Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A Xunta ponse a disposición do Goberno para acoller aos refuxiados do Aquarius que lle "sexan asignados"

Rey Varela cre que nunha cuestión "humanitaria" hai que estar "unidos" e admite que "fallaron" os mecanismos de coordinación europeos

MAR MEDITERRÁNEO, 12/06/2018.- Fotografía cedida pola ONG
MAR MEDITERRÁNEO, 12/06/2018.- Fotografía cedida pola ONG "SOS Mediterranee" que mostra a varios dos 629 inmigrantes rescatados a bordo do barco "Aquarius" no Méditerráneo hoxe, 12 de xuño do 2018. Un total de 629 inmigrantes foron rescatados na madrugada do domingo 10 de xuño e trasladados ao barco "Aquarius", fretado por Médicos Sen Fronteiras e SOS Mediterranee, ao que se lle impediu atracar en Italia e Malta. O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, deu onte luns instrucións para que o barco poida atracar no porto de Valencia para evitar unha catástrofe humanitaria. - FOTO: EFE/ Kenny Karpov /SOS MEDITERRANEE

SANTIAGO. EP  | 12.06.2018 
A- A+

A Xunta de Galicia trasladou na mañá deste martes ao Goberno central a súa disposición para acoller a parte das persoas que viaxan no buque 'Aquarius', que navega con máis de 600 inmigrantes e refuxiados rescatados no Mediterráneo, despois de que finalmente se acordase levar o barco até Valencia con axuda doutro navío.

Así o confirmou, en declaracións aos medios, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, que apuntou que o xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, activou "a primeirísima hora da mañá" os mecanismos de coordinación co Goberno central en materia de acollida de refuxiados e inmigrantes, e puxo a disposición os medios galegos.

A Xunta, explicou Rey Varela, "considera prioritario garantir a integridade das persoas a bordo". "Estamos a falar dunha cuestión humanitaria e, nestas cuestións, temos que demostrar que estamos todos unidos ao redor das persoas", subliñou.

Por iso, o Goberno galego púxose "a disposición" do estatal, que é "competente en xestión de políticas de asilo", para "acoller a aquelas persoas rescatadas que lle fosen asignadas" dentro dos marcos de coordinación que xa existen tanto a nivel nacional como europeo.

"En Galicia temos disposición e experiencia de traballo co Goberno central, un traballo que desenvolveriamos en caso de ter asignacións por parte do Goberno de España", indicou Rey Varela, que comprometeu tamén a coordinación coas entidades de iniciativa social que en Galicia xestionan os asentamentos de refuxiados (Cruz Vermella, Acen e Pro Vivienda), coas que se mantén unha "colaboración moi estreita".

Estes mecanismos que agora se poñen en marcha, lembrou o conselleiro, son os mesmos empregados para o reasentamento de refuxiados da crise siria.

"Temos todos os medios sempre a disposición cando xorden situacións como esta de carácter humanitario. Galicia está preparada para acoller este tipo de situacións que a todos nos inquietan pensando que hai persoas a bordo do buque Aquarius e que teñen que ser protexidas de maneira urxente", subliñou.

TODOS "UNIDOS"
Rey Varela apuntou que neste tipo de "temas humanitarios", que afectan a "dereitos fundamentais das persoas", é necesario "estar todos unidos".

"Na sociedade avanzada en que vivimos hai mecanismos de coordinación", apuntou o conselleiro, que, no entanto, recoñeceu que neste caso "concreto" "fallaron" os mecanismos existentes nesta materia a nivel europeo para dar protección aos refuxiados e inmigrantes rescatados do Mediterráneo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS