Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 26.03.2019 Actualizado 12:29
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

MEDIO

A Xunta recupera un proxecto de hai 3 anos dunha mina nas Fragas

Dálle o visto e prace á declaración de impacto ambiental dunha canteira de andalucita a só 50 metros do parque natural do Eume ·· Dez colectivos ecoloxistas advirten dos prexuízos sobre hábitats prioritarios e o río Belelle, que abastece de auga potable os concellos da Capela, Fene, Cabanas Neda e Ferrol

R. FERNÁNDEZ . SANTIAGO   | 01.04.2010 
A- A+

FUSQUENLLA
A zona do Pico Vello, no macizo do Forgoselo nas Pontes, linda co Parque Natural das Fragas do Eume
FOTO: FUSQUENLLA

A ameaza mineira sobre os espazos naturais intensifícase. Se a principios de semana se coñecía a intención da empresa Minor Galicia de poñer en marcha unha explotación para extraer granito ornamental en plena Serra do Suído, dez colectivos ecoloxistas denunciaban onte a recuperación por parte da Xunta do proxecto dunha mina de andalucita a escasos 50 metros do parque natural das Fragas do Eume. Promovido pola empresa Picobello Andalucita S.L., a nova canteira afectaría gravemente ós hábitats prioritarios dunha zona na que conflúen o LIC das Fragas e o do Río Belelle, LIC de futura creación que está incluído na proposta de ampliación da Rede Natura do Executivo galego. Ademais desta afección directa a un ecosistema protexido, os colectivos ecoloxistas destacan que a industria suporá a destrución do nacemento do río Belelle, afectando á canle que abastece de auga potable os concellos da Capela, a parte alta dos de Fene e Cabanas e os municipios de Neda e Ferrol.

Cabe recordar que a zona elixida é refuxio dunha flora e fauna de grande riqueza, con presenza de especies vulnerables como o felgo macaronésico Dryopteris aemula ou os liques do xénero Usnea, indicadores de boa saúde atmosférica. Ademais, a área de explotación sitúase xusto sobre unha fraga autóctona de máis de 25 hectáreas que tamén desaparecería, contribuíndo así á mingua dun ecosistema que funciona como gran reserva da biodiversidade.

Estes foron os argumentos utilizados por Adega, Club de Montaña Ferrol, Colectivo Ártabra 21, Federación Ecoloxista Galega, Fusquenlla, Guerrilleiros das Fragas, Lapis Verdes, O Rabo do Galo, Sociedade Galega de Historia Natural e Verdegaia para rexeitar o proxecto presentado no 2006 e que, tras ser analizado pola Consellería de Medio Ambiente do bipartito, contou cunha declaración de impacto ambiental negativa. Tras unhas correccións -"mínimas" para os ecoloxistas-, a Xunta iniciou en 2007 un novo período de avaliación, no que as dez organizacións volveron presentar alegacións para impedir a súa autorización. "Dende entón non tivemos información de que se produciran modificacións no proxecto nin de que se autorizara ou rexeitara polo que entedemos que quedara descartado", asegura Humberto Fidaldo, voceiro de Adega-Trasancos, quen admitiu a súa sorpresa cando o pasado 11 de marzo se publicou no DOG a aprobación da declaración de impacto ambiental dun proxecto presentado pola empresa en xaneiro. Tras este permiso ambiental, á explotación mineira só lle queda agora obter o permiso da Consellería de Industria para comezar a súa actividade.

O DATO

A entulleira, no rego Manciñeira

Tan graves como os da propia explotación son os efectos da entulleira, que se prevé situar sobre o rego Manciñeira, tributario do Eume, o que suporá "un deterioramento da súa cabeceira e un perigo constante para a calidade das augas, tanto por emisións de po e de lixiviados, como pola posibilidade de rotura das balsas de decantación". Ademais, advirten das emisións de po, gases e ruídos, que acabarán afectando a un parque natural situado a 50 metros.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS