Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 20.02.2020 Actualizado 21:12
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Sociedade

GALICIA XXI ACTORES DO CAMBIO

Carlos Freire: "Moito embarazo indesexado é por non ter información"

“O que máis está afectando a caída da fecundidade é a entrada tardía da muller no ciclo reprodutivo”

LUIS POUSA   | 21.03.2010 
A- A+

RAMÓN ESCUREDO
O doutor Carlos Freire Bazarra no despacho da súa consulta da rúa Santo André, na Coruña
FOTO: RAMÓN ESCUREDO

O doutor Carlos Freire Bazarra (A Coruña, 1952; casado: dous fillos; licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, especialista en Obste­tricia e Xinecoloxía) leva máis de 4.000 partos asistidos desde 1978. Participou en fases de ensaio clínico 3 de diversos fár­macos e en varios estudos da muller menopaúsica realizados pola Asociación Española para o Estudo da Menopausa. Á mantenta dos avances habi­dos no tratamento da meno­pausa, o doutor Freire destaca o dano "case irreparable que causou na muller un estudo publicado nos Estados Unidos, no que se deostaban os tratamentos hormonais substitutivos, dicindo que producían cancro de mama ou outras situacións. Afortunadamente non era así, pero os medios de comunicación tiveron moita culpa, porque mentres que ese informe foi tratado a toda plana, cando se demostrou que non era certo a noticia non tivo o mesmo tratamento xornalístico. Ós profesionais estanos custando moito traballo que a muller acepte o tratamen­to hormonal substitutivo, que ten moita importancia para ela, tanto para eliminar síntomas desagradables como para demorar determinados procesos orixi­nados pola falta de estróxenos: caso da osteoporose, do envellecemento da pel e das mucosas". O aumento da esperanza de vida da muller supón que pasará un terzo da súa vida en menopausa, salienta o doutor, e engade: "Unha muller de 60 anos é hoxe unha persoa en plena fase vital, ata laboral. Por tanto temos que brindarlle a posibilidade de manter e gozar dunha boa calidade de vida"

 

Hai unha relación moi directa entre o tratamento, o embarazo e a supervivencia infantil?

Total. Unha dos factores da diminución da mortalidade perinatal foron os controis do embarazo. Unha das razóns polas que antes se tiñan tantos fillos era porque un tanto por cento deles ía morrer nas primeiras fases da infancia. Diminuíu substancialmente a mortalidade perinatal, e, en paralelo, a media de fillos por parella descendeu a menos de dous fillos. Tres fillos é algo xa extraordinario.

 

Cada vez fanse máis cesá­reas. Por que?

Pasamos dunhas taxas de cesáreas do 16 % ó 28-30 % actual. Iso ten explicacións médicas e xurídicas.

 

Xurídicas?

Si. Un exemplo, recentemente o Hospital Illas Cíes de Vigo foi condenado a pagar un millón de euros por non lle practicar unha cesárea a unha paciente cando, ao parecer, houbo dificultades no expulsivo para a extracción fetal, o que levou a unha patoloxía neurolóxica no neonato. Cando ves que un parto sae do normal, a cesárea serve para evitar riscos innecesarios que, ademais, poderían ter repercusións xurídicas e xornalísticas moi negativas. Se a iso engadimos que a muller se está incorporando ó mundo da maternidade máis tarde, os tecidos non ceden da mesma forma e hai maior risco de patoloxías asociadas, explícase que o número de cesáreas aumente.

 

Hai unha maior tendencia a programar os partos?

A indución por causa médica non ten dúbida, pero é lícito facer inducións por causa non médica? En determinadas circunstancias, si. Pero primeiro hai que informar a paciente, nunca se debe enganala, e se está de acordo e as condicións son favorables para que ese parto vaia ben, pois adiante.

 

Hai épocas do ano mellores ou peores para dar a luz?

Non. Hai épocas do ano en que hai mulleres que prefiren dar a luz. Niso inflúe moito a cuestión laboral. O que ocorre é que, ás veces, non se produce o embarazo cando un quere, senón cando a natureza quere .

Pensa que as fases da lúa inflúen no parto?

Un ciclo mestrual é un mes lunar; un embarazo, un ano lunar; o feto está metido nun líquido e sometido a presións hidroestáticas, como ocorre coa lúa e as mareas. Debería haber influencia da lúa. No entanto, fixéronse multiples programas informatizados para verificalo, e non se chegou a ningunha conclusión sobre que fase lunar é máis proclive a máis partos.

 

Que idade é a máis idónea para que a muller teña fillos?

Bioloxicamente, entre os 21 e os 28 anos, e non se debe sobrepasar os 33 anos.

 

Cales son as patoloxías que máis afectarán nas próximas décadas o sistema reprodutor da muller?

Desde o punto de vista da fecundidade, o que máis está afectando é a entrada tardía da muller no ciclo reprodutivo; entre 34 e 35 anos con moita frecuencia. Ten a súa explica­ción: carreira universitaria; in­corporación ó traballo, coas súas dificultades, e desenvolvemento laboral durante un tempo... Cando se dá conta está nos 32, 33 ou 34 anos. A partir dos 32/33 anos empeza a diminuír a taxa de fecundidade dunha forma clara e continua. Aumentou moito a afectación polo virus da HPV, que pode ser o causan­che do cancro de pescozo de útero.

 

Como vai a batalla contra a sida?

Pasamos de que era unha enfermidade para grupos de risco a que as relacións heterosexuais tamén formen parte dese grupo de risco. Pero os tratamentos case lograron que a sida sexa hoxe unha enfermidade crónica e non teña a alta taxa de mortalidade que tivo. Dentro de moi pouco tempo lograrase eli­minar por completo a transmisión do virus da sida de nai a fillo no embarazo.

 

A que idade se debe vacinar contra o papiloma humano?

En principio as sociedades xi­necolóxicas aconsellaron póla en nenas que, estatisticamente falando, non iniciasen relacións sexuais e, xa que logo, non entrasen en contacto co virus do HPV. De maneira que se vacina a todas as nenas ó cumprir 14 anos. Xa terminaron as fases de ensaio clínico 3, e sabemos que a resposta de anticorpos é practicamente igual ata para mulleres de ata 43/44 anos. É dicir, porase vacinar unha muller, sobre todo se son en zonas de risco, a calquera idade aínda que xa teñan algún contacto co virus da HPV. Porque, ademais protexer contra as ce­pas 16/18 -hai máis de 120 cepas distintas do virus do HPV- pode ter reacción cruzada contra moitas outras cepas.

 

A que idade se debe iniciar a educación sexual?

Nos inicios dos oitenta, cando se despenalizou a anticoncepción, tiñamos unha taxa de embarazos non desexados elevada, e pensabamos que era porque non había información. Pasaron moitos anos desde aquela, hoxe hai información, ata ás veces excesiva, e é fácil acceder a ela, con todo non diminuíu a taxa de embarazos non desexados. Probablemente o que estea fallando é que falta unha formación sexual adecuada.

 

Quen debe impartir a for­mación sexual?

Ás veces iso crea un conflito de intereses. Hai pais que consideran que deben ser eles os que a impartan; o problema é se están preparados. Pero nos colexios tampouco os docentes están preparados en educación sexual. A educación sexual non consiste en falar un día do aparello xenital e do preservativo, é moito máis complexa e debería darse nas facultades de pedagoxía como unha materia, para que, á súa vez, os docentes puidesen impartila nos colexios.

 

Que opina da nova lei de interrupción do embarazo?

Os únicos cambios que houbo coa nova lei, son que a Seguridade Social se fará cargo de todo tipo de interrupción do embarazo e que se aumenta o prazo de 12 a 14 semanas. Non sei por que esgazan as vesti­duras algunhas persoas, pois xa se facían interrupcións antes, sempre que as persoas tiveran diñeiro para pagalas. O que non entendo é por que se aumentou o prazo de doce a catorce semanas, pois canto máis tempo se tarde en facer unha interrupción, maiores riscos corre a muller. En canto ó dos dezaseis anos, pór unha fronteira sempre é moi difícil: hai nenas que poden ter 18 anos de idade e ser moi inmaturas, e outras con 16 ser máis maduras. En cada centro que se vaian facer interrupcións de embarazo, debería ter un psicólogo clínico para avaliar as persoas e conseguir que non haxa ningunha repercusión psicolóxi­ca posterior á interrupción do embarazo. Tamén se podería facer unha avaliación de se unha nena de 16 anos está en condicións de adoptar esa decisión.

 

Que supón a ablación do clítoris na muller. Dificulta á hora do parto?

Podo contar unha anécdota. Eu crin que iso era froito da ignorancia, e levei unha sorpresa cando a unha paciente exipcia, de profesión arquitecta, lle chegou o momento de facer unha exploración clínica e comprobou que tiña ablación do clítoris. Mostreime arrepiado, a ela pareceulle moi mal, e díxome que se ela tiña fillas lles faría a abla­ción do clítoris. Sospeito que está tan enraizada nalgunhas culturas que, no caso de que se prohiba oficialmente, seguirase facendo en segredo. A ablación do clítoris non necesariamente fai máis difícil o parto, pero si elimina determinadas facetas da sexualidade da muller.

 

Pensa vostede que o cambio de sexo é un novo reto da medicina?

Unha decisión dese tipo tómase logo de sopesalo moito e pasar por numerosos estudos psicolóxicos. Aínda que afecta a unha parte moi pequena da poboación, teñen os seus dereitos.

 

É vostede partidario da re­produción asistida?

Absolutamente. Debemos utilizar todas as tecnoloxías dispoñibles para lograr que unha muller poida ter un fillo.

 

Que importancia teñen as células nai do cordón um­bilical?

Coas células nai do cordón umbilical poden ser tratadas enfermidades conxénitas e enfermidades adquiridas. En enfermidades adquiridas, poden ser tratadas varios tipos de leucemias, a enfermidade de Hodg­kin, as síndromes mielodisplásicas, como as aplasias medulares. E dentro das enfermidades conxénitas, a asemia maior, a trepanocitose, algúns tipos de anemias importantes e unha serie de enfermidades raras.

 

A diabetes pódese curar con células nai?

Aínda, non, pero é unha das posibilidades futuras.

O PERFIL

En que lecturas anda?

Á parte das lecturas relacionadas coa pro­fesión, acabo de ler un best-séller, O símbolo perdido, de Dan Brown, e vou empezar a ler Un mundo sen fin, de Ken Follet.

 

Vai con frecuencia ó cine?

Non coas ganas que eu quixera, porque, co­mo sempre estou pendente de que me chamen para algunha urxencia médica, dáme medo. Non é a primeira vez que teño que saír correndo da sala de cine para ir atender un parto. Así que escollo moitísimo cando vou ó cine e, obviamente, a película.

 

E ó teatro?

Estes anos fun ver tres representacións no Rosalía de Castro. A última, unha obra, que me encantou, de Héctor Alterio e Pepe Sacris­tán, Dos Menos.

 

Que tipo de música lle gusta escoitar?

De todo tipo. De feito, teño recollidas no meu iphone 1.200 cancións, que van desde os anos 1950 ata hoxe.

 

Cales son as súas preferencias en artes plás­ticas?

Sen ningunha dúbida, a fotografía. Encántame e apaixóname.

 

A arquitectura é arte?

Por suposto. Outra cousa é que ti esteas de acordo con determinadas liñas arquitectó­nicas. Foino ó longo da historia da hu­manidade, aí está todo o legado patrimonial de obras arquitectónicas que recibimos, e ségueo a ser.

 

Onde lle gusta viaxar?

Cada vez estanme gustando máis as viaxes que teñan como motivo principal a natureza, e menos as viaxes ás grandes cidades. A última viaxe que me impactou moito foi a África, a un parque natural en África do Sur. E agora estou preparando unha viaxe a Vietnam, que creo será moi interesante.

 

Adoita cociñar?

Pouco.

 

Como recibiu o seu primeiro teléfono móbil?

O teléfono móbil eu descubrino nos Ánxeles. Era un armatoste tremendo, e cando vin que a guía que nos acompañaba falaba desde a rúa con el, pensei que aquilo era un milagre (eu coñecía os teléfonos dos coches). Vaites, díxenme, cando isto chegue a España, será meu. De volta na Coruña, falei cos de San Luís, dixéronme que aínda non chegara, e pedinlles, por favor, que me avisasen en canto tivesen o primeiro móbil. E, efecti­vamente, a finais de 1991 ou 1992, avisáronme. Así que fun un dos primeiros en ter un móbil na Coruña: ata ese momento levabamos os mensáfonos, e cando nos avisaban do hospital, tiñamos que localizar rapidamente o teléfono máis próximo e chamar. Para min, o teléfono móbil foi unha gran liberación profesional, a pesar de que ao principio che daban unha especie de plano para que soubeses en que sitios había cobertura e en que sitios non a había.

 

E o PC portátil?

O PC portátil utilízoo pouco, porque me actúa de PC o iphone. Estou continuamente conectado a internet, e iso axúdame moito profesionalmente.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS