Hemeroteca web
|
RSS
Martes 22.05.2012
| Actualizado 12.06
![]() |
| Un traballador dun estaleiro galego protesta pola falla de traballo no seu sector FOTO: kiko delgado |
A crise económica está empeorando a saúde dos españois porque empeoran as súas condicións de vida e traballo. Emendar esta situación "non depende só nin fundamentalmente" de mellorar a asistencia sanitaria, con máis hospitais ou as últimas tecnoloxías, senón de que Goberno e autonomías valoren o impacto das súas políticas sociais e laborais sobre a saúde pública antes de polas en marcha.
Esta é a principal conclusión do Informe da Sociedade Española de Saúde Pública e Administración Sanitaria (Sespas) 2010, unha análise bianual elaborado por 56 expertos desta entidade científica que se presentará no Congreso dos Deputados e fixo público onte en Madrid o presidente de Sespas, Andreu Segura, e os seus editores Juan Oliva Moreno e Vicenta Escrb-Agir.
Segundo este informe, a actual "cultura do desbaldimento" que existe nos servizos sanitarios, onde se abusa do uso de novas tecnoloxías e dáse prioridade ó incremento do número de novos hospitais ou centros de saúde, está "pasando por alto os auténticos determinantes da saúde", que son sobre todo as condicións de vida e de traballo, a educación, a vivenda e os hábitos de vida.
Para o presidente de Sespas, nestes momentos estase producindo "un dispendio económico cunha presión asistencial moi grande, con moitas visitas de médicos e enfermeiras e cun resultado sobre os determinantes moi escaso cando non nulo" porque, a pesar destes esforzos, aumenta o sedentarismo, a obesidade e as enfermidades cardiovasculares, mentres se eleva a dependencia entre os maiores. "A promoción da saúde e a prevención das enfermidades cardiovasculares enfócase como unha tarefa esforzada que consome moitos recursos e ten moi pouco rendemento, porque a maioría da poboación segue aumentando a proporción de obesidade, sobrepeso e sedentarismo e factores como a hiperensión arterial", di.
"Só en prescrición de medicamentos contra a hipertensión e o colesterol vaise o 17 por cento do custo público en farmacia, case un cinco por cento do gasto corrente que estamos evitando á sanidade pública", engade Segura, recordando que España dedica a saúde pública só un 1,3 por cento do gasto en sanidade, "case tres veces menos que o que se gasta en fármacos para a tensión e estatinas no sistema público".
A crise económica está "empeorando" estes indicadores de saúde. Así, a redución das prestacións para desempregados, o paro, a inseguridade laboral e o "rexurdimento da economía informal" fixeron que aumenten, a curto prazo, enfermidades mentais, como a depresión ou os trastornos de ansiedade. Ademais, di Segura, "o aumento de suicidios é moi frecuente coas crises".
Así mesmo, a baixa proporción de PIB destinado a gasto social (21%), fronte ó 27 por cento que destina o resto de Europa, e as "numerosas diferenzas sociais e económicas" que sofren os habitantes en función da comunidade autónoma onde vivan reduce, en moitos casos, "as oportunidades de ter un envellecemento activo". "As políticas que diminúan os ingresos dos maiores aumentarán a súa pobreza e deteriorarán a súa saúde", advirten no seu informe.
A xuízo do responsable de SESPAS, a solución a esta situación pasa por "equilibrar este esforzo e que se dea máis atención a facilitar as persoas que poidan alimentarse adecuadamente e levar unha actividade física adecuada, que moitas veces significa poder andar", para o que é "determinante" que se produza "un cambio na contorna das cidades e as políticas multisectoriais".
En concreto, para lograr o cambio, "hai que empezar por analizar a estrutura, o financiamento, as prestacións, as actividades, os produtos, os resultados e os custos dos dispositivos españois en saúde pública". O obxectivo é "limitar o consumo sanitario inapropiado e reducir a radicalización e a iatroxenia", a alteración daniña do paciente pola acción do médico ou dos medicamentos.
O 70 por cento dos españois está "cansado e falto de enerxía"
Case o 70 por cento dos espa- ñois di sentirse "cansado e falto de enerxía", segundo unha enquisa de Pfizer-España, que reflicte que lles gustaría ter unha hora máis ó día para dedicarse ás actividades que lles gustan e, deles, máis da metade dedicaría á práctica de exercicio físico. Esta é unha das principais conclusións que se extrae do estudo, realizado a homes e mulleres de entre 25 e 65 anos, do que se desprende que o principal responsable do cansazo acumulado é a tensión do traballo para o 59 por cento dos homes e o 65 por cento das mulleres.
Isto, sumado ás responsabilidades no fogar, son os factores "clave" que, segundo a enquisa, fan que o cansazo reduza o tempo que se debería dedicar ó coidado da saúde. En consecuencia, o 74 por cento das mulleres séntese "moi fatigada", fronte a 55 por cento dos homes. No entanto son elas (52 por cento) as que manifestan ter máis enerxía para compaxinar a vida persoal e laboral. Pola súa banda, o 80 por cento dos enquisados confesa que lle encantaría poder atopar o equilibrio entre traballo, lecer e exercicio.
Neste sentido, a primeira actividade que os españois deixan de facer ó sentirse cansados é o exercicio físico (39 por cento), seguido de pasar tempo coa familia e amigos (17 por cento) e dedicar máis tempo ó lecer (16 por cento). Así mesmo, tanto homes como mulleres recoñecen que necesitarían esa hora extra para pasar máis tempo coa familia e amigos (50 por cento) e durmir máis (33 por cento) que son precisamente as actividades que farían aumentar o equilibro emocional e a saúde. "O estilo de vida actual, coa tensión e a falta de tempo, leva asociado hábitos alimenticios inadecuados dando lugar a carencias de vitaminas e minerais. Unha dieta completa e equilibrada, que asegure a inxesta suficiente de nutrientes esenciais, é un requisito fundamental para unha vida sa chea de enerxía e para manter o benestar xeral", recomenda a Sociedade Española de Dietética e Ciencias da Alimentación.
O Goberno traballa na futura lei
O SESPA espera que a futura Lei de Saúde Pública (unha norma cuxo paso polo Consello de Ministros, previsto para este venres, se atrasou ata o próximo porque se están modificando cousas), podería solucionar as repercusións da crise na calidade de vida. SESPA apoia en termos xerais esta norma, coa que están "esperanzados", pois "coinciden co Goberno en que a saúde pública pode contribuír á mellora da saúde da poboación e á racionalización do sistema sanitario".
Advirten de que lles preocupan aspectos fundamentais sobre a formación e o exercicio profesional da saúde pública en España, xa que un profesional con titulación e experiencia similar á doutros "cobra moito menos en Saúde Pública", aproximadamente "un 20% menos", e ten "unha capacidade menor, porque é un campo moi funcionalizado".
