Hemeroteca web
|
RSS
Martes 22.05.2012
| Actualizado 12.06
O Partido Popular rexeitou onte en pleno unha moción nacionalista pola que se instaba á Xunta para revisar de oficio a resolución do concurso eólico "para que se aplique por igual, a todas as solicitudes, os criterios de valoración dos seus plans industriais", considerando os investimentos en activos fixos tanxibles en función dos euros/Mw solicitados, así como os empregos que se crearán no desenvolvemento do plan.
A proposta do BNG reclamaba tamén que se corrixiran aquelas valoracións que admitiron actuacións de investimento que precisaron de autorización ou concesión administrativa e estiveran suxeitas ó réxime de pública concorrencia e emendar aquelas valoracións que admitiron como plans industriais os investimentos nos sectores regulados.
Asemade, se instaba á Xunta para reparar aquelas valoracións que tiveron en conta proxectos que xa estaban iniciados ou en funcionamento antes do propio concurso.
O deputado nacionalista Henrique Viéitez lembrou que "hai unha situación de malestar e desconcerto no sector, derivada da anulación do concurso promovido polo goberno anterior e acrecentada pola actual controversia que existe sobre a aplicación dalgúns puntos da resolución do concurso actual".
Para o deputado, cómpre lembrar que están presentados unha trintena de recursos sobre a resolución, o que incrementa "a súa inseguridade xurídica", e reiterou a legalidade do concurso eólico impulsado polos nacionalistas no anterior goberno e a "ilegalidade" do actual e lembrou que o propio conselleiro de Industria, Javier Guerra, non desmentiu, na anterior sesión, determinadas "irregularidades e contradicións detectadas na valoración dos plans industriais".
Reclaman porlle freo á suba da tarifa eléctrica
O deputado do Grupo Parlamentario do BNG Henrique Viéitez emendou tamén en pleno unha proposta do PP en relación á aplicación da tarifa eléctrica de último recurso no sentido doutra iniciativa semellante presentada polos nacionalistas en comisión, que contou co apoio dos populares e que tiña por obxecto mudar a Lei 54/1997 de 27 de Novembro para que o prezo da enerxía se estipule en función dos costes da cada tecnoloxía. Ademais, o deputado nacionalista reclamou ademais que a actualización desta tarifa en ningún caso supoña un incremento superior ó do IPC.
