Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 14.09.2019 Actualizado 15:12
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A Xunta pide un crédito polo "impago" do Estado e alerta dun buraco de 530 millóns

SANTIAGO. EP  | 11.07.2019 
A- A+

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou de que a Xunta está "a acudir" a unha "liña de crédito" para liquidar as "tensións de tesouraría" provocadas polo "impago" dos 700 millóns por parte do Executivo central e cifrou en "530 millóns" o "buraco" causado nos orzamentos autonómicos.

Así o destacou na rolda de prensa posterior á reunión do Consello, na que explicou que, despois de que o Parlamento de Galicia aprobase o mércores unha iniciativa neste sentido, solicitará formalmente ao Executivo de Pedro Sánchez os 700 millóns para "seguir pagando facturas, pagando nóminas e pagando o que se debe na Comunidade autónoma".

"Só hai unha única alternativa posible: pagar o que se debe", subliñou Feijóo, que advertiu de que esta situación nunca se produciu antes. Ademais, sinalou que hai precedentes de que un Goberno en funcións aprobe decretos lei ao lembrar os autorizados polo Executivo en 2016 en materia de activación do emprego e de medidas tributarias para reducir o déficit.

"Estamos a entrar no último semestre do ano e só temos escusas: a escusa de que o Goberno está en funcións, pero o Consello de Ministros reúnese; a escusa de que non houbo presupostos, pero todos lembramos os venres sociais, nos que se aprobaron decenas de decretos leis pero ningún en relación coa sanidade, a educación e os servizos sociais das comunidades autónomas", indicou.

CANTIDADES PENDENTES
Na súa comparecencia ante os medios, Feijóo explicou que as cantidades pendentes de recibir do exercicio 2019 son: 330 millóns da actualización das entregas a conta do exercicio 2019; 200 millóns da devolución da mensualidade do IVE do exercicio 2017; e 170 millóns do inventivo ás comunidades cumpridoras.

Ademais, precisou que Galicia incluíu nos seus orzamentos de 2019 os 330 millóns das entregas a conta porque é a cifra que o Goberno comunicou en xullo de 2018; e outros 200 da mensualidade do IVE porque a ministra de Facenda, María Jesús Montero, comprometeuse a solucionar esta cuestión.

"Nos orzamentos da Comunidade autónoma faltan 530 millóns de euros e o total da débeda contraída polo Goberno de España coa Comunidade ascende a 700 millóns", subliñou Fejióo, que advertiu de que, de non solucionarse este asunto, Galicia recibirá estes 530 millóns no verán de 2021, unha vez liquidado o sistema de financiamento autonómico do exercicio 2019.

REXEITA RECORTES
A pesar destas "tensións de tesouraría", Feijóo deixou claro que o seu Executivo non baralla efectuar recortes nos orzamentos senón que opta por acudir a unha "liña de crédito" e "pagar os gastos que supón esa liña de crédito".

"Ese escenario non o contemplamos, se hai unha débeda, a administración ten que pagala", manifestou o máximo mandatario autonómico, que advertiu de que o que está en "xogo" é a sanidade, a educación e os servizos sociais de Galicia.

"INESTABILIDADE" POLÍTICA
Ante estas cuestións, o presidente da Xunta de Galicia deixou claro que a "inestabilidade" política que padece España "non é culpa" de ningunha comunidade autónoma". "Con escusas non podemos pagar as nóminas nin as facturas", sinalou Feijóo, que considerou que "alguén ten que gobernar o país".

"Ademais de discutir con Podemos ... de botarlle a culpa aos demais porque non hai goberno en España, deberían atender os asuntos ordinarias dunha administración seria e competente", manifestou.

Para concluír, lembrou que en Galicia hai estabilidade política: porque se cumpren "as regras" e págase " en tempo e forma". "Non merecemos ese trato", apuntou.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS