Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 12.11.2019 Actualizado 23:42
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Sociedade

SANIDADE

Catorce mortos en Alemaña pola "crise dos cogombros"

España pídelle explicacións ó país xermano por crear sen datos certos unha alarma que está a prexudicar gravemente os agricultores

REDACCIÓN  | 31.05.2011 
A- A+

Catorce persoas morreron polo xermolo infeccioso en Alemaña atribuído en principio a unha partida de cogombros españois, ante o cal España anunciou onte que lle pedirá axudas á UE para paliar as perdas e estuda solicitar indemnizacións polo que considera acusacións "sen fundamento". O xermolo infeccioso débese a unha variante enterohemorráxica da bacteria intestinal Escherichia coli, debido á cal onte se produciron catro novas mortes en Alemaña, que se suman ós dez falecementos da semana pasada.

En concreto, as mortes débense á síndrome urémico-hemolítica (SUH) que provoca este xerme patóxeno e que causa insuficiencia renal, anemia hemolítica microanxiopática, trombocitopenia, defectos de coagulación e signos neurolóxicos variables. Os casos de infección pola bacteria intestinal ascenden a 1.200 e os afectados pola SUH son xa 352, segundo o Instituto Robert Koch de Berlín. O ministro alemán de Sanidade, Daniel Bahr, alertou de que o foco infeccioso segue activo e "lamentablemente hai que contar cun crecente número de casos".

Pero, ante o que considera acusacións "precipitadas e sen fundamento", España pensa solicitarlle á Unión Europea (UE) "algún tipo de indemnización". O secretario de Estado español para a UE, Diego López Garrido, dixo que é necesario esperar os resultados das análises sobre a orixe do xermolo antes de adoptar unha medida deste tipo e sinalou que as empresas españolas afectadas poderían iniciar "procedementos de responsabilidade civil", aínda que deberán ser elas mesmas as que "tomen a iniciativa".

Insistiu en que as medidas adoptadas nalgúns países para bloquear a importación de produtos espa- ñois "non están xustificadas con base ó dereito europeo", xa que "non existen fundamentos cientificamente comprobados sobre que esas enfermidades, que se produciron en Alemaña, obedezan a un produto español". Por outra banda, o Goberno de España solicitaralle axudas á UE para paliar as perdas causadas ó seu sector hortofrutícola polo xermolo infeccioso, despois de que os produtores españois estimasen os danos en 200 millóns de euros semanais.

A ministra española de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Rosa Aguilar, quen onte analizou a situación con representantes de organizacións agrarias, subliñou que España "non consentirá que se lle siga facendo dano gratuitamente ó sector" e pediralle a Alemaña aclaracións sobre o transporte e a distribución dos cogombros para coñecer con certeza que ocorreu. Así mesmo, a titular española de Sanidade, Leire Pajín, afirmou que ata a data "non hai ningunha proba, nin evidencia" de que en España se producise a contaminación dos cogombros.

Rusia péchalles a fronteira ás verduras españolas e alemás

A pesar diso, Rusia prohibiu a partir de onte as importacións de verduras procedentes de España e Alemaña e afirmou que, se non hai cambios, esta medida se estenderá a todas as verduras europeas.

Tamén Bélxica prohibiu a importación de cogombros das dúas explotacións españolas sospeitosas de distribuír a hortaliza contaminada pola bacteria intestinal, mentres a República Checa ordenou a retirada de dúas remesas chegadas a semana pasada de Alemaña, como fixo Dinamarca nos últimos días con produtos hortofrutícolas procedentes de España.

En Austria iniciouse unha operación para retirar da venda ó público cogombros, tomates e berenxenas das tendas que adquiriron produtos de dous almacenistas de verduras alemáns que compraran a empresas españolas.

TRANQUILIDADE

A CE, en contra do bloqueo xeral

En xeral, os países da Unión Europea reforzaron a vixilancia sobre os cogombros, tomates e outras verduras á venda, á espera de ter máis datos sobre a orixe da contaminación por esta perigosa variedade da bacteria Escherichia coli.

No entanto, un experto da Comisión Europea destacou que non se considera necesario un bloqueo xeral da importación de cogombros e outros produtos agrícolas procedentes de España. Para o Executivo comunitario, o bloqueo dos produtos cultivados nas dúas explotacións concretas que lle comunicou o Executivo español é suficiente ata que se dispoña de datos fiables sobre a orixe da infección.

O foco infeccioso, segundo medios alemáns, foi detectado tras realizar análises, entre outras verduras, a catro cogombros escollidos aleatoriamente do mercado central de Hamburgo, dos cales tres procedían de España (un deles de cultivo biolóxico) e o outro de Holanda.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS