Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 22.08.2017 Actualizado 11:59
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A Xunta lanza un programa para impulsar a inserción laboral de 900 persoas en risco de exclusión social

A iniciativa, cun orzamento de 7,6 millóns, inclúe axudas a concellos para a contratación de perceptores da Risga

SANTIAGO. EP  | 18.05.2017 
A- A+

O Goberno galego activou un programa para impulsar o emprego inclusivo con 7,6 millóns de euros, co que se prevé beneficiar a 900 persoas en risco de exclusión social.

Ao termo do Consello da Xunta, o seu titular, Alberto Núñez Feijóo, explicou que a actuación forma parte da 'Axenda 20 para o Emprego' coa que o Executivo autonómico destina este ano 22 millóns de euros para promover a integración e calidade no traballo dos colectivos máis vulnerables.

Este programa inclúe tres liñas de axudas diferentes e o seu orzamento total ascende a 7,6 millóns de euros. Entre elas están os apoios ás entidades locais para a contratación de perceptores da Renda de Integración Social de Galicia (Risga), cun orzamento de 5,7 millóns de euros.

Os concellos deberán primar, á hora de contratar, a beneficiarios da Risga que teñan xa asignado un proxecto para acceder ao mercado laboral, maiores de 45 anos ou con cargas familiares.

Outra das liñas refírese a proporcionar incentivos a pequenas e medianas empresas (pemes) para a contratación de persoas en risco de exclusión social e outros colectivos desfavorecidos, con 1,5 millóns.

Neste segundo caso, os apoios para pemes en contratacións indefinidas poderán alcanzar os 10.000 euros incrementándose nun 25 por cento no caso de que sexan mulleres, pertenza a unha familia con todos os seus membros en paro ou a firma estea afincada no rural.

AXUDAS INSERCIÓN LABORAL

En terceiro lugar, o plan incorpora apoios para as empresas de inserción laboral, ás que se dedican case 380.000 euros.

As axudas ás empresas de inserción laboral recollen este ano as principais demandas do sector, como unha nova liña de apoio específica para a formación de persoas en proceso de inserción ou un aumento na duración máxima dos contratos.

AXUDAS A ENTIDADES

A Xunta tamén impulsará a inserción sociolaboral de persoas con discapacidade a través de axudas destinadas a confederacións, federacións e entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro.

Esta orde de subvencións ten como obxectivo contribuír á mellora da empregabilidade deste colectivo a través do desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación. O crédito inicial previsto para esta convocatoria supera o millón de euros.

O Goberno autonómico tamén incrementará de novo as subvencións destinadas a financiar os plans de formación das entidades locais. O orzamento para 2017 ascende a 427.905 euros, o que supón un 3 por cento máis que o pasado ano.

Con estas axudas, que se convocan por cuarto ano consecutivo, a Xunta reafirma a súa aposta pola formación do persoal das administracións públicas. O ano pasado financiáronse 12 plans de formación ao amparo desta convocatoria, nas que participaron case 5.000 persoas.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS