Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

non está decidida a súa presentación

A Xunta inicia o trámite para recorrer o fallo contra o decreto do galego diante do Supremo

SANTIAGO DE COMPOSTELA. E.P.  | 05.03.2013 
A- A+

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, confirmou que a Xunta compareceu no Tribunal Supremo (TS) para unha "posible" presentación de recurso de casación ante o Tribunal Supremo (TS) polas sentenzas contrarias ao coñecido como decreto do plurilingüismo emitidas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

En todo caso, o alto cargo da Xunta advertiu de que isto "non significa" que teñan "decidido", por agora, que o vaian presentar, e recordou que, en todo caso, "non impide en calquera momento a súa retirada".

En resposta ao deputado socialista Francisco Caamaño, que ve o anuncio da Xunta unha acción para "premer" aos grupos da oposición para que avalen a súa política lingüística, o secretario xeral manifestou que o que fai a Administración autonómica é "tomar as medidas previas" e "esgotar os prazos" que ten tras a comunicación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para poder tramitar o recurso de casación.

Así mesmo, na súa intervención parlamentaria, o responsable de Política Lingüística reiterou a oferta de "diálogo" que fixo o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en decembro do pasado ano -- en sede parlamentaria --, aos grupos da oposición para apear dos tribunais a cuestión lingüística e alcanzar un consenso, e negou as palabras do deputado do PSdeG nas que aseguraba que as diferentes sentenzas do alto tribunal galego "tocaron o corazón do decreto".

VENCEMENTO DO PRAZO

A presentación dos recursos de casación ante o Tribunal Supremo finaliza o próximo 15 de marzo. Xa o fixo Galicia Bilingüe, como recordou o propio Valentín García na súa intervención.

Esta situación, sumada a que a RAG tamén "está a preparar" o recurso, serviulle para apoiar a posibilidade de que a Xunta recorra os fallos xudiciais do TSXG, porque "non pode quedar fóra".

Concretamente, o TSXG anulou os puntos do decreto do plurilingüismo referidos á consulta aos pais en educación infantil e o que permite ao alumno utilizar o galego ou o castelán baseándose nas súas preferencias, salvo nas materias de linguas.

"ALONGAR A SITUACIÓN NOS TRIBUNAIS"

O parlamentario socialista mostrou a súa "sorpresa" por que a Xunta "queira alongar a situación da lingua nos tribunais", e tamén censurou que a fórmula do recurso de casación implica ampararse nos dereitos constitucionais, e non na propia normativa que lexisla sobre o galego.

"Non o poden argumentar en ningún caso na lei lingüística", advertiu o exministro de Xustiza, quen tamén explicou que para estar en proceso non é preciso facelo como recorrente, xa que en todo caso serán "recorridos".

"Moi distinto é comparecer para defender o decreto", advertiu Caamaño, ao explicar que é o que acontece ante a personación no Supremo. "Entendo que poidan facelo algúns colectivos, non o entendo de vostedes", abundou.

Pero ante as críticas do deputado socialista, Valentín García volveu insistir en que o Goberno galego trata de "repoñer a cordialidade" na materia lingüística e culpou ao goberno bipartito de ser o que "rompeu" o consenso do que se dotaran as formacións políticas durante os gobernos Fraga.

Así, chamou á "sensatez e responsabilidade" de todos e ratificou a "vontade de diálogo" do Goberno galego, pero xustificou que "a Xunta non pode quedar fóra deste proceso no que outras entidades si están dispostas a seguir".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS