Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 13.02.2020 Actualizado 10:19
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A Xunta prepara a vía para reclamar o IVE e Feijóo carga contra o Goberno: "Que 'jeta', que morro e que cara!"

Censura que o Goberno "pague as facturas" a independentistas pero non a comunidades autónomas, e que quede con 2.500 millóns "para as súas esmorgas orzamentarias"

SANTIAGO. EP  | 24.01.2020 
A- A+

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, indicou Galicia está a articular os pasos a dar para responder á decisión de Goberno que dirixe Pedro Sánchez de non pagar ás comunidades as contías derivadas da mensualidade do IVE de decembro de 2017 --200 millóns no caso galego--, á vez que criticou con dureza a actitude do Executivo estatal.

Tras o Consello da Xunta, o tamén líder do PPdeG lembrou que en agosto de 2018, pouco despois de que o anterior Goberno de Sánchez tomase posesión, a ministra de Hacienda, María Jesús Montero, "comprometeu solemnemente no seu despacho que isto se arranxaba en 2019".

"En 2019 propuxémoslle un real decreto para arranxalo e, cando pensamos que isto se ía a solucionar cos orzamentos de 2020, agora dinos que non, que o diñeiro é seu e que a culpa a teñen os anteriores. Que 'jeta'. Que 'jeta', que morro e que cara!", clamou Feijóo, visiblemente indignado.

Ao tempo, censurou que "pague as facturas" aos independentistas mediante a reforma do Código Penal mentres non abona o que debe ás comunidades e suxeriu que o Goberno queda con 2.500 millóns do IVE das autonomías -200 no caso de Galicia-- para "as súas esmorgas orzamentarias".

"Co diñeiro das comunidades estamos a financiar as políticas electoralistas do Goberno central", avisou, antes de anticipar que non o van "calar". "Teríanme que cesar como presidente para que me cale ante este atropelo", dixo, para engadir, a continuación, que en máis de 30 anos que leva na Administración pública nunca viu nada similar.

"Nunca houbo un atropelo de modo tan impúdico e con gracietas incluídas dicindo que se xa non se pode pagar (despois de 2019)", remarcou.

A DECISIÓN, EN VÍAS DE PREPARACIÓN
Preguntado acerca de se, neste contexto, a Xunta presentará un recurso ante os tribunais, Feijóo non quixo entrar en detalles, pero si deu a entender que traballa para atar os argumentos legais cos que poder combater a decisión do Executivo.

"Cando teñamos a decisión ganduxada, dirémolo. Cando teñamos algunha noticia que dar, darémola. Non nos gusta improvisar. Se está adecuadamente argumentada farémola pública de inmediato", sinalou, antes de advertir que o que non vai facer a Xunta é "rir as gracietas" do Goberno central.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS