Hemeroteca web
|
RSS
Mércores 19.06.2013
| Actualizado 00.00
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, considerou este martes que a actitude do Goberno de Arxentina "non é de recibo" dende ningún punto de vista" e trasladou a súa "preocupación" polos efectos que a mesma poida ter sobre outras empresas no país, en concreto galegas, se ben destacou que estas últimas "teñen outro tamaño" e que a relación comercial entre Galicia e o país sudamericano "non é moi grande".
En resposta a preguntas dos xornalistas tras presentar un plan de fomento das exportacións, Guerra criticou que a decisión de Arxentina de expropiar o 51% de YPF, a filial de Repsol, vai contra "unha das normas fundamentais do comercio internacional", que é a seguridade xurídica. "Non parece razoable, non parece que iso poida ser aceptado e estou seguro de que España fará todo o posible para poñer os seus intereses no seu sitio e defender a Repsol", afirmou.
Sobre os efectos sobre os empresarios galegos con intereses en Arxentina, o conselleiro admitiu que a manobra "crea certa preocupación". Aínda que indicou que non recibiron comentarios de ningún galego a este respecto, considerou que están "preocupados" porque "eles buscan a máxima seguridade posible e esta noticia non está a axudar a esa seguridade".
En calquera caso, destacou que as empresas de galegos en Arxentina "probablemente teñan outro tamaño", pero insistiu en que esta "non é unha boa liña de actuación". Non obstante, defendeu que "a situación arxentina non se pode extrapolar a ningún outro país" de Latinoamérica.
Neste sentido, destacou o "potencial" de México para os investimentos galegos e indicou que na anterior viaxe realizada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo -- que agora acompaña a Mariano Rajoy-- mantivéronse reunións con varios empresarios e algúns proxectos "están agora a concretarse" en ámbitos como o naval ou a enerxía.
Guerra citou entre os países que ofrecen "grandísimas oportunidades neste momento" tamén a Brasil, Panamá ou Colombia. Ademais, destacou que se trata dunha zona na que se están a construír infraestruturas e animou as empresas galegas a acudir á plataforma de contratacións internacionais.
RESPALDO AO GOBERNO
Tamén o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, referiuse á expropiación, que considerou que "non é en absoluto unha noticia positiva". Instou a "analizar ben a situación e ver as razóns e en que consiste exactamente a decisión do Goberno arxentino" para despois "tomar as medidas de reacción e de defensa dos intereses" españois.
"Estou seguro de que iso se vai facer dende a obxectividade, sen precipitacións pero con toda firmeza", agregou e avalou a postura trasladada polo Executivo estatal e os ministros que se pronunciaron sobre o tema. "É a posición axeitada e España ten que defender os seus intereses e os das súas empresas", dixo.
Respecto a posibles efectos sobre os galegos asentados en Arxentina, Rueda asegurou que a Xunta seguirá mantendo a relación que mantivo ata agora, posto que "son cousas diferentes".
