Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.06.2018 Actualizado 18:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A Xunta escoitará con "toda a atención" as consecuencias da folga do 8 de marzo

A desigualdade centra o pleno previo ao Día da Muller, no que as deputadas de BNG e En Marea farán folga e as do PSdeG, paros

SANTIAGO. EP  | 07.03.2018 
A- A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que o Goberno galego escoitará "con todo o respecto e con toda a atención" as consecuencias da folga feminista convocada para este xoves, 8 de marzo, con motivo do Día da Muller.

O tamén conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xutiza pronunciouse deste xeito en resposta a unha interpelación formulada pola deputada de En Marea Paula Quinteiro no pleno da Cámara, cuxo peche na tarde deste mércores tamén se centrou en temas relacionados coa desigualdade entre homes e mulleres.

Na súa réplica á deputada de En Marea, que afeou á bancada popular que alimentase o "falso espello da igualdade" ao asegurar que "se está facendo todo o que se podería facer", Rueda reprochou que a formación rupturista considere que "ten a razón" mentres que o Goberno "sempre se equivoca".

Fronte a iso, Alfonso Rueda, que comezou a súa intervención lembrado ás mulleres que faleceron en España no que vai de 2018 por mor da violencia de xénero, deixou claro que a igualdade real é un "problema moi serio" que incumbe a "todos". "Temos que reverter esta situación entre todas e todos, o que non podo admitir é que diga que non hai ningún camiño avanzado", considerou.

TEMA CENTRAL
E é que na véspera do Día da Muller, a desigualdade entre os homes e as mulleres centrou case toda a orde do día dun pleno que tamén serviu para deixar ver as distintas posturas das formacións políticas galegas sobre a folga convocada para este xoves.

En concreto, mentres que as deputadas de En Marea e do BNG secundarán o paro todo o día --as nacionalistas mesmo pediron por escrito á Mesa da Cámara que lles descontase a parte proporcional do salario-- os parlamentarios e as parlamentarias do PSdeG sumaranse aos paros por horas. Ademais, tamén farán folga as eurodeputadas do BNG, Ana Miranda, e a de AGEe, Lídia Senra.

Na sesión, ademais da brecha salarial, a violencia de xénero ou as agresións sexuais, a oposición formulou preguntas ao Goberno sobre as medidas postas en marcha para promocionar a igualdade nos medios de comunicación ou a situación das mulleres no mar.

MEDIOS DE COMUNICACIÓN
En primeiro lugar, a deputada Ángeles Cuña preguntou ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre as medidas que o Executivo autonómico pon en marcha para garantir que os medios públicos así como aqueles que subvencionan "non ofrecen unha imaxe estereotipada da muller".

Respecto diso, Alfonso Rueda asegurou que a Administración autonómica "leva moito tempo" traballando nesta cuestión e lembrou que "difundiu entre os directores dos medios" galegos unha "guía de boas prácticas para abordar temas como a violencia de xénero.

Ademais, subliñou que tamén ten medidas no ámbito académico ou que "leva anos convocando o concurso Comunicar en Igualdade". Con todo, recoñeceu que o labor principal da Xunta céntrase nos medios públicos, que ten normas concretas para regular esta cuestión.

TRABALLADORAS DO MAR
Nesta liña, e despois de varias iniciativas relacionadas a atención sanitaria á muller, a pregunta que pechou a sesión plenaria tamén tocou o tema da igualdade e da visibilidade da muller. En concreto, a socilista Dores Toja pediulle ao Goberno galego incentivos para impulsar a presenza da muller no mar e esixiu recoñecer o seu papel no sector.

Sobre esta cuestión, Rosa Quintana destacou que o Goberno galego "leva visibilizando" o labor da muller no mar "25 anos". "A preocupación que a vostede lle xorde hoxe xa nos xurdiu hai 25 anos", sinalou en referencia a un encontro das mulleres do sector celebrado nesa data na Illa de Arousa.

"Desde ese momento empezamos a traballar con todas elas, coas mariscadoras, coas rederas, coas comercializadoras e coas empacadoras", manifestou a conselleira, que sinalou que o labor da Xunta motivou que "se organizasen para defender o seu" e que sentisen "orgullosas da súa profesión".

Ademais, destacou que o 24% dos postos de representación do sector corresponden a mulleres, que hai 14 patroas maiores e 28 vicepatronas. "Traballamos con elas e seguiremos traballando", sinalou para cita ámbitos como a loita por un coeficiente reductor para a xubilación, traxes adaptados para as mariscadoras ou a posta en marcha de accións de formación.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS