Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 21.02.2020 Actualizado 20:17
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Sociedade

informe

A cifra de nenos obesos cae cinco puntos cando a nai ten estudos

Os fillos dos inmigrantes sofren máis esta enfermidade que, segundo un estudo, está máis relacionada co nivel educativo que cos ingresos

EFE . MADRID   | 03.01.2011 
A- A+

paquet
Un dos 33 inmigrantes subsaharianos rescatados onte na Illa de Alborán polo ‘Salvamar Hamal’
FOTO: paquet

Os nenos con pais que completaron a educación Secundaria teñen menos probabilidade de seren obesos, e o risco é aínda menor no caso de que os proxenitores -sobre todo nais- teñan formación universitaria. Así, a porcentaxe de nenos obesos en España -de orixe inmigrante ou non- cae do 22 por cento ó 17 por cento cando a nai ten estudos universitarios, e do 18 por cento ó 14 por cento cando o que pasou pola universidade é o pai.

Por outra banda o 21 por cento de nenos de entre cinco e dez anos de orixe inmigrante padece obesidade, fronte ó 16,6 por cento dos de pais españois, feito que está máis relacionado co nivel educativo dos proxenitores que cos ingresos familiares, segundo o estudo "Infancia e futuro. Novas realidades, novos retos".

O informe, elaborado a partir dunha enquisa a 2.200 pais e nais con fillos de cero a dez anos, revela tamén que os fillos de inmigrantes teñen un 80 por cento máis risco de seren obesos que os de españois.

Ante unha mesma educación parental, "o nivel de ingresos e a situación laboral dos pais non explican a variación na obesidade dos nenos", sinala este estudo da Fundación La Caixa, entre cuxos autores se conta o sociólogo e investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) Pau Marí-Klose.

Outros factores de risco para a obesidade infantil son as familias monoparentais -os nenos teñen peores hábitos polo menor control parental-; a percepción de que os pais pasan pouco tempo con eles, e a pouca implicación dos pais na vida do neno, cuxo efecto é tan determinante como os factores socioeconómicos. Os nenos de orixe inmigrante copan todos os ránquing de vulnerabilidade, posto que o 38% ten un nivel baixo de competencia socioemocional e o 23 por cento teñen problemas de rendemento académico. En ambos os casos, o nivel educativo dos pais é máis determinante que a situación económica e laboral da familia -catro de cada dez son pobres-. A competencia emocional, que se refire á sociabilidade, estado de ánimo e conduta dos nenos, é maior en menores con pais máis implicados; que non recorren de forma abusiva ós castigos; e que mitigan as tensións no fogar. Tamén é maior canto máis se estimula o neno, con actividades conxuntas como ler e facer manualidades. En canto á pobreza, o informe alerta de que catro de cada dez nenos inmigrantes están en situación de pobreza.

PATERAS

Alta médica para o bebé

Recibe a alta médica unha nena de oito meses que antonte chegara xunto a 33 expedicionarios ao Porto de Motril. Segundo a policía, dos catro inmigrantes tratados só queda ingresado un home.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS