Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 16.10.2017 Actualizado 13:18
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A Xunta estenderá a educación plenamente dixital a 10.000 alumnos no próximo curso

Aproba un acordo marco que permitirá adquirir ata un máximo de 22.000 portátiles en dous anos e ampliará os contidos dixitais

SANTIAGO. EP  | 18.05.2017 
A- A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ratificou a aposta por estender a educación "cento por cento dixital" a 10.000 alumnos o próximo curso, o que supón sumar ao ensino plenamente dixital 2.800 estudantes máis que os 7.200 que reciben, a día de hoxe, este tipo de educación nos 107 centros que empregan libro dixital.

Para alcanzar este obxectivo, Feijóo explicou que a Xunta adquirirá ata 22.000 computadores portátiles durante os dous próximos anos, para os alumnos e profesores dos centros que se integren nesta iniciativa.

Concretou que se trata da iniciativa "máis importante" deste tipo na historia da autonomía e, a tal fin, destinaranse máis de 11 millóns de euros, dun total de 27 millóns reservados para a dixitalización da educación.

Así mesmo, o acordo contempla un servizo de soporte premium as 24 horas durante o sete días da semana, tanto en liña como telefónico. Tamén habilitará puntos de soporte presencial nos propios centros, para atender a calquera eventualidade que poida suceder cos equipos.

Durante a rolda de prensa do Consello, o titular do Executivo subliñou que, dentro da aposta por un ensino "cento por cento dixital", este ano convocarase un novo concurso público para contar con novos provedores de contidos, ademais dos dous que xa traballan co ensino galego.

AMPLIACIÓN DE CONTIDOS

En paralelo, porase en marcha un espazo de creación de contidos dixitais para que as empresas TIC e audiovisuais poidan facilitar aos docentes servizos para crear contidos dixitais.

Para reforzar o atractivo destes servizos para os profesores, deseñarase un plan de formación específico nos propios centros que estará a disposición dos docentes. Este complementarase cun plan de acompañamento para as familias sobre cultura dixital.

Por último, no referente á conexión a internet dos centros de ensino, Feijóo destacou o obxectivo de que ao finalizar 2018 todos os centros teñan unha velocidade de conexión mínima de 100 megas, fronte ao 40 por cento dos centros que dispón, neste momento, desa velocidade.

Unha vez cumpridas estas metas, o presidente da Xunta afirmou que se iniciará o camiño para, en 2020, estender este sistema tamén ao terceiro curso da ESO.

APOSTA POLO SOFTWARE LIBRE

Preguntado acerca de se estes equipos estarán dotados con software libre, o presidente ratificou a aposta pola implantación do mesmo na Administración galega, aínda que admitiu que aos empregados públicos cústalles adaptarse e teñen dificultades, despois de moitos anos de uso doutros "formatos" (Microsoft).

"Estamos a cambiar, pero non nego que nos está custando", recoñeceu o xefe do Executivo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS