Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Sociedade

concienciando

Cordero: "Podemos sentirnos sans e estar infectados de VIH"

"O virus non ten síntomas, a sida si", advirte o activista ante os alumnos da USC, a onde levou a súa campaña contra "a seroignorancia" e en defensa de que "todos deberiamos facer o test"

M. T. . SANTIAGO   | 02.12.2010 
A- A+

Breogan Alamancos/AGN
O activista Carlos Cordero no hall da Facultade de Ciencias da Comunicación
FOTO: Breogan Alamancos/AGN

Todos deberiamos facer o test da sida. Esa é a postura do activista Carlos Cordero, quen defende a medida como un paso para tomar conciencia: "Se resulta que che dá negativo, estupendo, a partir dese momento adoita nacer en ti unha responsabilidade de que te vas coidar e que te vas preocupar da saúde dos demais; se che dá positivo, o que o mellor que pode acontecer é que o saibas canto antes, porque o tratamento precoz salva a vida; o que non podes é manterte seroignorante, e iso só se pode combater coa proba serolóxica", explica.

Cordero, que leva desde o ano 2003 xunto a Sergi Agustí, director do documental El camino de Muzuzangabo desenvolvendo o labor de concienciador "independente" por cidades do Estado, apoiados por Casa África - un consorcio público integrado polo Ministerio de Asuntos Exteriores, a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e outras institucións-, falou onte na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela cos estudantes para informalos da importancia de facer o test. "Podemos ter aparencia de saúde e estar infectados de VIH, e a nosa parella igual -advirte-. A Sida é o que ten síntomas, non o virus, por iso a xente tarda tanto en facer a proba".

O 6% dos novos casos de Sida corresponderon en Galiza a mozos de entre 20 e 24 anos. "A xente nova estáse a relaxar", asegura Agustí, quen rodou o documental na República Democrática do Congo, onde Cordero levaba tempo traballando con Médicos sen Fronteiras. "A nosa mensaxe é universal, o noso activismo debe empezar en nós mesmos", conclúe.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS