Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Martes 21.10.2014  | Actualizado 00.00

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

DENDE AS ONDAS

Yankis go home

ANTONIO GUTIÉRREZ  | 19.12.2011 
A- A+

O exército norteamericano retirouse esta fin de semana de Irak. A máquina de guerra máis poderosa da historia sae do país árabe tras nove anos de presenza. A propaganda oficial asegura que así se pon fin a unha guerra que lle custou a vida a máis de cen mil civís irakis e a uns catro mil cincocentos soldados estadounidenses. Un prezo inmenso.

O norteamericano é un pobo de nenos grandes con moito músculo e poucos miolos. Iso é o que o fai perigoso. Tanto coma un mono cunha pistola cargada. Os nenos ven o mundo sempre en branco e negro. Desprezan os matices, tan importantes para o home condicionado pola civilización. Por iso os americanos actúan ás veces como elefante en cacharrería. Mentres os ditadores se acomodan aos seus mandatos todo vale. Cando comezan a ser molestos e non acatan a orde de retirada, son invadidos e aniquilados. Exemplo de ditadores apoiados ata o final poden ser Franco, Pinochet, Videla e un inmenso etcétera. Exemplo dos que perderon o favor do Imperio son Gadafi, Mubarak… E o xenocida Hussein. Cando Bush decidiu invadir Irak o xerarca de Bagdad xa gaseara a un millón de kurdos ante a indiferenza do noso Occidente, tan respectuoso dos dereitos humanos.

Todos sabemos que Bush invadiu Irak polo seu petróleo. Todos sabemos que antes da primeira guerra a multinacional da morte McDonell Douglas estaba na creba e ía despedir a milleiros de traballadores. Todos lembramos que un mes despois a empresa estaba outra vez con beneficios. E as petroleiras encantadas. O que xa non nos gusta tanto é lembrar que hai un feixe de multinacionais europeas, tamén varias españolas, que se sumaron a ese carro dos beneficios a costa do sangue irakí.

Os europeos rimos con ganas e ata nos alegramos das desgrazas dos fillos de Washington. Pero non seriamos o que somos se non fose por eles. A civilización fíxinos cínicos e covardes. O paso inexorable da Historia converteunos, hai xa case un século, en príncipes destronados. Somos pacifistas, ¡nós!, dende que perdimos a forza militar, dende que perdimos as colonias, dende que xa non podemos pisotear África, Asia e Sudamérica. Pero nunca deixamos de actuar como hienas carroñeiras cando o león sae de caza. Sen complexos. Ben pertrechados cun discurso elaborado coa prostitución da Filosofía. Somos mestres na arte de preparar ben unha mascarada.

O exército norteamericano deixa Irak e da por finalizada a guerra nese país. Velaí unha das incontables mentiras deste drama. A guerra seguerá, pero a nós xa non nos interesa. Seguerán a morrer mulleres, nenos e anciáns vítimas da violencia dos bárbaros. Como antes da intervención. Pero nós estamos satisfeitos co botín. Finxiremos dor e ata indignación as poucas veces que vexamos algunha noticia nos informativos das televisión. O Imperio encheu os petos en Irak. Pero hai que lle recoñecer que cando menos pagou un prezo en homes. E tamén en cartos. O custo da presenza militar no país e das pensións aos feridos e veteranos é altísimo. Europa, agás Gran Bretaña, non pagou nada. Só actuou, unha vez máis, coma os boitres. Iso sí. Co discurso do pacifismo nos beizos.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS