Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.09.2019 Actualizado 20:16
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Sociedade

"NOCTURNIDADE"

Alemaña decide adiantar o peche das centrais nucleares ó ano 2022

O acordo ó cal chegou a coalición de goberno fíxose público de madrugada e contempla que as instalacións desconectadas tras a crise de Fukushima non volven ser reactivadas ·· A súa produción compensarase con medidas de aforro de enerxía e mais o fomento das renovables

AXENCIAS . BERLÍN/MADRID   | 31.05.2011 
A- A+

BORIS ROESSLER
Imaxe alegórica que captou o fotógrafo Boris Roessler nas inmediacións da planta nuclear de Bilblis, que se pode ver como alusión ó seu peche
FOTO: BORIS ROESSLER

A coalición de goberno que dirixe a chanceler federal, Angela Merkel, acordou adiantar o apagamento nuclear en Alemaña ó ano 2022, aínda que xa no 2021 serían desconectadas a gran maioría das centrais atómicas de Alemaña. A Unión Cristián Demócrata (CDU) de Merkel, os socialcristiáns bávaros (CSU) e liberais (FDP) sinalaron onte de madrugada que nunca máis volverán ser conectadas á rede as oito centrais cuxa clausura provisional se anunciou tras a catástrofe de Fukushima.

O titular alemán de Medio Ambiente, Norbert Röttgen, comunicoulle á prensa entrada a madrugada do luns que as tres plantas nucleares máis modernas atrasarán eventualmente o seu peche ata o 2022 no caso de que xurdan problemas coa subministración eléctrica. O plan para suplilas contempla potenciar o aforro enerxético e a produción de renovables.

Así mesmo sinalou que os partidos da coalición acordaron non eximir as compañías eléctricas do pago do novo imposto para as barras de combustible nuclear, que ten como fin financiar o desenvolvemento e construción de centrais eléctricas de enerxía renovable e supón uns ingresos de 2.300 millóns de euros anuais.

A decisión dos partidos da coalición que dirixe Angela Merkel supón un retorno á determinación tomada no ano 2000 pola entón coalición de socialdemócratas e verdes, ás ordes de Gerhard Schröeder, que aprobara por lei a fin da era nuclear no ano 2021. Angela Merkel e o seu equipo retráctanse así da lei que aprobaron o pasado outono para prolongar a vida dos 17 reactores nucleares que teñen en Alemaña unha media de 14 anos e que atrasaba ata o 2036 a clausura da última planta atómica en activo..

EN ESPAÑA

IU reclámalles a PSOE e PP que "deixen de defender o "lobby" nuclear"

O voceiro parlamentario de IU no Congreso, Gaspar Llamazares, reclamoulle onte ó Goberno un calendario de peche das plantas atómicas, tras a decisión de Alemaña. Llamazares reclama tamén nunha nota que "os dirixentes activamente pronucleares que hai no seo do PSOE e do PP, que son moitos e moi activos, retiren publicamente os insultos, descualificacións e bromas de mal gusto" que sofre IU desde hai anos pola súa petición de peche das centrais. Engade que chegou a hora de que "os demais sexan agora o serios que levamos sendo nós durante anos, e que PSOE e PP deixen de antepor e defender os intereses do lobby nuclear fronte ó interese enerxético presente e futuro" do país.

Segundo Gaspar Llamazares, débese comezar pola clausura inmediata de Garoña, "a máis antiga e con tecnoloxía obsoleta, e o peche cautelar das de Almaraz, Ascó e Cofrentes, en funcionamento desde os 80 pero con tecnoloxía da década anterior".

O presidente de Iberdrola afirma que este é só "un tema político"

O presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, afirmou onte que o apagamento nuclear anunciado polo Goberno alemán é "un tema político" e que o país tomou as súas decisións "como anteriormente tomou as contrarias".

Sánchez Galán pronunciouse así cando lle preguntaron polo acordo da coalición de Goberno que dirixe a chanceler, Angela Merkel, de adiantar o apagamento nuclear en Alemaña ó ano 2022, durante unha rolda de prensa posterior á xunta de accionistas de Iberdrola Renovables.

"As empresas facemos enerxía, e os políticos, política, e isto é un tema político", manifestou. Recordou que en España, segundo a Lei de economía sostible, as centrais nucleares se analizan en función da súa seguridade e fiabilidade, "e iso é o que temos que ver", dixo.

Sánchez Galán agregou non ter máis que dicir dun país que non é o seu e onde non ten intereses no campo da enerxía nuclear.

A CERNA

Merkel quere "enerxía segura"

O apagamento nuclear supón o inicio dunha "nova arquitectura para a subministración eléctrica", declarou a chanceleira federal, Angela Merkel, ó recibir o informe elaborado pola Comisión Ética que analizou o futuro enerxético do país, e agregou que a electricidade do futuro debe ser "segura e fiable". "Temos por diante un grande esforzo conxunto", dixo pola súa banda Matthias Kleiner, copresidente da citada comisión.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS