Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 06.12.2019 Actualizado 13:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

con case 300.000 euros

A Xunta podería ser sancionada por non recoñecer os dereitos laborais do profesorado do Celga

SANTIAGO. EP  | 16.01.2014 
A- A+

A Xunta recibiu unha proposta de sanción de case 300.000 euros por parte da Inspección de Traballo por non recoñecer os dereitos laborais do profesorado do Celga na provincia de A Coruña, tal e como aseguraron este mércores unha representación dos docentes, os sindicatos CIG, CUT e STEG, de asociacións de defensa da lingua e das tres forzas políticas da oposición en Galicia.

En rolda de prensa no Parlamento, David Cobas, representante da Coordinadora de Traballadores pola Normalización Lingüística (CTNL), revelou que unha acta da Inspección de Traballo da Coruña deu a razón aos profesores que imparten cursos de certificación en lingua galega (Celga) nas súas denuncias sobre as súas "condicións precarias" de traballo.

Con data do 14 de novembro, como sinalou, este escrito pon de relevo que existe "unha relación laboral" entre estes docentes e a Xunta e recoñece o máximo de tempo traballado que a lexislación permite, cinco anos, malia que, en palabras do secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, esta situación vén "dende a Prehistoria".

"A acta evidencia a fraude da Consellería de Cultura", manifestou o sindicalista, e a el sumouse Brais González, do sindicato CUT, quen lamentou que a administración que "a primeira en velar polos dereitos laborais, a administración, é a primeira en negar a regularización" duns docentes tratados laboralmente como "colaboradores".

Con esta resolución, e á espera de pronunciamento nas restantes provincias galegas, o que demandan os sindicatos e os profesores é que as próximas contratacións se fagan "conforme á lei" e se cree "un corpo estable" de formación en galego para adultos. Ao fío diso, piden que se poña fin ao "escurantismo" que, denunciaron, impera nas listas de contratación.

CABE RECURSO

En todo caso, avanzaron que a Xunta "vai recorrer" a acta da Inspección de Traballo da Coruña, o que poría a resolución do caso por vía administrativa en mans da Consellería de Traballo.

Ante esa situación, xa deixaron claro que acudirán aos tribunais de xustiza para demostrar que os docentes do Celga "son traballadores, non colaboradores", como dixo Louzao.

"Haberá que pelexar e chegar aos xulgados", concordou Brais González, apelando a "seguir man a man na loita sindical" porque queda "un tránsito bastante grande" para poñer fin a este conflito laboral.

RESPONSABILIDADE POLÍTICA

Pola súa banda, o presidente de A Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, criticou o modelo "caciquil" que utiliza a Xunta para contratar aos docentes do Celga e pediu "responsabilidades políticas" pola multa de case 300.000 euros.

"Esperamos da Xunta que responda e que tome medidas correctivas", apostilou, e pediu tamén "apoio" para os que queren aprender galego, posto que, dixo, hai "moitas máis solicitudes que cursos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS