Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.09.2018 Actualizado 12:26
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A Xunta legaliza o servizo compartido no taxi e que poida funcionar como transporte escolar

Os vehículos VTC terán que levar un dispositivo visible que identifique a súa actividade

SANTIAGO. EP  | 13.09.2018 
A- A+

O Goberno galego deu luz verde ao primeiro regulamento do taxi na comunidade, debatido con profesionais do sector e consumidores, que abre a posibilidade de autorizar aos taxis a ofrecer aos usuarios servizos compartidos. Así, de forma excepcional, tamén permitirá que un taxi poida exercer como transporte escolar no rural, en casos nos que así o aconselle un reducido número de escolares.

Diso informou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo, na que incidiu en que o uso do servizo compartido até agora non estaba "expresamente regulado", o que podía ocasionar problemas. Agora legalízase esta modalidade, que contribuirá a "abaratar" os custos.

En concreto, o regulamento inclúe a habilitación aos concellos para que autoricen estes servizos mediante o pago por praza a través das ordenanzas municipais, e dirixidos "a zonas de baixa densidade de poboación", débil tráfico ou sen as adaptacións necesarias en materia de accesibilidade.

A Xunta incide en que este tipo de servizos con cobro por praza deberán ser "máis económicos" para os usuarios. Ademais, nestas condicións, de forma excepcional, os taxis poderán realizar servizos de transporte regular de uso xeral ou de transporte regular de uso especial.

Por exemplo, en determinadas zonas do rural con dificultades para o transporte escolar polo baixo número de usuarios, agora a Xunta poderá "contratar a un taxi que leve a dous ou tres alumnos ao colexio", o que se traducirá --defendeu o presidente-- en "unha boa formulación para os pais e para o taxista".

VEHÍCULOS VTC
En relación cos vehículos de turismo con condutor, os chamados VTC o decreto regula, subliñou Feijóo, os únicos aspectos sobre os que ten competencias a comunidade. Deste xeito, os autos que realicen este servizo deberán levar nun lugar visible un dispositivo que así o indique.

En todo caso, o presidente galego insistiu en que a Xunta segue demandando que o Goberno central "estableza un marco regulatorio claro" que "faga posible cumprir o cociente legalmente prevista dunha licenza VTC por cada 30 de taxi" e que en Galicia --dixo-- tampouco se cumpre.

SIMPLIFICACIÓN ADMINISTRATIVA
O regulamento ofrece, así mesmo, unha "simplificación administrativa" e "unha maior seguridade xurídica" aos profesionais do taxi, respondendo así a unha reivindicación dun sector no que interveñen tanto a Xunta como os concellos.

Así, o decreto "reforza a vinculación e coordinación" entre os títulos administrativos habilitantes para a prestación de servizos de taxi, a licenza municipal para servizos dentro do termo municipal e a autorización autonómica para servizos interurbanos.

Desta forma, o beneficiario fará unha única solicitude ante unha plataforma electrónica, ante o concello, que produce automaticamente o inicio do expediente municipal e do autonómico, e deberán concluír na emisión das dúas resolucións, garantindo a coherencia entre elas.

Do mesmo xeito, desenvolve a creación das áreas territoriais de prestación conxunta, ámbitos definidos por dous ou máis concellos limítrofes, entre os que se produza influencia recíproca entre os servizos de taxi.

A área asumiría as competencias que correspondían aos concellos que a integren e os taxis poderán facer os seus servizos no conxunto do seu territorio.

NÚMERO DE LICENZAS
Feijóo informou, do mesmo xeito, que o decreto desenvolve a Lei do taxi, polo que o número máximo de licenzas por concello estará fixado en función da súa poboación, aínda que será posible modificar esa cota en virtude de "circunstancias concretas" dun municipio.

Para facelo, o municipio deberá elaborar un estudo que justifique tecnicamente a necesidade de licenzas e remitilo á Dirección Xeral de Mobilidade, que emitirá o informe correspondente.

DEREITOS DOS USUARIOS
O regulamento completa o catálogo de dereitos dos usuarios, tales como obter axuda tanto para subir e baixar do vehículo como para cargar e descargar equipaxes; e o transporte das súas equipaxes ou pertenzas, podendo portar gratuitamente no maleteiro do vehículo un vulto por usuario, coa limitación da capacidade do devandito maleteiro.

Os usuarios poderán tamén decidir sobre o funcionamento do aire acondicionado ou a calefacción nun vehículo e sobre o volume da radio, así como que se facilite o cambio de moeda até o importe de 50 euros.

CARACTERÍSTICAS DOS VEHÍCULOS
No apartado de novidades e características dos vehículos, os coches de máis de sete prazas (oito e nove) incluído o condutor, deberán dispor dunha praza adaptada para o transporte de persoas en cadeira de rodas.

Estes coches deberán ter un mínimo de catro portas e 330 litros de capacidade de maleteiro, ademais de estar dotados de dispositivos de calefacción e aire acondicionado.

En canto á antigüidade, non poderán superar os 12 anos en concellos de até 20.000 habitantes ou no caso de taxis adaptados, e dez nos municipios que superen esa poboación.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS