informou de que o departamento que dirixe José Manuel Rey Varela aceptou realizar esta modificación no procedemento para "favorecer ás familias adoptantes" co fin de que, segundo recolle a orde que regula estas axudas, se vexan beneficiadas desta subvención durante o primeiro ano de convivencia co menor.

Neste sentido, apuntou que, até o momento, considerar como referencia a data de nacemento dos nenos adoptados "deixaba fóra destas axudas a moitas familias que acudían á adopción internacional", porque "en raras ocasións" a data de nacemento coincidía no mesmo ano coa resolución administrativa de adopción.

De aí a petición da institución ao Goberno galego, por considerar "necesario corrixir os requisitos" en favor das familias adoptantes, de maneira que non exista "límite de idade" para os nenos adoptados, o que "terminará coa situación de desvantaxe na tramitación".

A Xunta, pola súa banda, segundo celebra a institución, considerou "razoable" realizar esta "excepción".

Así, tras a intervención da valedoría, as próximas convocatorias das axudas da 'Tarxeta Benvida' terán en conta estas particularidades e mellorarán o apoio á natalidade por medio da adopción, ao tomar como data válida a que conste na resolución xudicial.

QUE É A 'TARXETA BENVIDA'
A 'Tarxeta Benvida' é unha ferramenta dirixida a axudar ás familias que teñen fillos, adoptan ou están en situación de garda con fins adoptivos dun neno menor dun ano.

Esta subvención, cunha contía total de axuda de 1.200 euros --100 por mes-- durante o primeiro ano de vida do fillo pode ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para nenos.

O pasado mes de decembro, o Executivo que dirixe Alberto Núñez Feijóo anunciou, ademais, a ampliación até o tres anos desta axuda, aínda que a partir do segundo exercicio eleva as esixencias de renda e só as familias con peor situación económica poderán acceder a ela.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS