Hemeroteca web
|
RSS
Martes 22.05.2012
| Actualizado 12.06
![]() |
| Elías Pérez, presidente da Asociación ‘Dereito a morrer dignamente’ en Galicia FOTO: g.h |
O Goberno vai aprobar en marzo do ano que vén unha Lei de Coidados Paliativos e Morte Digna para garantir os dereitos dos pacientes en situación terminal, segundo o anunciou onte o vicepresidente primeiro e ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, quen precisou que "non é unha lei de eutanasia".
Na rolda de prensa posterior ó Consello de Ministros, Rubalcaba explicou que é unha lei á que "dan moita importancia" xa que permitirá a calquera cidadán "ter o dereito a morrer dignamente, que é tanto como dicir morrer sen dor cando a ciencia médica permite que así sexa". Ademais, recoñeceu que "todo o mundo pode entender esta lei" porque "case todo o mundo tivo algunha situación da natureza que vai regular". Asegurou que garantirá os dereitos do paciente "por suposto", pero tamén os dos familiares e os médicos, insistindo en diferenciar estas situacións da eutanasia porque esta "é unha decisión de alguén que decide morrerse".
En resposta a esta iniciativa o presidente da Asociación "Dereito a Morrer Dignamente", Elías Pérez Sánchez, asegura que agora mesmo en Galicia non está garantido esa morte digna e depende "das decisións, as veces, gratuítas, do facultativo".
Elías Pérez recoñece que a súa asociación só lle chegan as malas experiencias, os casos máis graves, de persoas agónicas e en estado preagónico a quen non lle practican unha sedacción, tal e como propón a deontoloxía médica actual. De feito a asociación está traballando nun protocolo de denuncia deste tipo de situacións. "Hai casos onde nin sequera tiveron en consideración o testamento vital e é preciso pedir a alta volutaria para que poida morrer na súa casa coa sedacción que lle correspondería", apunta. Para o presidente de Dereito a Morrer Dignamente a nova lei dará solucións "sempre e cando incida na obriga dos médicos de cumplila. Se, se da o caso contrario e deixa nas mans dos facultativos a decisión final non axudará nada". Ademais crítica os comités de ética dos hospitais: "Está demostrado que son plurais profesionalmente pero non ideoloxicamente e as veces as consultas entre eles redúcense a unha reunión de 15 minutos". Tamén denuncia a "hipocrisía" dalgúns políticos que "non apoian a morte digna pero a piden para os seus familiares".
Pola súa banda a asociación Dereito a Morrer Dignamente no ámbito nacional César Caballero, considera que futuro aprobación dunha nova Lei de coidados paliativos e morte digna é unha medida "electoralista" xa que "non supón ningún avance para os cidadáns españois mentres non se despenalice, xa non a eutanasia, pero si o suicidio asistido". Caballero afirmou que o modelo no que supostamente se vai basear esta lei (o de Francia) "en moitas cousas está máis atrasado que o español, polo que este anuncio é máis un canto de serea, de dicir imos facer unha lei agora que hai eleccións a ver se nos gañamos electorado".
"O fondo sería avanzar cara á despenalización do suicidio asistido, pero o Goberno non quere facelo, segue coa coartada de que ata que todos os cidadáns non teñan asegurados os coidados paliativos non se despenalizará esta actividade", asegura.
"Axudar a finar é do máis nobre que fai un médico"
Luciano Vidán, xefe do servizo de hospitalización a domicilio do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), está acostumado da tratar coa morte. Alí, na "Casa do Paciente" entre o 30 e 40 por cento dos pacientes que ingresa precisa coidados paliativos. Médico vocacional, asegura que axudar a morrer en paz e con dignidade e cando xa non é posible ningún tratamento, "é unha das facetas máis bonitas e nobres que pode facer un médico, ó mesmo nivel que traer unha persoa ó mundo". Luciano Vidán asegura que se sente feliz axudando á xente nas últimas semanas nunha situación "pola que todos temos que pasar" aínda que recoñece a existencia de prexuízos de moita xente que segue pensando que a mediciña "só é previr e curar".
Con referencia ó anuncio do goberno nunha proposición de lei para os coidados paliativos e para a morte digna considera que é algo "que xa se está facendo na actualidade". "A nova norma só pode reforzar e garantir o que hai agora, como é o testamento vital, os coidados paliativos, que non haxa dor innecesario, que non haxa encarnizamento....". Segundo a súa opinión e experiencia como facultativo nunha sección de coidados paliativos, un médico non pode obxectar a que un paciente morra sen dor. "É algo obvio", asegura. "Non hai que regular por lei que un galego non debe matar á xente, é algo que vai coa nosa ética, coa deontoloxía, é a inspiración básica da nosa profesión", reitera.
Ó respecto, Luciano Vidán, prefire esperar a que se desenvolva a lei para estudala polo miúdo porque "parece lóxico que chegado o momento non se fagan máis esforzos para manter unha vida que se está indo pero logo hai que trasladalo a cada caso, igual que pasa no tema do aborto, resalta.
O xefe do servizo de hospitalización a domicilio do CHUAC lembra as conclusións acadadas nun foro recente sobre este tema e que encerran os principios filosóficos, sobre o que as leis deberían afinar: "No punto final da vida hai que apostar polos coidados paliativos, pola limitación do esforzo terapéutico, pola autonomía do paciente e polas últimas voluntades expresadas no testamento vital", insiste. Do que non lle cabe a menor dúbida é que todos asinariamos por "unha morte digna, rodeados dos noso e, a poder ser, na nosa casa". Tamén ten en mente que a nova lei será parecida á andaluza, que hoxe en día é a única norma que regula e ordena este tipo de coidados abordando tanto os dereitos do pacientes como as obrigas dos profesionais que os atende. Nela incídese na necesidades de seda-ccións paliativas e a obriga a non instaurar medidas de sorporte vital en falta de expectativas.
"Están coando a eutanasia"
As asociacións de Dereito a Vivir e o Foro da Familia criticaron ó Goberno ó entender que o anuncio dunha futura lei de Coidados Paliativos e Morte Digna supón "intentar coar a eutanasia pola porta de atrás". O presidente do Foro da Familia, Benigno Blanco, anunciou "tolerancia cero" coa futura lei que permite a eutanasia. "Evidentemente, foxen desta palabra". O Goberno convértese en "defensora da morte en lugar da vida" e supón un "paso irreversible" no campo da medicina, polo que esta asociación promoverá mobilizacións. Pola súa banda, a voceira de "Dereito a Vivir", a doutora Gádor Joya, sinalou que é "absolutamente innecesaria" posto que entende que son os membros do persoal sanitario quen están coidando ata os últimos momentos da vida ós pacientes.
