Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 26.06.2019 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A Xunta pide ao Concello cámaras na contorna da Catedral

Asumirá a súa instalación se o Consistorio non o fai // O conselleiro de Cultura mostra o seu "profundo rexeitamento" ás pintadas e lembra que os seus autores se enfrontan a multas de 6.000 a 150.000 euros

SANTIAGO. EP  | 12.03.2019 
A- A+

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, demandou ao Consistorio de Santiago a instalación de cámaras de videovixilancia nos arredores da Catedral "para que estea protexida fronte a diversos actos vandálicos". "Se o Concello, polo motivo que sexa, non o asume ou entende que non é necesario, asumirémolo na Xunta", garantiu.

En declaracións aos medios tras visitar as pintadas coas que amenceu a Catedral de Santiago este martes, o conselleiro mostrou o "máis profundo rexeitamento" do Goberno galego a este "acto vandálico" e incidiu na "necesidade de manter os espazos patrimoniais".

Así, Román Rodríguez reiterou a demanda de cámaras de seguridade ao goberno local despois de que xa o fixese o pasado mes de setembro, cando apareceron outras pintadas na fachada do inmoble cara a Praterías. "Contactarei co Concello e exporei a necesidade inmediata de pór en marcha un sistema de vixilancia por televisión para que este tipo de atentados non se repitan", adiantou.

"No caso de que o Concello, polo motivo que sexa, non pode ou desexe facelo, a partir de aí tomaremos a iniciativa e falaremos coa Delegación do Goberno para que este ben cultural do patrimonio non esteamos cada certo tempo con actos vandálicos que enturban a imaxe de Galicia", engadiu.

Preguntado sobre se existe algunha imaxe ou algún dato que poida esclarecer o sucedido, o conselleiro de Cultura e Turismo respondeu que iso "o ten que dar a Policía Local", á vez que indicou que serán os corpos de seguridade os que "tomen as medidas pertinentes" para "coller aos infractores".

MULTA ENTRE 6.000 E 150.000 EUROS
E é que, tal e como explicou, os culpables das pintadas poderíanse enfrontar a unha multa de entre 6.000 e 150.000 euros por unha infracción "grave" da lei de patrimonio. Ademais, admitiu "non saber" a contía á que ascenderán os traballos de limpeza, o que --remarcou-- é competencia da Fundación Catedral.

Neste sentido, Rodríguez asegurou que xa falou co director da Fundación, Daniel Lorenzo, quen lle comentou que "de modo inmediato" procederán á limpeza dos actos vandálicos, para o que "haberá que facer un estudo técnico".

Así mesmo, o conselleiro abundou que a dificultade destes traballos van "en función da zona", xa que --afirmou-- a pintada na fachada que dá cara á Praza do Obradoiro é "relativamente complexa", mentres que "a máis complexa" é a situada no túnel do arco do Pazo de Xelmírez, "sobre todo pola situación da pedra".

GALICIA, UN POBO "QUE RESPECTA O PATRIMONIO"
Así as cousas, o responsable autonómico de Cultura e Turismo lembrou que a Catedral de Santiago "é o punto de destino de millóns de persoas" de "centos de países" a través do Camiño, polo que apelou a "evitar que este tipo de accións se convertan en norma".

"Estaremos a dar unha imaxe que non é, nin moito menos, a imaxe que ten Galicia, que é un pobo acolledor e que respecta o patrimonio", sentenciou Rodríguez.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS